Entrevista | María Rozas Concelleira de Servizos Sociais, Promoción económica e mocidade

“Se lle poño deberes ao novo presidente da Xunta serían a vivenda e o párking do CHUS”

María Rozas {Santiago, 1981} foi candidata por Compostela Aberta -CA- nas eleccións municipais de maio de 2023. Aformación conseguiu dous edís e asinou un acordo de goberno co BNG, unha coalición que lle deu á candidata do BNG, Goretti Sanmartín, a alcaldía da cidade

María Rozas: “Se lle poño deberes ao novo presidente da Xunta serían a vivenda e o párking do CHUS”

Jesús Prieto

Que balance fai destes primeiros meses de Goberno de coalición no político e no persoal?

O balance no político é positivo, non podo dicir o mesmo no persoal porque a vida política implica sempre menos tempo para a conciliación, pero iso era algo que sabía de partida. No político creo que foron seis meses nos que dende Compostela Aberta -CA- demostramos que temos clara cal é a nosa folla de ruta e que sabemos como conseguila. Xa se empezan a ver os resultados no social, como a licitación do Servizo de Axuda no Fogar -SAF-, o Centro de Persoas sen Fogar de Belvís, o centro para maiores que se construirá en San Pedro de Mezonzo ou, noutras áreas, os orzamentos participativos. A de mocidade será unha área que reforzaremos en 2024, porque os adolescentes son os grandes esquecidos nas políticas públicas. E tamén a área de comercio, xa fixemos este Nadal unha aposta pola dinamización do comercio local e tamén pensada para ese Santiago das familias que queremos ser.

Cales son os obxectivos das súas áreas para este 2024?

Hai unha clara aposta polo social. Xa falamos do SAF, do centro de maiores ou do de persoas sen fogar pero tamén temos outras novidades contempladas no novo orzamento. Unha delas é a aposta pola conciliación que facemos dende Servizos sociais e que imos presentar nos próximos meses. Despois reforzaremos as actividades para a mocidade, porque cremos que esa franxa de idade, a partir dos 12 anos, é a gran esquecida. Facemos políticas para a infancia, para os maiores, que por suposto hai que reforzar, pero se lle preguntas ao pai de calquera adolescente dirá que non hai oferta. É un dos obxectivos, reforzar esas políticas porque tamén nos chegan dos centros educativos unha serie de problemas e temos que darlles voz aos mozos porque ninguén mellor que eles sabe o que necesitan. E na parte do comercio temos unha subvención de 2,5 millóns de euros para esta área e iremos sacando diferentes propostas e contratos vinculados á mellora da Praza de Abastos (obras, iluminación, implementar reparto a domicilio, compra en liña...). 

Materializaranse en 2024?

Si, o tema da Praza de Abastos e as diferentes propostas vinculadas ao comercio estarán activos en 2024, trátase de fondos europeos cos que hai que cumprir prazos. Tamén as propostas para a mocidade e o Centro de Inclusión para Persoas sen Fogar, que será unha obra rematada durante este 2024.

“Esperamos ter o novo contrato do SAF canto antes, non imos nin a un día de prórroga coa actual empresa”

As iniciativas para aos novos irán na liña do programa de Nadal?

Trátase de algo que escapa un pouco do meu ámbito de competencias, está máis vinculado coa concellaría de Cultura a cuestión da música ao vivo, pero como tenente de alcaldesa participo en cuestións que van máis alá das áreas das que son responsable, teño unha implicación transversal. Un dos obxectivos deste goberno é o de promover o talento local, o do Nadal foi unha especie de experiencia piloto utilizando o talento que temos no Centro Xove da Almáciga, e a verdade é que foi un éxito. En Santiago hai un talento cultural que hai que aproveitar e este si que é un obxectivo a longo prazo: volver ser a capital cultural que fomos, porque temos moitísima xente dedicándose á cultura e témolo que aproveitar, non deixalo marchar. 

Falaba tamén de problemas actuais da mocidade... A que se refire?

A xente nova é unha cuestión na que as diferentes administracións públicas debemos poñer o foco. Ten que ser un traballo colaborativo entre adminstracións, porque de feito a local pode ser a que menos competencias teña. A semana pasada celebramos a mesa da violencia, e hai datos que amosan un certo retroceso nas franxas de idade máis novas, que teñen que ver coa igualdade e coa violencia machista. Hai que facer ese traballo e atender os índices de saúde mental da mocidade, non se está a facer traballo de prevención en temas de adicción, de ludopatía... A área de mocidade debe centrarse en dous obxectivos: reforzar o centro xove e tamén abordar problemáticas que están aí e onde a prevención é a mellor ferramenta.

O plan de conciliación, está pendente da aprobación dos orzamentos ou hai máis cuestións a resolver antes de presentalo?

