‘Boliñas veñen e van’, a sátira do Entroido compostelán sobre o vertido dos pélets

O grupo musical De Vacas será o encargado da lectura do pregón o sábado 10

O gran desfile de Entroido será o martes 13 e o sábado 17 festa todo o día no Entroido de Conxo

Guillerme Fernández, Faia Díaz, o Meco, Xosé Luís Méndez e Pilar Lueiro

Guillerme Fernández, Faia Díaz, o Meco, Xosé Luís Méndez e Pilar Lueiro / CONCELLO

O ambigú do Teatro Principal compostelán foi o escenario no que a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou a programamción do Entroido de Santiago. A edil estivo acompañada por Guillerme Fernández e Faia Díaz, integrantes de De Vacas, formación que este ano pronunciará o pregón do Carnaval, e polo artista Xosé Luís Méndez, creador do Meco que este ano, como non podía ser doutro xeito, satiriza arredor da praga de pélets que anegan dende hai meses as costas galegas.

Méndez explicou que cada ano hai que pensar que tema é o protagonista, “ten que ser un tema de actualidade e tamén recompilar todos os males dese ano”, explicaba o artista, “por iso ata o último día case non se pode decidi”. Sendo ano electoral, o primeiro pensamento de Méndez foi que o Meco “debía ser un candidato, pero queimalo igual non era o máis politicamente correcto”, chanceou, “pero chegaron as boliñas”.

‘Boliñas veñen e van’ é o lema do Meco 2024 porque, di Méndez, o Entroido é a época na que “rirnos destas desgrazas, desgrazas ecolóxicas que se producen na nosa costa, pero ao mesmo tempo visibilizar este problema e queimalo, e a ver se queimándoo non se volven repetir estas cousas”, desexou.

Unha sátira e unha catarse que tamén reivindicou a concelleira Pilar Lueiro dende o primeiro momento. “O Entroido é a época máis divertida e subversiva do ano, son días de permisividade e certo descontrol, unha festa na que os roles se poden invertir e mesmo nos podemos rir de nós mesmas”. Lueiro reivindicou tamén o “espírito participativo” desta festa, “das gañas de divertirse e de contribuír á troula”. Unha troula pola que a edil nacionalista agradeceu particularmente o traballo “das comparsas e das comisións de festas e unións carnavalescas do rural”. 

“O Meco será o encargado de abrir, presidir e pechar” estes días de festa, anunciou a concelleira, unha celebración que se vai estender do sábado 10 ao mércores 14 de febreiro, “coincidindo co parón escolar”, aínda que na cidade “esténdese todo o mes”. Así a apertura do Entroido, o día 10, terá como figura principal o Meco, que desfilará entre as prazas de Cervantes e do Toural (de 20 a 20.30 horas). E neste último punto De Vacas darán lectura ao pregón.

Programación | Entroido Compostela 2024

Programación | Entroido Compostela 2024

Na presentación do Entroido no Principal tomaron parte dous dos catro integrantes da formación, Guillerme Fernández e Faia Díaz. “Fainos moitísima ilusión, cando nolo propuxeron non dubidamos nin un segundo” explicaba Díaz, que tamén reivindicaba que Santiago “é a nosa cidade, tres de nós nacemos aquí e iso tamén é especialmente emotivo”.

Tanto Díaz como Fernández sumáronse ás palabras da concelleira destacando da festa do Entroido “a subversión, o atrevemento, os disfraces...”. “Como grupo sentímonos moi identificados con todas estas características”, dixo Guillerme Fernández, “para nós é Entroido todo o ano de maneira bastante natural”. O músico tan só adiantou, da intervención de De Vacas no arranque do Entroido que “no pregón haberá humor, retranca, atrevemento e tamén apartado musical, anacos de cancións que ilustrarán o noso discurso, con letras feitas para a ocasión”.

Programación de Entroido en Santiago

O domingo 11 será o día das comparsas e das charangas, coas intervencións dos Conformistas de Conxo na xornada matinal, batucada a xeito de sesión vermú polas rúas do casco histórico, e tarde amenizada por Tíralle do Aire e A Ruliña de Laraño. E na mesma xornada, coa colaboración do centro comercial El Corte Inglés, levarase a cabo o desfile infantil de disfraces.

O luns 12 a Mascarada Tour realizará, da man de Nauta Teatro e Títeres Alakrán, unha parodia dunha visita turística guiada polas rúas da zona vella (18 horas), e tamén será tempo de charangas, no Ensanche e no centro da cidade. Todo para quendar motores para o día grande do Entroido, o martes, co desfile dende a avenida de Ferrol (17.30 horas), concerto de Bregadiers na Capitol e entrega de premios. Ademais de galardoar os mellores disfraces todos os composteláns que participen e non resulten premiados “irán ao sorteo dunha gratificación simbólica pola súa participación. 

A queima do Meco será o día 14 ás 21 horas na praza Roxa pero aínda queda festa para o sábado 17, coa homenaxe aos “entroidos rurais” de Compostela e a festa de Entroido de Conxo dende as 12 da mañá, con courso de filloas, foliada e queima do Meco ás 20 horas.

Citas que non hai que perder

Sábado 10, desfile do Meco entre as prazas de Cervantes (20 horas) e do Toural, onde ás 20.30 h. De Vacas poñerán sátira e música ao pregón deste ano dende o pazo de Bendaña.

Domingo 11, desfile infantil de disfraces, ás 17 horas na sala Capitol (coa colaboración do centro comercial El Corte Inglés).

• Luns 12, Mascarada Tour, a cargo de Nauta Teatro e Títeres Alakrán, ás 18 horas polas rúas do casco histórico.

Martes 13, gran desfile dende a avenida de Ferrol, ás 17.30 horas, ata a avenida Xoán Carlos I. Actuación de Bregadiers ás 20 h. na Sala Capitol e entraga de premios aos mellores disfraces, carrozas e comparsas.

Mércores 14, acompañamento do Meco dende o Toural á praza Roxa, 20 h., para a súa queima.

Sábado 17, Entroido de Conxo.