A proposta do PSOE para o CHUS: 420 prazas, mellorar a rotación e transporte colectivo para os traballadores

Os socialistas inciden en que a execución do novo aparcadoiro podería realizarse "a curto prazo" e cun “orzamento asumible"

Nas prioridades orzamentarias da Xunta están os despachos e as oficinas, pero non facilitar o acceso das persoas que van a un hospital”, afeou Rosón

O aparcamento do CHUS continúa a xerar polémica entre a Xunta e o goberno local

Gonzalo Muíños e Mercedes Rosón durante a rolda de prensa

Gonzalo Muíños e Mercedes Rosón durante a rolda de prensa / Cedida

O aparcamento do CHUS e a mobilidade na súa contorna continúa a xerar debate en Santiago. Así, centrará o próximo pleno a razón dunha proposición do grupo socialista.

Neste senso, o PSOE vén de anunciar, a través dun comunicado, un plan de dobre liña de traballo que consiste na execución dun aparcadoiro de 420 prazas e na mellora da rotación das prazas actuais.

Así o explicou o portavoz socialista Gonzalo Muíños, uns detalles que segundo el explica xa puxeran en marcha durante o seu mandato: “cedemos á Xunta unha parcela de 3.500 metros cadrados para a construción dun aparcadoiro, a 50 metros do hospital, ao carón do CEBEGA, con 420 prazas”. Unha solución “realista” e que ofrece unha resposta “inmediata” froito do traballo previo, reitera.

Para Muíños, a execución do novo aparcadoiro podería realizarse "a curto prazo" e cun “orzamento asumible se hai vontade política desde a Xunta”. Precisamente, neste sentido a concelleira Mercedes Rosón asegurou que é “moi revelador” que para a ampliación do edificio administrativo da Xunta, en San Caetano “si haxa orzamento, se liciten unhas obras e tempo récord e se executen con dilixencia” e que, para crear prazas para os usuarios dun hospital público” non haxa “nin interese nin orzamento”.

Nas prioridades orzamentarias da Xunta están os despachos e as oficinas, pero non facilitar o acceso das persoas que van a un hospital”, afeou Rosón a unha actitude por parte da Xunta que cualifica de “sorprendente e decepcionante”.

Optimización e transporte colectivo

Xunto ao aparcadoiro de 420 prazas, sumaríanse dúas actuacións: mellorar a rotación das prazas existentes para evitar que haxa vehículos que permanezan varios días aparcados sen cambios e transporte colectivo para o persoal sanitario.

Neste senso, os socialistas insisten en sinalar á Xunta como a “única administración con competencias” para organizar a mobilidade na contorna do centro hospitalario.

Futuras ampliacións

Paralelamente a estas iniciativas, os socialistas propoñen tamén que se traballe na ampliación da parcela do Clínico co desenvolvemento do sector de solo urbanizable SUD 9-10.

"Temos que crear as circunstancias propicias para que o CHUS siga medrando", pero, recordou Rosón, coa "previsión suficiente" para evitar que a situación actual se repita.

Ao respecto, engadiu que ten que mellorarse o acceso desde o periférico na avenida de Xosé Filgueira Valverde e completar o enlace coa rúa Choupana.