Entrevista | Raquel Rodríguez González Decana da Facultade de Enfermaría da USC

“A sociedade ve a enfermaría como unha profesión excesivamente técnica e carente de autonomía”

Raquel Rodríguez, decana da Facultade de Enfermería da USC

Raquel Rodríguez, decana da Facultade de Enfermería da USC / Jesús Prieto

Raquel Rodríguez (Monforte de Lemos, 1982) ven de ser elixida por unanimidade decana da Facultade de Enfermaría da USC e como un dos principais retos desta nova etapa cita o feito de dar unha resposta axeitada ás necesidades formativas do alumnado entrante no ámbito das prácticas clínicas, o que require dunha organización meticulosa e do traballo en equipo.

Como asume o reto de ser a nova decana de Enfermaría da Universidade de Santiago?

Con ilusión e o convencemento de que a facultade se atopa nun momento de madurez, capaz de afrontar novos retos con éxito.

A construción da nova facultade está previsto que se inicie no mes de xullo do 2024. Será un edificio que mellorará a formación e obxectivos do centro?

É fundamental dispoñer de infraestruturas e espazos axeitados que respondan ás necesidades formativas actuais das nosas titulacións. O grao en Enfermaría impártese na facultade do Campus Norte e no Edificio Docente Novoa Santos anexo ao Hospital Clínico. Esta fragmentación dificulta a interacción entre o propio alumnado, así como a planificación da docencia. O proxecto da Cidade da Saúde dotaranos dun espazo altamente funcional e mellorará a integración das actividades de carácter docente, investigador e asistencial.

En que punto está o novo plan de estudos do grao? 

Coa modificación do título tratamos de dar cumprimento aos obxectivos da política de calidade do centro, coa finalidade de proporcionar unha formación de excelencia, mediante unha oferta académica que responda ás necesidades e expectativas das futuras enfermeiras e enfermeiros da Universidade de Santiago e da sociedade en xeral, no ámbito da atención á saúde individual e colectiva. Ademais do profesorado da nosa facultade e da Escola Universitaria de Lugo, na modificación do plan de estudos do Grao en Enfermaría participaron representantes do estudantado, egresados, colexios profesionais, empregadores ou asociacións científicas. O ano pasado implantouse o primeiro curso, e así sucesivamente irase incorporando un novo curso cada ano académico. Entre os cambios realizados destaca a desaparición das materias de carácter anual, pasando a ser todas cuadrimestrais, a creación dunha materia que aborda os retos sociais e a perspectiva de xénero na atención á saúde, e outra que permite realizar prácticas en centros de investigación sanitaria.

Sobre o persoal docente e investigador. Hai relevo xeracional?

Si, percibimos que cada vez son máis as enfermeiras e enfermeiros que amosan interese pola carreira académica. Durante toda a titulación e de xeito transversal traballamos en mostrarlle ao noso alumnado que as vías profesionais ás que poden acceder son cada vez máis amplas e variadas, incluíndo a carreira docente e investigadora.

Consegue a facultade captar alumnado do exterior? 

Este curso recibimos un total de vinte e cinco estudantes de programas de mobilidade. O principal reto ao que nos afrontamos é dar resposta axeitada ás necesidades formativas do alumnado entrante no ámbito das prácticas clínicas, o que require dunha organización meticulosa e do traballo en equipo.

É viable aumentar a oferta de mestrados actuais da facultade? 

No noso centro ofertamos dous mestrados oficiais: o mestrado en Xerontoloxía, de carácter interuniversitario, e o mestrado en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados. Ambos son títulos consolidados e contan cunha matrícula que habitualmente se completa. Actualmente non vemos viable aumentar o número de prazas, xa que podería mermar a calidade e capacidade de realización de prácticas, que son un aspecto destacado dos plans de estudos de ambas titulacións.

Sobre as prácticas do alumnado en centros sanitarios. Que pode comentar con respecto á súa organización?

As prácticas clínicas constitúen un piar fundamental do noso grao, contan con 84 créditos, o que supón un 35 % do total do título. Dende a facultade centrámonos na xestión do alumnado, realízanse as asignacións tendo en conta as prazas dispoñibles e as competencias asociadas a cada curso e materia, baixo un compromiso de mellora constante no proceso. O Servizo Galego de Saúde é unha peza fundamental como institución na que se integra o noso alumnado, e a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde lógrase unha descentralización funcional. Ademais, o profesorado asociado de Ciencias da Saúde e os colaboradores docentes son indispensables para acadar o éxito no proceso de ensino-aprendizaxe deste tipo de materias.  

Que opina da visión que ten a sociedade sobre a profesión?

Aínda que vai mellorando, o progreso resulta demasiado lento. Percibimos que a sociedade tende a ver a enfermaría como unha profesión excesivamente técnica e carente de autonomía. Incluso nalgúns casos descoñécese que require cursar un grao universitario. Por outra banda, resulta practicamente descoñecido que as enfermeiras non só realizamos labores asistenciais, senón tamén docentes, investigadoras, e de xestión sanitaria. Este é un dos grandes retos da profesión a nivel global: dar a coñecer a nosa identidade profesional.

As enfermeiras ameazaron recentemente cunha folga se non melloran as súas condicións laborais e económicas, e alertan da falta de profesionais. Que valoración nos pode facer deste asunto?

As enfermeiras son esenciais para o mantemento do sistema sanitario. Traballar na mellora das condicións probablemente contribuiría a aumentar a súa motivación, o que podería repercutir positivamente na calidade da atención proporcionada.