Lestegás defende o plan do BNG para a Casa da Xuventude: “A mellor solución posible”

María Rozas convida ao PSOE a que se sume ao Goberno para manter así en pé o edificio

Borja Verea denuncia que “o que vai facer o Bloque non o sabe ninguén”

Fachada da Casa da Xuventude, na praza do Matadoiro, actualmente en desuso

Fachada da Casa da Xuventude, na praza do Matadoiro, actualmente en desuso / Antonio Hernández

O plan do Goberno bipartito para a Casa da Xuventude centrou boa parte do Pleno municipal deste xoves. A coalición que rexe o Concello discrepa sobre o derrubamento ou non do edificio (BNG aposta por eliminalo, mentres Compostela Aberta -CA- quere mantelo e só coinciden en rexeitar o convenio coa Deputación da Coruña).

A cuestión incluíuse na orde do día a petición do Partido Socialista (PSOE), que solicitou esta semana a comparecencia do edil de Urbanismo, Iago Lestegás, para que dera explicacións sobre o proxecto de derrubamento do edificio e o rexeitamento do anteproxecto presentado pola Deputación provincial. Na súa intervención, a edil socialista Mercedes Rosón asegurou que lle resultaba “raro” que a alcaldesa non amosara o mencionado anteproxecto, “seguramente non o ensina porque lle gustará a cidadanía”, afirmou. 

Rosón, que ironizou sobre que este proxecto, que o PSOE defende para a Casa da Xuventude, podería integrar a mostra ‘Santiago proxectado: arquitecturas non construídas’, quixo deixar clara a postura do seu grupo, ao que lle parece “triste ter que solicitar a comparecencia” do concelleiro de Urbanismo “porque a alcaldesa lle negou á cidadanía o debate” sobre este edificio. 

En resposta á petición socialista, Iago Lestegás defendeu o proxecto do BNG, que considera o derrubamento da Casa da Xuventude, a apertura do parque de Belvís cara á praza do Matadoiro e a construción dunha estrutura de 600 metros cadrados “que permita a realización de eventos ao aire libre, protexidos do sol e da choiva”.

Pasar tempo fóra é beneficioso para a saúde e para as relacións sociais”, asegurou. O concelleiro de Urbanismo, recalcou que a súa proposta non está pechada, senón que se someterá a “un concurso de ideas” e asegurou que “o proxecto de demolición, que non redactei eu”, fixaba en 2014 o custo do derrubamento nuns 160.000 euros, e asegurou que supoñendo un incremento do 10-15% para adaptar o proxecto ao momento actual, quedaría na cifra de 180.000 euros.

“Existen convocatorias de axudas para a renaturalización de espazos urbanos”, asegurou Lestegás, que defendeu, do proxecto do BNG, sobre todo na recuperación do curso de auga que atravesa o parque de Belvís e “único xeito de liberar a zona servidume” que ligaba a praza do Matadoiro e o mencionado parque, “eliminando construcións tamén se fai cidade” asegurou o edil Lestegás, tamén arquitecto. Unha profesión á que apelou Mercedes Rosón, defendendo a figura do xa finado creador da Casa da Xuventude, Severino González, e asegurou non acreditar “que se tome a decisión de derrubar o traballo dun arquitecto tan importante”. 

A edil socialista, tamén tivo palabras para María Rozas, líder de CA e contraria á demolición da Casa da Xuventude. Unha vez máis fixo referencia ao silenzo desta formación “imposto ou autoimposto”, e lembrou as palabras de Rozas durante a campaña das eleccións municipais: “Asegurou que nunca derrubaría a Casa da Xuventude”.

Algo ao que a primeira tenenta de alcaldesa respondeu alegando que CA non falta o comprometido na campaña, “se estivera na alcaldía non se tiraría a Casa da Xuventude”, defendeu. María Rozas tamén aclarou que o Goberno bipartito é unha coalición que pode ter discrepancias e convidou a PSOE a “que se sume ao Goberno, e así manterase en pé a Casa da Xuventude con oito edís socialistas e dous de Compostela Aberta”. 

O líder dos ‘populares’ composteláns, Borja Verea, defendeu que comparte o criterio do Bloque e que se o PP gobernase “derrubaríamos a Casa da Xuventude”. “A nosa proposta de abrir o parque de Belvís á cidade está pechada e consensuada pero estamos abertos” a propostas, mentres que “o que vai facer o BNG non o sabe ninguén”, asegurou Verea, quen ademais de denominar a proposta do Grupo nacionalista como “carpa microclimática” denunciou que o Goberno local “non ten proposta sobre a mesa do que vai facer”.

Borja Verea tivo tamén palabras para o PSOE e, especialmente, para Compostela Aberta, ambos grupos opostos ao derrubamento da Casa da Xuventude. “A bandeira fundamental de CA é a Casa da Xuventude”, afirmou, lembrando as palabras de Rozas durante a campaña e recriminándolle, “dixo que non permitiría que se tirase o edificio, non dixo só se teño maioría absoluta”.

Por isto, Verea apelou á “dignidade persoal” da edil de Compostela Aberta, e pediulle que “se no proxecto de orzamentos hai unha partida para o derrube da Casa da Xuventude agardo que vote en contra ou abandone o seu cargo”, e incidiu en que “quitarlle importancia á discrepancia dentro da coalición sobre este asunto, non é coherente”.

Compostela súmase á ‘iniciativa Xabarín’ a prol da lingua galega

No pleno deste xoves en Raxoi o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceiras, interviu para solicitar unha declaración institucional do Concello de Santiago sobre a ‘iniciativa Xabarín’ a prol da lingua galega e en defensa da inclusión de contidos destinados ás crianzas e á mocidade neste idioma nas televisión públicas autonómica e estatal. Unha solicitude aprobada por unanimidade dos grupos.

Modificación do plan para a finda do Espiño

O Pleno municipal aprobou por unanimidade a modificación do planeamento urbanístico para a finca do Espiño, a pesar de que dende o Partido Popular, o edil José Antonio Constenla, vencellou o seu apoio definitivo a que o Goberno local “explique con claridad la partida orzamentaria” que se vai a dedicar a “hacer una zona verde, que sobra, y no a un uso hotelero”.

Constenla defendeu que a citada finca xa cumpre con máis de 26.000 metros de zona verde e preguntouse: “¿Cuánto va a costa la recalificación?”.

José Antonio Constenla referiuse ao custo de mantemento de desa nova zona verde, que fixou nun prezo aproximado de 30 euros o metro cadrado, o que suporía “300.000 euros anuales y más de un millón de euros el primer año”, en referencia ao custo da expropiación. O edil interrogouse sobre como o Goberno explicará este gasto “cuando hay rural sin saneamiento, ¿de qué partida saldrá?”.

Cuestión que o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, respondeu facendo referencia a que “unha expropiación non é unha confiscación, polo que se pagará o corresponda”. Lestegás tamén incidiu en que o mecanismo para a obtención da finca do Espiño “valorarase cando chegue o momento, hoxe valórase o planeamento”.

Dende PSOE foi a edil Mercedes Rosón a que interviu, asegurando que o seu grupo “comparte a iniciativa” do Goberno local lembrándolle ao PP que “hai opción de convenio ou permuta” a pesar de que este grupo “use a fórmula da expropiación porque lle convén ao seu relato”.