Concertos na Azotea

Grande Amore: “As miñas cancións son un confesionario, sempre escollo contar as miñas miserias"

Actuación de Grande Amore para Concertos na Azotea

Javier Rosende Novo

“Non teño nin tempo, nin teño cartos / non sei si son tonto ou son un santo”. Nuno Pico (Frexulfe, Lugo, 1995), a persoa detrás de Grande Amore, reza nas súas cancións a un futuro incerto, á precariedade, a unha rabia interior que precisa saír e á agonía de algo que foi e xa non pode. “As miñas letras son un confesionario. É case o único rexistro no que sei moverme dentro das cancións, sempre escollo a parte de contar as miñas miserias”, recoñece en conversa con EL CORREO GALLEGO, con motivo do inicio da nova sección sobre a escena musical de Santiago, Concertos na Azotea, un espazo que contará dende hoxe, ademais de cunha entrevista, cunha actuación dos artistas gravada na terraza do xornal ao que se poderá acceder na nosa páxina web e nas redes sociais.

II, o segundo disco de Grande Amore, veu a luz hai apenas dous meses. Unha compilación de dez cancións de corte post punk, electrónicas e “moi escuras, moi de deus e tamén moi da morte, de cousas que non lle podes soltar así a un amigo nun día normal porque serían unha auténtica animalada e pensaría que non estás ben da cabeza”.

Un traballo marcado pola época postpandemia da Covid-19 - o disco escribiuse nos meses posteriores ao confinamento e rematou de gravarse en marzo do ano 2022 - na que todos “estabamos traiados, raiados da cabeza e dos nervios”, por iso ten “unhas letras máis angustiosas, máis rápidas, crúas”. Esa é precisamente a principal diferenza que atopa o cantante con respecto ao seu disco anterior: “En Grande Amore aínda había algunha canción que se achegaba máis ao pop, este álbum é moito máis para dentro, está pensado doutro xeito”. 

Nuno Pico durante o seu concerto na azotea do xornal

Nuno Pico durante o seu concerto na azotea do xornal / Jesús Prieto

A sensación de desencanto constante coa vida é unha das chaves da súa música, que o converten nunha peza fundamental da música actual en Galicia. “Cando fago música con outras persoas ou no EP con Chicho (en referencia ao grupo Los Rastreadores, xunto ao cantante Ortiga) cousas que son máis de risa, sinto que non o dou feito igual”, explica Pico, ao tempo que resulta que “aínda ninguén colaborou nunha canción de Grande Amore”. “É algo que me dá moita vergoña pedir. Se xorde, ben, pero se é por intentar convencer a alguén porque creo que me vai dar reproducións, no meu caso non o acabo de ver claro”, indica.

Promo de la nueva sección Concertos na Azotea

Javier Rosende Novo

O encargado de producir II foi Carlangas, que agora conta tamén co seu propio proxecto musical e que pouco ten que ver co post punk característico de Grande Amore. Un total de 28 minutos e 25 segundos, nos que os sons estridentes se mesturan cunha voz que por momentos seméllase máis a un potente berro. “No proceso de facer o disco, para min a mellor parte foi, sen dúbida, a humana. Nós non tiñamos ningún un grandísimo dominio da técnica musical ou da gravación, Carlangas non era un ultra virtuoso da compresión ou das guitarras, pero espiritualmente tiñamos unha moi boa conexión, os dous sabiamos cal era o sitio onde queriamos chegar e que tipo de discos ou propostas aos que nos queriamos parecer”, conta sobre a súa experiencia gravando no estudo La Mina, situado en Sevilla, da que fala como “unha experiencia case filosófica”.

Cantar en galego abriume máis portas das que me pechou

Nuno Pico

— Compositor y vocalista de Grande Amore

Neste sentido, manifesta que “nos entendiamos moi ben cando diciamos que queriamos algo máis pelado, directo e crúo”. “Ti só é máis difícil chegar a esa convicción do que queres facer, tes máis dúbidas e estás máis inseguro. Está ben ter un apoio no que poder reafirmarte”, asevera o lucense.

Lonxe quedan xa os tempos nos que Nuno subía só ao escenario coas súas bases e un micrófono preparado para dalo todo. Agora faino nun espectáculo desenfadado que completan Clara Redondo ás guitarras e Mariagrep no sámpler e nos teclados. “A reacción da xente está sendo guai, sobre todos no que son os concertos. É un disco que está máis enfocado ao directo. Moitas das cancións xa as tocabamos antes en directo e vemos que están funcionando moi ben tanto cando tocamos aquí como cando imos fóra de Galicia. Iso noteino moito no lanzamento, unha boa acollida noutras partes”, remarca ao tempo que di que “cantar en galego abriume máis portas das que me pechou”. 

A precariedade e o desamor son dous dos seus eixos centrais. Reflexo disto son letras como “naide ten piso, naide ten traballo / dentro de nada imos ter trinta anos” ou “ojalá que alguén me pense como a ela a penso eu”. Un disco, ao igual que o anterior, marcado polo seu contexto e experiencia vital da que, como artista, non pode despegarse. “Toda a miña vida adulta lévoa vivindo aquí (en Santiago) e supoño que isto tamén me condiciona dalgunha forma á hora de facer música. Cando estás nun sitio rematas entrando en contacto con xente concreta, coa que compartes gustos ou coa que, polo menos, tes un ánimo de facer e coñecer cousas que se retroalimenta. Se tivera estado en calquera outro lugar seguro que sería diferente”, sinala, ao tempo que apunta a Vite, o seu barrio compostelán, como “o sitio onde estou cómodo”.