Karlotta deixa en Santiago un rastro de árbores e postes caídos, tuberías rotas e colectores tirados

Os bombeiros recibiron unha vintena de incidencias entre as 10 e as 17 horas

Tres voos de Lavacolla tiveron que desviarse a Madrid

A caída de árbores ou das súas pólas foi unha constante ao paso da borrasca

A formación de balsas de auga na calzada casou algunha saída de vía que se saldou sen feridos

La borrasca Karlotta afecta desde la madrugada de este jueves a Galicia

Javier Rosende Novo

O temporal de vento e choiva Karlotta mantivo durante toda a xornada do xoves a cidade en alerta, en especial entidades coma o 112, Policía Local, 061 e Bombeiros. Estes últimos atenderon en tan só 7 horas (entre as 10 e as 17 h.) máis dunha vintena de incidencias. Caídas de árbores e de postes e cableado da luz, roturas de tuberías que provocaron asolagamentos en zonas como a de San Clemente, ou saneamentos de fachadas e tellados por risco de desprendemento de tellas, chapas ou fiestras foron só algunhas das alertas recibidas por mor desta borrasca.

Segundo datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, na capital galega caeron 57,6 litros por metro cadrado entre as 04.00 e as 19.00 horas deste xoves. Concretamente, entre as 04.00 e as 09.00 horas rexistráronse 14,5 l/M2; e desde esa hora ata as 19.00, 43,1 l/m2; unha cantidade “bastante respectable”, en palabras do profesor José Ángel Docobo, director do Observatorio. Apuntou que o refacho de vento máximo rexistrado no Campus foi de 53 km/h, ás 15.15 h. 

Un fenómeno, Karlota, que vai quedar con nós os vindeiros días. Os portais meteorolóxicos Meteogalicia e Aemet recollen nas súas páxinas web que tanto Galicia coma Santiago permancerán ata o domingo baixo a influencia deste temporal, se ben a previsión é que tanto o vento coma a chuvia vaia amainando xa dende a xornada do venres. 

Incidencias nas estradas, vías férreas e aeroporto

As fortes precipitacións caídas durante o xoves provocaron a formación de balsas de auga nos viais, que se saldaron con saídas de vía que afortunadamente non causaron feridos. Canto ás fortes rachas de vento afectaron o tráfico ferroviario e mais o aéreo. A caída dunha árbore sobre a vía férrea que une Pontevedra con Santiago -no tramo entre as localidades de Catoira e Pontecesures- causou retrasos duns 40 minutos nas viaxes a pesar da pronta resolución da incidencia.

No aeroporto Lavacolla-Rosalía de Castro foi necesario desviar tres voos durante mañá do xoves. Víronse afectadas as chegadas de viaxeiros procedentes de Bilbao, Valencia e Londres, todos eles foron desviados ao aeroporto de Madrid-Barajas, segundo informaba o ente público Aena.

O regueiro de paraugas rotos era xa notorio a primeira hora da tarde, un fenómeno habitual na cidade durante os temporais, pero desta vez Karlotta desprazou tamén un bo número de colectores do lixo. Arredor das 16.30 horas, un deles, situado na rúa Canfranc -na área do Restollal- foi desprazado por unha ráfaga de vento a uns 30 metros do seu lugar orixinal e foi parar ao medio da calzada da vía de servizo da rúa Restollal. Unha incidencia que pese ao aparatoso da situación non causou danos persoais.

'Karlotta' lanza por los aires un contenedor en la rúa Canfranc de Santiago

David Suárez

Precaucións

Entre as principais recomendacións enviadas á cidadanía dende os servizos de meteoroloxía, o corpo de Bombeiros e a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), cómpre destacar para estes días as que estiveron vixentes na xornada de onte: evitar as proximidades dos cursos fluviais que poden sufrir desbordamentos, e os espazos abertos en áreas como poden ser os parques ou os paseos das ribeiras dos ríos Sar e Sarela.

Pese a que os Bombeiros traballaron durante toda a xornada na poda e na retirada de árbores e ramaxe con risco de desprendérense o prudente segue a ser evitar ditas zonas.

A predicción

As axencias Meteogalicia e Aemet manteñen nas súas previsións a incidencia de Karlotta para as xornadas de venres e sábado, especialmente, aínda que non se agardan rachas de vento coma as producidas onte. A velocidade do vento será menor e irase reducindo o sábado e o domingo.

O mesmo vai acontecer coas choivas, cuxa previsión para hoxe é de ceos menos anubrados que o xoves pero chuvias persistentes durante a maior parte da xornada. Unhas precipitacións que irán a menos durante o sábado para comezaren a remitir o domingo.

En canto ás temperaturas, sufrirán un leve descenso (pasando dos 11° de mínima e 14° de máxima do xoves a 7° e 12°C, respectivamente) e sábado (con 5° de mínima e 10° de máxima) ata seren o vindeiro domingo de 6° de temperatura mínima e 12° de máxima.