As árbores senlleiras de Santiago: do abeto que plantou Eva Perón ao xinkgo máis antigo de España

Compostela alberga un patrimonio vexetal moi amplo e variado e a cidade conta con ata sete individuos e unha formación incluidos no catálogo galego

O abeto do Cáucaso, plantado por Eva Perón na Alameda de Santiago

O abeto do Cáucaso, plantado por Eva Perón na Alameda de Santiago / Antonio Hernández

A riqueza patrimonial de Santiago non se cingue unicamente aos seus monumentos artísticos ou arquitectónicos, senón que no eido natural conta cunha boa cantidade de monumentos vexetais. Así o atestigua o catálogo galego de árbores senlleiras, unha listaxe elaborada pola Xunta que recolle as árbores ou formacións que son merecedoras de medidas específicas de protección, atendendo ás súas excepcionais características. Neste catálogo, Compostela conta con ata sete individuos e unha formación.

Algunhas delas encerran unha historia moi singular, como é o caso do abeto do Cáucaso situado no Paseo da Ferradura da Alameda. Segundo apunta o profesor de Botánica da USC, Antonio Rigueiro, este exemplar é coñecido como A Perona, porque foi plantado por Eva Duarte de Perón, a esposa de Juan Domingo Perón, presidente de Arxentina. O acto tivo lugar nunha visita que fixo o 19 de xuño de 1947 a Compostela. 

“Foi unha viaxe histórica porque Arxentina trataba de abrirse un pouco ao mundo, pero tamén histórica para España, porque foi a primeira visita de relevo internacional unha vez que se instaurou a ditadura. Foi a primeira persoa que asinou e que deixou unha declaración nos libros de ouro do Concello de Santiago. Pero ademais deixou esta testemuña vexetal”, relata Rigueiro. Este exemplar ten 77 anos e mide uns 25 metros de altura. “Posiblemente hai outras en Galicia que lle gañarían en idade e en medidas, pero atendendo a esa razón de tipo histórico está incluida no catálogo”, sinala o profesor.

A idade do xinkgo

O Pazo de Fonseca acolle nos seus xardíns outra das árbores máis admiradas da cidade, un xinkgo biloba, que ten a consideración de ser o máis antigo de España. “É unha árbore espectacular, sobre todo no outono porque ten unha cor amarela dourada moi rechamante, moi bonita. Ademais é seguramente centenaria, un dos monumentos vexetais senlleiros destacados da cidade”, incide Rigueiro. 

Este xinkgo compite en lonxevidade con outro que hai no xardín botánico da Universidade de Granada. Aínda que o compostelán se estima que é unha década máis vello que o granadino, a idade é difícil de establecer con exactitude. Isto só acontece con aquelas árbores que “se atopan nun pazo ou nun mosteiro, que teñen documentos que testemuñan cando se plantaron. Para atribuír unha idade exacta sempre se dan intervalos grandes de tempo”, explica Rigueiro. 

A única forma de sabelo con exactitude sería mediante un aparello que se chama barrena de Pressler, unha especie de trade. “Fai un furado no tronco e logo extrae un cilindro de diámetro moi pequeno no que se poden contar os aneis, pero non se adoita facer isto, xa que son monumentos vexetais e implica facerlles unha ferida”, incide o profesor, que ante isto apunta que o máis frecuente é empregar modelos matemáticos que en función do diámetro do tronco dan unha estimación da idade para cada especie.

Especies foráneas

A Alameda alberga a maior parte das árbores senlleiras da cidade. Deste xeito, no Campo da Estrela podemos atopar unha sequoia vermella e un tileiro prateado. Nos dous casos trátase de exemplares de gran tamaño, podendo superar as sequoias os cen metros de altura. “É unha árbore de interese forestal, pero cultivouse moito en Galicia como ornamental, en parques públicos e en xardíns pivados, sobre todo de pazos e casas señoriais. Debeu estar de moda durante o século XIX e principios do XX, porque hai varios exemplares monumentais centenarios en Galicia”, destaca Rigueiro.

O tileiro, pola súa banda, é unha especie propia do sudeste de Europa e do oeste de Asia. O experto da USC indica que “é bastante resistente á contaminación. Polo tanto, crece bastante ben nas vilas e nas cidades. Tamén é resistente a problemas sanitarios, a pragas e a enfermidades”.

Un grupo de persoas faise fotos no ‘eucalipto dos namorados’ da Alameda de Santiago

Un grupo de persoas faise fotos no ‘eucalipto dos namorados’ da Alameda de Santiago / Antonio Hernández

 No Paseo da Ferradura, atopamos tamén un eucalipto cun simbolismo especial ao ser un dos más fotografados pola súa ubicación privilexiada nun miradoiro con vistas á Catedral e á parte posterior do Pazo de Raxoi. Rigueiro resalta que se coñece como eucalipto dos namorados porque alí fanse moitas fotos de recén casados. 

Entre os últimos que se catalogaron, está o cedro do Pazo do Hórreo. Recollido como un cedro do Atlas, “en realidade é un cedro do Himalaia”, destaca Rigueiro como curiosidade. Ademais, como individuo e xa situado nunha finca privada, na Silvouta podemos contemplar un ciprés de Lawson, ao que se lle calcula unha idade superior aos 300 anos.

A carballeira de San Lourenzo en Santiago conta con exemplares centenarios / a. h.

A carballeira de San Lourenzo en Santiago conta con exemplares centenarios / a. h. / Antonio Hernández

Árbores autóctonas

“Se en Galicia tiveramos unha árbore nacional sería o carballo con permiso do castiñeiro, ou o castiñeiro con permiso do carballo”, apunta Rigueiro para referirse á formación senlleira que figura no catálogo, a carballeira de San Lourenzo, un conxunto centenario ao que, segundo se conta, acudía Rosalía de Castro para inspirarse. “É curioso porque no catálogo hai máis especies exóticas ou foráneas que galegas. Aproximadamente o 70% son especies de fóra e o 30% son de Galicia. Pero, en cambio, das de Galicia, hai moitos máis exemplares que doutras especies”, revela o profesor. 

Aínda que non figura neste catálogo, outra das árbores que adquiriu sona nos últimos anos é o carballo situado no parque do Banquete de Conxo. Con máis de 250 anos de idade, en 2022 quedouse ás portas de ser a árbore europea do ano nun certame no que acabou en segunda posición colleitando milleiros de votos.  

Para Rigueiro, este tipo de concursos “son interesantes, porque dalgunha maneira focalizan a atención da sociedade nos monumentos vexetais”. Así, defende que se realicen tamén “a nivel estatal e incluso autonómico”, do mesmo xeito que vería positivo que, a maiores do catálogo autonómico, os concellos fixeran os seus. “Non podemos pensar nun catálogo galego que teña dez mil exemplares, porque iso sería inmanexable”, pero “pode haber exemplares que de momento non son merecentes de formar parte do catálogo galego e teñen interese para ser conservados. Iso tamén podería frear ou evitar que en actuacións urbanísticas os levaran por diante”, conclúe.