Unha obra de Chillida e outras esculturas públicas que pasan inadvertidas nas rúas de Santiago

As pezas que poden atoparse nas rúas da cidade explican a súa historia en cada época determinada

"É un patrimonio artístico moi potente e moi importante”, sinala o profesor de Historia da Arte da USC, Juan Manuel Monterroso

‘A Porta da Música’ de Eduardo Chillida no parque de Bonaval

‘A Porta da Música’ de Eduardo Chillida no parque de Bonaval / Antonio Hernández

Obras de Eduardo Chillida, de Camilo Otero ou de Eugenio Granell habitan as rúas, as prazas e os parques de Santiago formando parte da paisaxe habitual coa que veciños e visitantes conviven cada día. Moitas destas esculturas pasan inadvertidas por esa cotiandade, pero o seu valor artístico é indubidable e ademais “cada unha desas esculturas fala dun Santiago dunha época determinada. Pensalo desa forma convérteas en contenedores de memoria, en contenedores de historia. É un patrimonio artístico moi potente e moi importante”, segundo sinala o profesor de Historia da Arte da USC, Juan Manuel Monterroso.

Os exemplos de escultura pública nas rúas son abundantes e entre eles sobresae A Porta da Música de Eduardo Chillida no Parque de Bonaval. O artista vasco, do que se conmemora o centenario do seu nacemento neste 2024, elaborou esta peza de tres metros de altura e 17 toneladas de aceiro cortén dentro do proceso de urbanización da rúa de Caramoniña e da intervención dos xardíns de Bonaval e o CGAC. 

Ubicada neste emprazamento dende xuño de 1994, “é unha das pezas máis interesantes polo nome do artista e pola súa concepción”, apunta Monterroso, e engade que “marca realmente un fito importante dentro da escultura pública contemporánea da última década do século XX”. Trátase da única obra permanente de Chillida nun espazo público de Galicia e está concibida para que a forza do vento proxectada sobre a peza produza un harmonioso son.

Dentro do casco antigo atopamos o monumento a Eugenio Montero Ríos de Mariano Benlliure na praza de Mazarelos, unha peza moi significativa de comezos do século XX. Monterroso lembra que previamente estivo na praza do Obradoiro e foi “polémica no seu momento” pola súa ubicación inicial. 

De campus a campus

Saíndo xa da contorna da zona vella, no Campus Norte sitúanse varias esculturas significativas, especialmente no parque da Música. Alí, por exemplo, está o Retrato póstumo de Asurbanipal de Eugenuio Granell, unha peza chea de cor sobre a que o profesor de Historia da Arte apunta que nun principio fíxose a pequena escala “e no ano 1993 faina en grandes dimensións, coincidindo cunha exposición antolóxica que se celebra no Auditorio antes de que se cree a Fundación Granell”.

A pasionaria, de Camilo Otero, no campus norte de Santiago

A pasionaria, de Camilo Otero, no campus norte de Santiago / Antonio Hernández

Sen saír da zona universitaria, os exteriores da Facultade de Económicas acollen a obra A Pasionaria de Camilo Otero. É un tributo a Dolores Ibárrurri, política, xornalista e dirixente do Partido Comunista. Monterroso define esta peza como “moi interesante pola súa presentación e polo carácter irónico e o significado político que ten”. Erixida en 1978 e coñecida tamén como O Galo pola súa forma, “é unha peza moi potente, feita en bronce, das máis significativas da tradición” representada por Otero.

O ourensán Acisclo Manzano tamén deixou unha obra contmporánea moi relevante no Campus Vida, inaugurada no 2007. Denominada Vae Victis, 1936…, rende homenaxe a docentes e administrativos expulsados da universidade por razóns ideolóxicas durante a Guerra Civil e os inicios da ditadura. “É unha peza singular, que ten unha estrutura un pouco de labirinto, con placas de acero cortén, recortadas, con debuxos moi lineais de persoas que representan esa idea das vítimas”, relata Monterroso.

‘Homenaxe a Carlos Maside’, de Soledad Penalta, no Paseo da Ferradura da Alameda

‘Homenaxe a Carlos Maside’, de Soledad Penalta, no Paseo da Ferradura da Alameda / Antonio Hernández

Pezas na Alameda

Se nos adentramos na Alameda, son moitas as obras que podemos contemplar. O Paseo da Ferradura alberga varias esculturas de César Lombera, algunhas delas as máis fotografadas da cidade, como as de Valle Inclán, de Federico García Lorca e, por suposto, as icónicas dúas Marías. Menos coñecida e de máis recente creación é a Homenaxe a Carlos Maside da noiesa Soledad Penalta, inaugurada a principios de 2022. É unha peza en acero cortén que representa a tres persoas de perfil: o propio Maside, acompañado por Uxío Novoneyra e por Manuel María. “É unha peza moi singular e que merece consideración porque fala de persoeiros dentro da vida de Compostela, fala dunha parte da historia da cidade”, sostén Monterroso.

Escultura de Valle Inclán na Alameda compostelana

Escultura das Marías na Alameda compostelana / Antonio Hernández

No propio Paseo da Ferradura tamén teñen un protagonismo evidente as esculturas de Méndez Núñez e Rosalía de Castro. No caso da primeira, obra de Juan Sanmartín, o profesor da USC relata que “a anécdota é que no momento da súa inauguración, no seu baseamento enterráronse unha serie de obxcetos case como unha especie de arca da memoria”. Feita en pedra, na Alameda tamén destaca A Leiteira, inspirada na loitadora esquerdista Aurora Liste Froján e realizada por Fernando García Blanco sobre un modelo de Gabriel Xosé Eiroa.

Escultura de Valle Inclán no paseo da Alameda

Escultura de Valle Inclán no paseo da Alameda / Antonio Hernández

En calquera caso, Monterroso recomenda que estes e outros monumentos que ocupan as rúas compostelás “hai que coñecelos en vivo e en directo. Aínda que os poidas ver en fotografía, é algo que ocupa un espazo e que ten un volume, e non é o mesmo”.