Entrevista | Javier Ferreira Xerente da Universidade de Santiago

“Se as rúas do Campus Sur non foran do Concello, a Policía non podería multar”

A mediados dos anos 80 chegou o primeiro acordo entre a USC e Raxoi que recollía a cesión das vías, pero desde entón seguen as disputas entre as dúas institucións ao redor de quen debe facerse cargo do mantemento

O xerente da USC, Javier Ferreira

O xerente da USC, Javier Ferreira / Antonio Hernández

Remata unha semana intensa para Javier Ferrreira (Valdoviño, 1966). O xerente da USC participou o pasado mércores na sinatura dun novo protocolo entre o Concello e a Universidade de Santiago no que se recolleu novamente a cesión das rúas do Campus Sur a Raxoi, un punto que leva sobre á mesa desde mediados dos anos 80 e sobre o que Ferreira cre que en breve se poderá ver “algún froito”. Ao día seguinte defendeu ante o claustro da institución académica as liñas xerais dos orzamentos da USC para o vindeiro ano, que acadarán a cifra récord de 314 millóns de euros e levan o compromiso de licitar tras anos de espera a Facultade de Farmacia.

A USC vén de aprobar os orzamentos máis grandes da súa historia, pero vostede lanzou no Claustro unha advertencia. Como se vai preparar a Universidade para cando rematen os fondos europeos Next Generation?

O orzamento medrou un 9% con respecto ao ano pasado, cando o plan de financiamento medrou un 3%. Toda esa diferenza ten que ver fundamentalmente coa capacidade de captación de recursos externos, sobre todo, polo mecanismo de resiliencia. Hai que ser prudentes, porque vai desaparecer. Temos que aproveitar estes anos para prepararnos, renovar cadros de persoal e preparar un plan de transferencia que nos permita captar eses recursos.

En cifras absolutas canto medrou o orzamento grazas ao mecanismo de resiliencia?

Entre 10 e 12 millóns, a maior parte do diñeiro que vén, por onde entra sae, está condicionado. Pero temos unha cosa que se chama detracción dos custos indirectos, arrededor dun 10-12% de todo o que chega é para financiar os gastos estruturais da universidade. E eses recursos que a universidade obtén do financiamento de investigación, medrarán estes últimos catro anos cerca de tres millóns. É moito diñeiro, porque aínda en 2024 teremos 314, a USC precisa 200 só para abrir a porta, entre persoal e gasto corrente. Que temos que lograr? Eses recursos con transferencia de coñecemento. 

Que as investigacións da USC se vendan ás empresas?  

Ás empresas ou ás administracións, proxectos como os que facemos para Repsol, Inditex, coa industria farmacéutica. Temos que intensificar. En España investígase moito e ben, somos o número 11-12 do mundo, nunha boa posición, pero transfírese mal. Somos o número 30, moi lonxe dos países punteiros. 

A previsión é licitar en marzo a Facultade de Farmacia, despois de máis de seis anos cos alumnos en aulas prestadas. Téñeno todo atado? 

Alá polo ano 2026 teremos unha nova Facultade de Farmacia, co equipamento docente pleno. Acadamos ese compromiso co presidente da Xunta. Precisa un orzamento duns 26 millóns de euros, só na primera fase. Despois hai que desenvolver a Facultade de Enfermaría con equipamento de investigación. Nós temos garantido arredor da metade, 12-13 millóns de euros, no convenio de infraestruturas que asinou o reitor a pasada semana coa Xunta. E faltarannos outros recursos. Puxémonos en contato cos grupos parlamentarios, que entenderon que non era un problema da USC, que era un problema de Galicia. So hai unha facultade na comunidade, non hai en Asturias, somos unha Facultade de Farmacia punteira.

Que leva moitos anos nunha situación precaria...

Por fin a imos ter. Así se comprometeron, nunha reunión co reitor e mais eu, tres conselleiros —Sanidade, Facenda e Educación— e asumiron o compromiso e nós poñeremonos a traballar para facelo efectivo. En marzo temos que ter un compromiso orzamentario, se non non poderiamos licitar porque non teriamos recursos. 

En 2026 Farmacia, para cando o traslado de Enfermaría tamén previsto para o Campus da Saúde?

O primeiro paso é Farmacia que non ten facultade. Enfermaría tena, comparte agora espazos no Campus Norte e no aulario do CHUS. Non significa que non sexa unha prioridade que o é, pero é unha segunda urxencia. 

