Fonte da Virxe, “a segunda casa” dos enfermos de saúde mental

A asociación orientada a pacientes psiquiátricos e familiares mantén centros de rehabilitación e ocupacionais e atende doentes no rural 

Ofrece ‘Acompañamento integral’ tamén nos concellos limítrofes con Santiago

Ademais do espazo do Campo do Forno contan con instalacións na Barcia

Alumnos do taller de cerámica que se imparte na Fonte da Virxe

Alumnos do taller de cerámica que se imparte na Fonte da Virxe / Antonio Hernández

O centro de rehabilitación da Asociación Fonte da Virxe imparte a diario obradoiros de cerámica e música, entre outros, e mantén sempre “as portas abertas” para persoas enfermas de saúde mental, familiares e amigos que alí atopan “a súa segunda casa”. Así fala Mar Piñeiro, presidenta da asociación e nai de dous rapaces con diagnóstico de trastorno bipolar. Ela e Javier Sanmartín, traballador social da entidade, explícanlle a EL CORREO GALLEGO o funcionamento desta asociación e as diversas tarefas que levan a cabo logo de case trinta anos de existencia. 

Á Asociación Fonte da Virxe chegan persoas xa veteranas con trastorno bipolar, esquizofrenia, depresión... “Tratamos enfermedades crónicas, persistentes e graves”, di Mar Piñeiro, “porque a enfermidade mental non se cura, estabilízase e o que aquí ofrecemos son talleres para mellorar a súa destreza manual, a súa situación psicoemocional... “. O obxectivo primordial “é que os enfermos sexan o máis autónomos posible e socialicen”, e na procura desta autonomía tamén se organizan clases de cociña. 

Pero tamén acoden á asociación novos usuarios, despois da pandemia da Covid-19, Sanmartín fala dun incremento na chegada de adolescentes. “As patoloxías destes mozos son diferentes ás que tiñamos hai anos, na maioría dos casos trátase de trastornos de personalidade”, explica, un tipo de patoloxía que engloba case unha ducia de trastornos diferentes, como poden ser o Trastorno de Personalidade Límite, Histriónico, Obsesivo-compulsivo ou Esquizoide. A problemática común que presentan é a de “non adaptarse a nivel social, non son capaces de levar unha vida normalizada”.

Unha patoloxía que leva ao illamento social, non só ligada aos tempos de confinamento, senón tamén ao parapeto que supoñen as redes sociais no contacto interpersoal directo. Para casos coma este e para aquelas persoas máis afectadas polo estigma social aínda persistente ante a enfermidade mental, sexa pola patoloxía que sexa, Fonte da Virxe ten un programa específico que non só desenvolve en Santiago, senón tamén nos concellos dos arredores, como Vedra, Boqueixón, Brión, Teo ou Ames.

A música centra outro dos obradoiros  que desenvolve a asociación

A música centra outro dos obradoiros que desenvolve a asociación / Antonio Hernández

Nestes casos a asociación conta cun programa de ‘Acompañamento integral’ que consiste, segundo conta Sanmartín, en achegarse periodicamente a estes lugares para intentar sumar as persoas con problemas de saúde mental á vida social cotiá, “que se atrevan a ir a unha biblioteca, por exemplo”, conta. 

Igual que non hai dúas persoas iguais, tampouco hai dous enfermos mentais iguais. Á Fonte da Virxe acoden doentes a realizar as actividades, outros son incapaces ou non lles funciona e son visitados polos traballadores sociais. E para calquera destes perfís a asociación conta cun Centro ocupacional na Barcia. Alí fórmanse agora uns 14 usuarios que integran esta ‘escola’ na procura de reinsertarse no mercado laboral, retomar os estudos ou, sinxelamente, manterse ocupados e socializar.

Tamén nesta dirección decorre a iniciativa ‘Respiro familiar’, que mudou logo da pandemia pero que pouco a pouco se vai recuperando. Trátase de saídas dos usuarios, que antes de 2020 eran viaxes de fin de semana, e agora son excursións de ida e volta no mesmo día.

