cronoloxía

Vista Alegre: comezan a soterrar o cableado case sete anos despois de rematar as obras

Na busca dunha solución, a veciñanza presentou en 2022 un escrito ante a Valedora

Manter liñas aéreas é incompatible coa cualificación de Área de Rehabilitación Integral

Na rúa Boiro, no barrio de Vista Alegre, comezaron as obras de soterramento do cableado

Na rúa Boiro, no barrio de Vista Alegre, comezaron as obras de soterramento do cableado / Antonio Hernández

En outubro de 2016, rematadas as obras de Mellora da Mobilidade e da Accesibilidade no barrio de Vista Alegre, iniciaba o procedemento para que as empresas de telecomunicación que operaban na zona (Teléfonica e R) procedesen ao soterramento do cableado. Un ano despois a retirada dos cabos aínda non se producira pese a que “o mantemento das liñas aéreas se considera non compatible coas actuacións de mellora no barrio, cualificado como Área de Rehabilitación Integral (ARI)”.

Así consta no escrito que a veciñanza, representada pola asociación Álvaro Cunqueiro, presentou en 2022 ante a Valedora do Pobo, fartos de agardar que o Goberno municipal instase as teleoperadoras a acometer o soterramentos dos citados elementos. Durante estes anos as problemáticas dos veciños co cableado sucedéronse, dende a obstaculización de acceso a determinados portais, algunhas vivendas que viron impedida a posibilidade de abrir de as fiestras por estaren colgadas sobre elas os cabos, ata dárense situacións de perigo para os transeúntes.

Non foi ata estes últimos días cando por fin o Concello comezou a poñer remedio a esta situación, comezando o soterramento do cableado pola rúa Boiro. Segundo fontes do Pazo de Raxoi, acometeranse estas obras no eixo Norte-Sur do barrio (entre as rúa Boiro e a avenida Castelao) e no eixo Leste-Oeste (entre as rúas Vista Alegre e Bispo Diego Peláez). O Goberno local, que anuncia que as obras continuarán nas próximas semanas, solicita “a colaboración da veciñanza para que pida a migración de cobre ás novas redes de fibra óptica” ás súas compañías teleoperadoras.

Dende a Asociación de Veciños (A.VV.) Álvaro Cunqueiro ven agora próxima a resolución desta situación que precarizaba a vida no barrio. Segundo o seu presidente, David Ríos, as conversas co concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, comezaron o outono pasado e no mes de novembro “instou a R a que comezasen as obras no mes de febreiro”. Requerimento que a teleoperadora cumpriu e polo o que dende a A.VV. non dubidan en recoñecer os esforzos do edil do BNG. “Gonzalo Muíños (PSdeG) tentou mover algo durante o pasado mandato”, pero os anteriores titulares de obras “non foron quen de priorizar as necesidades da veciñanza fronte ás grandes empresas”, asegura o seu presidente.