Que máis quedaría para rematar o Campus da Saúde?

Faltaría o equipamento para investigación, onde a Xunta nos manifestou certo interese para compartir algún equipamento de investigación que está actualmente no Clínico, como pode ser a Fundación de Xenómica, que ten como director científico a Ángel Carracedo. Nós necesitamos recursos, temos un grande orzamento, dedicamos 10 millóns a obras, pero temos 700.000 metros cadrados, entre aquí e Lugo. Son moitos metros que manter, incrementamos moitísimo o investimento en infraestruturas, pero segue sendo insuficiente e seguimos gastando no campus moito diñeiro. 

Esta semana a USC firmou un acordo para transferir as rúas do Campus Sur ao Concello de Santiago. Confía en que se cumpra? 

Eu volvería insistir en que é evidente que xa están cedidas, outra cousa é que non se formalizou a cesión. Se non estiveran cedidas como é posible que haxa ORA no campus? Están pintadas de azul e hai gardas de tráfico, se non foran do Concello e foran nosas, non poderían multar. Temos sentenzas do xulgado do contencioso, temos informes do xulgado do consultivo, que manifestan que a titularidade do campus a efectos, por exemplo, de responsabilidade patrimonial é do Concello. 

Entón por que se volve recoller nun novo acordo, que falta para formalizar a cesión?

É como se eu te cedo o meu coche, usas o coche pero non o puxeches aínda ao teu nome, ou compras unha terra e non a rexistras. Para nós é fundamental iniciar os traballos que prevé este protocolo e trazar un plan non só para formalizar a cesión, fundamentalmente para ter un plan de obras no campus serio. Máis alá de todo o que está facendo a USC que debe levar gastado máis dun millón de euros no Campus Sur, en espazos como as beirarrúas que, en principio están cedidas ao Concello. 

Desde cando están cedidas?

Desde o ano 85, creo que é o primeiro convenio onde se di expresamente que se ceden os viais e as beirarrúas. No 85, no 2005... dise en moitas ocasións. 

Este último non deixa de ser un novo convenio de boas intencións. Espera que desta vaia?

A formalización é unha cuestión de vontade. Creo que a alcaldesa falou con contundencia e claridade e que o compromiso está aí. Este goberno leva pouco tempo aínda, nunha situación complexa en termos de maioría e desde logo a Universidade confía en que isto suceda e confía na palabra da alcaldesa, como non pode ser doutro xeito. Creo que en breve poderemos ver algún froito. 

Dentro das liñas dos orzamentos prevense tamén actuacións en Medicina e Química. En que van consistir?

Vamos a seguir traballando na renovación da Facultade de Medicina con eses recursos, arredor de catro millóns de euros que nos chegaron do Estado como consecuencia do incremento do número de alumnos. Química xa está en proceso de renovación, estamos na planta soto dos laboratorios. Houbo tamén unha renovación profunda da Facultade de Odontoloxía no interior. Temos que seguir insistindo a outras administracións que teñen que ser sensibles á renovación dos nosos equipamentos, en moitos casos, sinxelamente polo valor histórico e artístico que teñen como é o caso da Facultade de Xeografía e Historia. Presentamos unha solicitude ao Estado para poder iniciar algunha obra ao abeiro do 2% cultural. Estamos chamando a todas as portas e temos todos os proxectos preparados para xa. Esta facultade poderiamos renovala en catro anos completamente, pero non temos os recursos suficientes.

Outro dos obxectivos que se fixan as contas é seguir reducindo a débeda, que está nuns 12 millóns. Será posible con todos eses investimentos previstos?

Temos que pagar ao redor de 2,5 millóns de euros anuais. A cuestión distinta é que co fin de facilitar o desenvolvemento do proxecto da Cidade de Saúde negociemos, coa entidade bancaria, para redefinir o pago da débeda. Non é incrementar a debeda, é adiar un pouco máis o pago e eses recursos que destinabamos a pagar a débeda poder destinalos ás infraestruturas que necesitamos.

A débeda chegou a estar en 27 millóns, agora está en 12. Foi un problema importante para a USC ese elevado volume?

 Tiñamos unha débeda moi elevada. Agora mesmo é un problema porque somos a única universidade que ten débeda e no plan de finanzamento non se contempla iso.