Así, pérmitese a desconexión non só dos doentes, coñecendo unha nova cidade ou un museo, senón que tamén se facilita o descanso dos coidadores deses doentes, que habitualmente son as nais e os pais, que velan por unha toma de medicación correcta, que permita a estabilidade psicoemocional da persoa enferma e evite recaídas e ingresos. 

“O meu fillo maior debeu estar ingresado unhas 12 ou 14 veces, a primeira no Gil Casares”, lembra Mar Piñeiro. A presidenta da asociación bota en falta a existencia dun “recurso intermedio”, entre o ingreso e a alta do paciente, “que cando chega á casa aínda non está preparado e a familia tampouco”.

Un recurso ao que se podería sumar, como acontece xa en Castela e León, o “asistente persoal”, unha medida social de copago que consiste en ter un profesional que “vele pola toma da medicación, o patrimonio do paciente, a administración da súa economía, etc.”, conta Mar Piñeiro.

Escola de familias

Na liña do proxecto ‘Respiro familiar’ está a Escola de familias, que vai un paso máis alá. Unha vez ao mes, os familiares e amigos dos usuarios de Fonte da Virxe convértense, dalgunha maneira, tamén eles en usuarios e expoñen as súas situacións persoais, familiares e emocionais.

Para min foi unha protección, unha axuda, porque aquí podes falar con liberdade, non hai o estigma que atopas na rúa”, conta Mar Piñeiro. Nesta escola póñense en común as situacións que se dan nos pacientes, como evoluciona a doenza, e serve de axuda fundamental a experiencia duns para aqueles outros que están a vivir o seu primeiro ingreso en psiquiatría.

“Á Escola de familias acode quen verdadeiramente o necesita”, abunda a presidenta da asociación. Un encontro no se trata a estabilización do paciente, a problemática recorrente da toma de medicación ou as situacións que poden provocar unha crise no enfermo. Unhas xuntanzas, nas que por uns minutos as coidadoras e os coidadores deixan de selo para pasar a sertamén coidados.

Pisos protexidos: no camiño da autonomía e a inserción social

Unha das iniciativas da Asociación Fonte da Virxe na procura da inserción daquelas persoas con problemas de saúde mental que teñen unha maior autonomía son os pisos protexidos. Até o de agora cóntase cun piso para mulleres pero dende a entidade non deixan de traballar por conseguir tamén un piso protexido para homes.

“Algo que incluso nos demandan dende os servizos sociais dos concellos”, conta Sanmartín, “porque hai doentes que non teñen relación coa familia, por exemplo”, engade. 

Neste sentido Mar Piñeiro tamén apunta que máis alá de que o núcleo familiar estea ou non desestruturado, “os pais fanse maiores e xa non poden ser coidadores” e tamén incide en que o feito de que Santiago sexa centro de peregrinaxe tamén trae á cidade “persoas que fan o Camiño e quedan, e nun determinado momento poden ter un problema de saúde mental, e non está aquí a súa familia, precisan atención e un lugar no que vivir”.

O elevado prezo da vivenda en Compostela tamén afecta á asociación Fonte da Virxe neste sentido, que se nutre das achegas dos asociados e de axudas das administracións, tanto local como autonómica, pero estas achegas non son suficientes para conseguir un piso protexido para homes, ademais de todas as iniciativas que a entidade leva a cabo, polo que hai tamén que recorrer a financiamento privado. 

Dende a Asociación Fonte da Virxe (cuxo nome se debe á fonte que hai na área do banquete de Conxo, onde nos inicios da asociación se reunían pacientes ingresados no psiquiátrico e familiares), ademais de xestionar o piso protexido, tamén se ofrece asesoramento laboral e xurídico para o enfermo mental, para levar a cabo trámites como a solicitude da discapacidade. Unhas xestións para as que a asociación conta coa colaboración de Feafes, a federación de Saúde Mental que engloba unha ducia de asociacións.