Dende o punto de vista da conciliación hai dúas propostas. Está o plan que se traballa dende a concellaría de Educación, o plan anual estable -vacacións, períodos non lectivos...-, e dende Políticas Sociais estamos a traballar nunha proposta que vaia máis alá do período vacacional, porque os problemas de conciliación non aparecen só aí. Vivimos nunha sociedade onde hai que conciliar día a día e aí faltan respostas dende a adminstración pública. A proposta na que traballamos tamén se recolle nos orzamentos de 2024 pero non é unha cuestión que implementaremos unha vez que se aproben os presupostos, aínda que si esperamos vela durante 2024.

Hai datos que amosan un certo retroceso nas franxas de idade máis novas, que teñen que ver coa igualdade e coa violencia machista

Volvamos ao SAF, o novo contrato remata no mes de maio...

A licitación está en marcha, foi unha das miñas prioridades en canto cheguei ao Goberno, porque o SAF non estaba funcionando, probablemente non funcionou dende o momento no que se asinou o contrato, era un clamor popular. Primeiro tentamos unha interlocución, marcamos comisións de seguemento mensuais que continuamos a ter para tentar resolver os problemas. Puxemos unha sanción do 20.000 euros porque continuaba habendo incumprimentos graves do contrato. E por último licitamos. Creo que nun período tan curto de tempo queda claro que para nós foi unha prioridade. Nos orzamentos contémplase case un incremento do doble na partida, melloras para as traballadoras e para os usuarios, mellora do control dos contratos... está claro que o Concello ten que controlar os contratos, por iso incorporamos unha auditoría. A presentación de ofertas remata este 5 de febreiro e esperamos poder ter o novo contrato en vigor canto antes, non imos nin a un día de prórroga coa actual empresa. 

Fala de que o SAF non estaba a funcionar, a anterior licitación é do Goberno socialista, que nalgunhas materias acusa o Executivo actual de herdar as súas solucións...

Creo que ao Partido Socialista lle corresponde tentar poñer en valor o que fixeron no seu mandato pero os resultados están á vista. Sacaron a licitación o SAF e durante dous anos non actuaron, porque de feito a primeira sanción que se lle puxo á empresa, de 6.000 euros, foi descontada de forma real co Goberno actual, igual que a nova licitación do e a nova sanción, hai un antes e un despois. Coido que queda claro que non había unha herdanza, ao contrario, había un problema. No tema do transporte pasa algo similar, a herdanza que recibimos foi un contrato que houbo que anular, primeiro porque había alegacións importantes contra el e despois porque había un convenio colectivo que entrara en vigor cun incremento salarial que non estaba contemplado. Tivemos que reiniciar todo o proceso. 

A declaración de Santiago como zona residencial tensionada ou o párking do CHUS debátense estes días. Está próxima a súa resolución?

Estes son problemas inminentes. O da vivenda leva moito tempo existindo, non é recente senón que levamos moito tempo vendo como a xente se ve expulsada de Compostela porque non atopa vivenda. Os problemas de aparcamento no CHUS tampouco son novos, xa existían no mandato de CA (2015-19) e continuamos sen solución. E son tamén estes dous temas competencia da Xunta, nos que o Concello por suposto pode colaborar e somos os principais interesados, por iso ofrecemos a máxima colaboración e poñemos propostas sobre a mesa. Pero creo hai algo importante que quero destacar, son problemas que veñen de moi vello e non son competencia ou non exclusiva do Concello, e a Xunta, despois de tantos anos segue no mesmo punto que antes. É bastante frustrante a situación. Sobre a mobilidade no CHUS puxemos sobre a mesa diferentes propostas da nosa competencia, pero aínda non escoitamos por parte da Xunta unha contrapartida. Estamos dispostos a falar, a negociar, a ver como podemos colaborar coa Xunta dende o Concello.

A Casa da Xuventude divide a coalición de Goberno...

A postura de CA é coñecida. Queremos mantela en pé aproveitando para facer a reforma que necesita e dándolle uso, non ten sentido ter un edificio sen uso. O Concello non ten un grande parque inmobiliario para que poida usar a veciñanza e moito menos nesa zona. Pero tamén é certo que gobernamos en coalición co BNG, que tivo outra postura nas últimas eleccións, mais temos que centrarnos nos puntos en común, diso trata tamén a democracia. E son moitos eses puntos, temos un acordo de Goberno co que queremos facer nestes catro anos para transformar a cidade e traballamos o que nos une, non as diferenzas. A Casa da Xuventude é unha cuestión con moita difusión, pero en Santiago temos moitos máis retos por diante.

Que expectativas ten CA ante as eleccións autonómicas do 18F?

O deseño é claro, un cambio de goberno na Xunta, que é moi necesario, un goberno progresista. O actual goberno non aposta polo piares do público. Como CA queremos un cambio pero tamén somos unha forza municipalista, a nosa preocupación é veciñanza de Santiago, a ela nos debemos, non a outros. Se lle tivese que poñer deberes ao novo presidente da Xunta marcaría como prioridades desta cidade resolver o tema da vivenda, vivenda tamén de protección oficial, e o aparcamento do CHUS, porque penso que son dúas cuestións que deben ter solución xa.