Achegamento entre Raxoi e a hostalaría: a instrución cinguirase a seguridade e prevención de incendios

Na xuntanza tamén se acordou a participación do sector na campaña 'Fala baixiño', que se presentará o vindeiro venres

Aceptan o borrador da Administración local para a creación da mesa sectorial

Imaxe da xuntanza deste mércores entre o Goberno local e o sector hostaleiro compostelán

Imaxe da xuntanza deste mércores entre o Goberno local e o sector hostaleiro compostelán / Concello

A hostalaría de Santiago conseguiu na mañá deste mércores o compromiso do Goberno municipal de revisar a instrución 2/2023 sobre seguridade e prevención de incendios nos locais hostaleiros. Desta maneira elimínanse do documento, sobre o que houbo certa belixerancia nas últimas semanas entre a Administración local e o sector, aquelas cuestións que éste consideraba que "podían levar a arbitariedades" na toma de decisión sobre as condicións de seguridade dos locais hostaleiros.

O acordo produciuse na xuntanza celebrada en Raxoi entre a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, os edís nacionalistas Míriam Louzao -concelleira de Capital cultural- e Iago Lestegás -concelleiro de Urbanismo- e o sector hostaleiro compostelán, representado na comparecencia de prensa por Lois Lopes (hostalaria.gal) e Lucía Vázquez (Asociación de bares, pubs e discotecas).

Sobre a 'polémica' instrución, Lois Lopes manifestou que, probablemente, a súa redacción de urxencia se realizou "para evitar a alarma social que podía xerarse a raíz dos incendios acontecidos en Murcia -que causaron 13 vítimas mortais- e do incidente na Sala Malatesta", a pesar de que tamén incidiu en que o acontecido no local próximo á carballeira de San Lourenzo "xa demostrou que os protocolos funcionan".

Na xuntanza entre o Goberno local e o sector hostaleiro tamén se confirmou a participación deste último na campaña 'Fala baixiño', que se presenta o venres 1 de decembro e que procura concienciar as persoas que gozan do lecer nocturno, tanto veciñanza coma visitantes, da necesidade de garantir o dereito ao descanso da cidadanía de Santiago.

"Estamos contentos de unirnos á campaña 'Fala baixiño', como xa fixemos noutros anos, porque cremos que é boa para a cidade e respectamos o dereito ao descanso dos veciños, se ben tamén sabemos que a incidencia na cidade do ruído procedente da hostalaría é mínima", comentaba Lucía Vázquez.

A alcaldesa Goretti Sanmartín explicou tamén que o sector aceptou o borrador presentado polo Goberno local para a creación da mesa do sector, pero mentres este trámite non estea resolto, as partes deixaron clara a súa disposición a continuar reuníndose.