Entrevista | David Chipperfield Arquitecto británico

“É un gran reto que a xente nova volva vivir no centro da cidade”

O arquitecto británico David Chipperfield (Londres, 1953), premio Pritzker 2023, desvela que a nova sede da Fundación RIA en Virxe da Cerca abrirá as súas portas nos primeiros meses do vindeiro ano. Trátase dunha axencia implicada en proxectos alineados coa sostibilidade ambiental, económica e social do territorio e que na actualidade se ubica na rúa das Oblatas

David Chipperfield no Salón Reitoral de San Xerome

David Chipperfield no Salón Reitoral de San Xerome / Jesús Prieto

Manuel Rodríguez, xerente da fundación, actúa como tradutor nunha entrevista na que Chipperfield comunica posibles melloras para a cidade e reitera o seu compromiso coa protección dos valores naturais e culturais de Galicia.

O anterior alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, pretendía contar coa súa sabiduría para remodelar a rúa Virxe da Cerca desde a praza de Galicia ata a Porta do Camiño. En que quedou este propósito?

Nunca houbo un encargo ao respecto diso, todo quedou nunha conversa. De todas formas, un alcalde non está nunha posición para outorgar un contrato de forma directa. Porén hai que recoñecer que é un traballo moi necesario para facer máis suave esa transición entre a zona histórica e o resto da cidade.

A intención era humanizala e intentar abrir a rúa cara ao parque de Belvís. Que accións propoñería?

Intentaría facer unha rúa social en vez dunha rúa de tráfico e dese xeito convertiríase nun conector do centro co parque e coa periférica.

En liñas xerais, que opina da arquitectura contemporánea de Santiago?

É unha pregunta complexa, xa que hai cousas que se fixeron mellor que outras. Sobre o centro histórico pódese dicir que se coidou moi ben durante os últimos anos. Agora é importante que os ensanches manteñan tamén esa integridade e coherencia. Un dos grandes retos é que a xente nova volva vivir no centro e lograr así que non sexa unicamente unha área turística da cidade.

Cando entrará en funciona mento a nova sede da Fundación RIA en Virxe da Cerca?

Abrirá as súas portas en marzo ou abril do vindeiro ano e ofrecerá un amplo programa de eventos, conferencias e exposicións relacionadas coas súas iniciativas de planificación territorial, urbanismo e arquitectura orientadas ao desenvolvemento sostible e, a maiores, desenvolverá programas de investigación. A intención é que cada vez máis a actividade da fundación vaia atraendo e conectando con institucións investigadoras e coas universidades. De feito, o edificio ten unha parte residencial para acoller estancias temporais de estudantes.

Que o levou a manter un compromiso co desenvolvemento sostible de Galicia?

Cheguei aquí despois de adquirir e rehabilitar unha casa en Corrubedo, onde paso as vacacións xunto á miña famila dende hai xa trinta anos. Isto uniuse a que a profesión da arquitectura estase abrindo cara a sostibilidade e o medio ambiente e son cuestións que se están formulando nos meus estudos por todo o mundo. A través da Fundación RIA estamos analizando aquí esa situación porque se pode abordar o tema de maneira máis directa. 

O seu estudo de arquitectura realiza proxectos en todo o mundo, o que implica que teña que desprazarse habitualmente. Con todo, pensaría en instalarse na comunidade?

Estouno intentando e cada vez máis, pero tamén é importante manter o contacto con todos os proxectos internacionais nos que participo. Coa fundación poño un pé en Galicia e traballo cada vez máis dende aquí.

Foi o gañador do premio Pritzker de Arquitectura 2023, coñecido popularmente como o Nobel da arquitectura. Como recibiu este recoñecemento?

Recibir premios desta importancia é algo moi bonito, pero ao mesmo tempo dame un pouco de vergoña ou reparo. En calquera caso outurga confianza no meu estudo.