Manifestación pola Residencia da Fundación Amancio Ortega: "Queremos saber o que pon no convenio"

Máis de 50 persoas xubiladas partiron desde a Estación Intermodal ata o centro ubicado no Castiñeiriño, mentres reivindicaban "claridade" no proceso

Manifestación pola Residencia da Fundación Amancio Ortega

Jesús Prieto / Javier Rosende

Gabriel Fernández Blach

Ás 12.00h da mañá deste luns deuse cita en Santiago a manifestación pola Plataforma Pensionistas Compostela e por MODEPEN (Movemento pola Defensa das Pensións). Con esta mobilización buscan coñecer os detalles da "xestión por entidades sen ánimo de lucro" das residencias de maiores financiadas pola Fundación Amancio Ortega. A manifestación percorreu as rúas da capital galega que separan a Estación Intermodal, situada na Rúa Clara Campoamor, e a Residencia de Maiores costeada polo creador de Inditex, ubicada na Rúa Monte do Seixo no barrio do Castiñeiriño. CIG, CUT e diversas asociacións de veciños non faltaron a esta cita.

Durante o transcurso da marcha escoitáronse proclamas contra a forma de proceder da Xunta de Galicia, o Presidente, Alfonso Rueda, e a Conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García. Ademais das reclamacións sobre os detalles da xestión destes centros, os participantes lembraron "a necesidade dun informe sobre as vítimas da Covid-19 nas residencias galegas" e anunciaron que "solicitarán unha entrevista cun responsable da Fundación Amancio Ortega" na súa procura dunha respostas as súas peticións. Na cita tamén puido verse a Suso de Toro que aproveitou para ler un manifesto ao final do percorrido.

O pasado 4 de novembro coñecíase a decisión da Xunta de Galicia de sacar a licitación da xestión da residencia que se ubica no Castiñeiriño e que foi financiada pola fundación do creador de Inditex. Desde a Consellería de Política Social e Xuventude comunicouse que a licitación irá a parar a unha entidade de economía social sen ánimo de lucro.

Esta acción supuxo un cambio respecto á idea inicial, a cal era a xestión directa por parte do goberno autonómico galego. Dende a Plataforma Pensionistas Compostela din que "non confían neste proceso e que as residencias de maiores deben ser públicas para garantir o número de prazas", comenta Marieta Bañobre, coordinadora da plataforma. Ademais, desde os colectivos de xubilados engaden: “Queremos saber o que pon no convenio”, en relación co documento de licitación da residencia.

Este centro e outros seis máis forman parte do anuncio que fixo a Xunta no 2017, cando comunicou a apertura de sete residencias de maiores nas principais cidades galegas, o que supón 900 prazas máis.

No 2019, o Goberno de Galicia firma un convenio coa Fundación Amancio Ortega de 90 millóns euros que pagarían o custo das obras para crear estes centros, os cales serían entregados á Xunta posteriormente.

Actualmente, destas sete instalacións só se atopa finalizada a de Santiago de Compostela e a de Lugo que está a piques de ser entregada, mentres o resto aínda non están listas. Esta ampliación de camas aos colectivos de xubilados lles resulta “sospeitoso que da totalidade de prazas en residencias públicas galegas haxa unha parte considerable que non se están a usar e que argumentan motivos curiosos”, afirma Manuela Fraguela, voceira da Plataforma Pensionistas Compostela.

Ademais, Fraguela dubidou “da boa fe das entidades sen ánimo de lucro que asumen as xestións de centros destas características”, en referencia a quen se lle vai outorgar a licitación.

Suso de Toro pechou esta mobilización diante da residencia do Castiñeiriño afirmando: “Non vimos a tomar unhas cañas, vimos a reclamar dereitos”, en referencia á petición de máis información e “claridade” sobre o proceso de concesión. Deixan claro que van seguir “concentrándose na Praza do Obradoiro tódolos primeiros luns de mes”.