Dirixido ao alumnado da ESO e de 5º e 6º de Primaria

O Concello de Santiago leva aos centros educativos un programa sobre saúde mental "para evitar condutas de risco"

 Os obxectivos do programa son informar sobre os trastornos mentais máis frecuentes, evitar os estigmas e prexuízos en torno á saúde mental, e pevir condutas de risco

Está dirixido ao alumnado da ESO e de 5º e 6º de Primaria

Informar sobre os trastornos mentais máis frecuentes, evitar os estigmas e prexuízos en torno á saúde mental, e pevir condutas de risco. Son os obxectivos do programa de promoción da saúde mental dirixido ao alumnado da ESO e de 5º e 6º de Primaria que a Concellaría de Xuventude pón en marcha en colaboración coa Asociación Itínera. A concelleira, María Rozas, presentou este luns a actividade, que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro nos IES e CEIPS de Compostela. Fíxoo acompañada por Carlos Martínez Uzal, coordinador de Itínera.

O programa consiste en dúas sesións de traballo con cada grupo ou clase. Na primeira delas explícanse conceptos relacionados coa saúde mental, a orixe das enfermidades mentais e as condutas que favorecen os trastornos, ou mesmo o papel das redes sociais no seu desenvolvemento. Na segunda sesión afóndase máis nas tipoloxías dos trastornos mentais, a súa estigmatización e a integración das persoas que os sofren. As sesións, de 50 minutos cada unha, están deseñadas para fomentar a participación activa do alumnado.

O coordinador de Itínera explicou que "o importante das sesións é que se desenvolven como un diálogo aberto, de maneira que o alumnado achega tanto problemas como posibles solucións sobre as que non se tiña reflexionado, porque as novas xeracións reclaman modelos diferentes que as precedentes". Carlos Martínez Uzal salientou a importancia "dunha intervención comunitaria efectiva, que vaia máis alá destas sesións, co obxectivo de traballar para termos unha xeración preparada académicamente, pero tamén unha xeración de xente feliz".

As actividades vanse desenvolver ao longo dos meses de outubro e novembro, e polo momento están previstas 11 intervencións. Os CEIPs e IES que desexen sumarse ao programa e que aínda non estean inscritos poden facer a solicitude a través do mail dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.

"Saúde mental, un dereito universal"

Na presentación da actividade, María Rozas lembrou que o próximo 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, que este ano leva por lema "Saúde mental, un dereito universal". Para a concelleira de Xuventude, "actividades como a que hoxe presentamos son unha boa contribución nesa liña, na que queda aínda moito por avanzar, porque mesmo Nacións Unidas alerta de que en ningún lugar do mundo a saúde mental recibe a mesma atención que a saúde física, en termos de orzamento ou educación".

Rozas tamén incidiu na importancia de falar de saúde mental coa poboación máis moza, xa que os datos de Unicef din que un de cada sete adolescentes de entre 10 e 19 anos ten un problema de saúde mental diagnosticado en todo o mundo. No estado español, case o 21 por cento de mozos e mozas desas idades sofren trastornos mentais como depresión, ansiedade, trastorno bipolar, desordes alimentarios, desordes de conduta, ou déficit de atención. Para a concelleira, "programas de concienciación coma este poden axudar a evitar eses trastornos, alertan sobre as condutas de risco e, sobre todo, permiten que se fale con naturalidade e con claridade sobre a saúde mental, evitando estigmas e tabúes que non favorecen nin a prevención nin o tratamento".