Lestegás ve “irresponsable” que Verea semente dúbidas sobre a instrución da hostalaría

O Goberno local afirma que a medida non é política e só responde á normativa en vigor

Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo do Concello de Santiago

Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo do Concello de Santiago / ECG

Redacción

O concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás, respondeu onte ao líder do Partido Popular, Borja Verea, e as súas denuncias ao respecto de que a instrución da hostalaría fai “saltar polos aires os principios de igualdade e legalidade”, para esixirlle ao Goberno local a retirada da mesma.

“O portavoz municipal do PP de Santiago coñece perfectamente a lexislación, ten que coñecela, é xurista e lexislador, e por tanto resulta sorprendente que cuestione unha instrución elaborada por técnicos do servizo de licenzas e disciplina que ten por obxectivo exclusivamente verificar o cumprimento das normativas autonómica e estatal en materia de seguridade e de prevención de incendios”, explicou Lestegás.

O edil nacionalista insistiu en que esta non era un medida política, senón técnica, non é política, “nin está chea de xeralidades como di Borja Verea, nin é arbitraria de ningunha forma; só recolle o contido da normativa en vigor”. “Unha normativa, por certo, que non é de ámbito municipal”, insiste Lestegás.

Dende o Goberno local reafírmanse en que a única decisión política neste asunto é actuar con responsabilidade, “e isto implica garantir a seguridade das persoas, tanto na hostalaría como nos locais de xogo infantís”. Recalcan tamén que “o traballo que realiza o servizo de Licenzas e Disciplina Urbanística ten natureza regrada e non está suxeito a discrecionalidade”.

Por todo isto, Iago Lestegás convida a Borja Verea a “aclare se o que está a pedir é que este goberno prohiba aos funcionarios facer o seu traballo e velar polo cumprimento das condicións de seguridade”. Deste xeito, o concelleiro de Urbanismo lanzou a pregunta de se “funciona, así, acaso algunha outra administración que el coñece ben”.

“Parécenos gravísimo que o voceiro do PP en Santiago pida que este goberno retire unha instrución técnica”, proseguiu. “Que directrices lle daría el ao funcionariado se gobernase? Se fose alcalde, Borja Verea impediría que os técnicos comprobasen que os establecementos son seguros? Considera o PP un erro esixir que os locais cumpran a normativa en materia de seguridade?”, inquiriu.

O nacionalista continuou a defensa da instrución da hostalaría e do traballo dos funcionarios técnicos do Concello, concluíndo que “o que está claro é que, independentemente do que Borja Verea diga, este goberno non vai prohibir aos seus funcionarios facer o seu traballo e verificar o cumprimento da normativa, boa parte dela por certo aprobada no Parlamento Galego coa maioría absoluta do PP, do seu partido”. “Parécenos gravísima esta actitude por parte do líder do PP en Santiago”, engadiu Lestegás.

Segundo o Goberno local, a instrución “servirá para guiar as inspeccións para que todas as partes teñan claros os obxectivos. Vanse verificar os percorridos de evacuación, a sinalización e iluminación de emerxencia e a seguridade contra incendios en xeral.

Unhas medidas que, en calquera caso, non só levaron a Verea e esixir a súa retirada, senón que tamén causaron alarma entre parte do sector hostaleiro. Desta maneira, a instrución que deriva do pequeno incendio producido hai unhas semanas na Sala Malatesta, o Goberno local busca velar pola seguridade dos usuarios da hostalaría e tamén da veciñanza, segundo explicou a alcaldesa Goretti Sanmartín en máis dunha ocasión.

Dende o sector hostaleiro, sen embargo, denunciábase tamén esta semana que Raxoi prepara inspeccións exhaustivas “de arriba a abaixo” e explicaba o seu temor a que se decreten novos peches cautelares por no cumprir con algunha norma. A hostalaría tamén se queixaba pola tardanza municipal en resolver as alegacións e pola demora na reapertura dos locais.