Premios para os máis pequenos no primeiro concurso de disfraces deste Entroido

Nove grupos, 15 parellas e 40 ‘choqueiros’ na categoría individual competiron na Sala Capitol

Os máis cativos da casa foron os primeiros en competir cos seus disfraces no Entroido deste ano. Foi na tarde do domingo, a partir das 17 horas, nunha Sala Capitol ateigada dun público pouco habitual para o espazo e onde A Run Run: Museo Entroido animou o concurso de disfraces infantís (ata 14 anos). Participaron en total 40 pequenos na categoría individual, 15 parellas e 9 grupos.

Un certame para o que se contou coa colaboración do centro comercial El Corte Inglés, que achegou os premios para os mellores disfraces de cada categoría: grupal (ata 3 pequenos), por parellas e individual. Uns galardóns que consistiron na entrega de tarxetas agasallo de diverso valor económico.

Os gañadores

O terceiro mellor disfrace grupal da tarde, Os Paisanos de Nunca Xamais, acadou unha tarxeta por valor de 100 euros; o segundo grupo premiado con 150 euros foi Peque Mineros; e alzáronse coa victoria Os Vellos Poden Namorarse, que conseguiu unha tarxeta agasallo de 200 euros. 

O terceiro mellor disfrace a dúo, Las Increíbles, fíxose con 75 euros; 100 foron para Viajero del Tiempo y Alienígena; e o par vencedor resultou ser As Dúas Mariíñas, que gañaron 150 euros de agasallo.

En canto á categoría individual, , o quinto premio foi para Creeper, unha tarxeta agasallo de 15 euros; Óptimus Prime levou o cuarto premio, de 30 euros; Laura Chocalleiro fíxose co bronce, unha tarxeta agasallo de 50 euros; a prata mereceuna a crianza disfrazada de Homenaxe a Gila, 80 euros; e o disfraz que máis gustou ao xurado foi A Farola Cleopatra, que acadou a suma de 100 euros para gastar en El Corte Inglés. 

Pero a Festa Infantil de disfraces non foi só competición, á que por certo acudiu a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, disfrazada de hippie guitarrista. Dende as 18 horas houbo baile e sorteo de agasallos. 

Próximo concurso: desfile de Entroido o martes de Carnaval

Para todas as idades é a cita do martes 13, martes de Entroido. O desfile organizado polo Concello comezará ás 17.30 horas na avenida de Ferrol e rematará na Xoán Carlos I, percorrendo antes a rúa Frei Rosendo Salvado, a praza Roxa, República do Salvador, a rúa do Hórreo a mais a rúa da Senra.

As carrozas, comparsas, grupos, parellas, disfraces individuais e comparsas das parroquias compostelás recibirán os seus premios nun evento que de novo terá lugar na Sala Capitol (ás 21.00 horas, logo da actuación de Os Bregadiers, prevista para as 20.00). Neste caso a contía dos premios será de 2.500, 1.500 e 1.000 euros para as mellores carrozas e comparsas e 1.200, 600 e 400 euros para as mellores comparsas das parroquias da cidade.

Aquelas pandas que queiran disfrazarse en grupo e participar no concurso poderán levar tamén tres premios, de 700, 500 e 200 euros. Igual que acontece no caso dos tres mellores disfraces individuais, que recibirán 300, 200 e 100 euros. No caso daquelas persoas que se disfracen por parellas tan só se outorgará un primeiro premio, que estará valorado en 300 euros.