O PSdeG de Santiago propón ampliar o solo industrial aproveitando as obras do Orbital

As edís Mercedes Rosón e Mila Castro instan á Xunta de Galicia a desenvolver novos polígnos

En total crearíanse 820.000 metros para dar cabida a novas empresas na cidade

Obras do enlace do Orbital no Polígono da Sionlla a altura da conexión coa A-54

Obras do enlace do Orbital no Polígono da Sionlla a altura da conexión coa A-54 / Antonio Hernández

O Partido Socialista de Santiago presentou onte, a través das súas edís Mercedes Rosón e Mila Castro, a proposta que a formación vai levar a votación no Pleno do próximo 29 de febreiro relativa a ampliación do solo industrial da cidade, así como a priorización do asentamento de industrias xeradoras de emprego, con especial atención ás compañías de actividade tecnolóxica.

“Ampliar o crecemento industrial da cidade así como a súa diversificación económica” é un dos obxectivos do PSdeG de Compostela, e así o puntualizaba a concelleira Mercedes Rosón en comparecencia de prensa no Pazo de Raxoi. A proposta dos socialistas busca “avanzar cara a unha diversifación económica que permita a expasión de industrias reducindo a dependencia dos sector servizos”.

O PSOE insta desta maneira ao Goberno local e mais a Xunta de Galicia a desenvolver, aproveitando as obras no Orbital e no Orbitaliño, “os tres polígonos proxectados na zona norte” da cidade. Desta maneira inciden en que a Xunta asuma o desenvolvemento dos SUND (Solo Urbanizable Non Delimitado) 29, 37 e 38.

Estes tres polígonos proxectados vincúlanse “co Orbital do actual PXOM, no caso do SUND-29, mentres os outros dous están próximos á empresa Finsa". As edís lembraron que “no cómputo total estamos fronte a 820.000 metros cadrados de solo industrial” repartidos en 400.000, 250.000 e 170.000, respectivamente. O Grupo socialista recalcou que considera “prioritario” conseguir o compromiso do IGVS -Instituto Galego de Vivenda e Solo- en relación ao SUND-29 para que o solo sexa “de tipo industrial e non comercial ou de servizos”, recalcaron.

As dúas edís socialistas explicaron que cómpre aproveitar que na Xunta se inicia unha nova lexislatura, polo que cómpre “poñer as prioridades de Santiago enriba da mesa dende o primeiro momento”. Mila Castro quixo puntualizar sobre a iniciativa que presenta o PSdeG que a “promoción industrial” se sostén sobre “dúas patas: a creación de solo e a activación de políticas que promovan o emprego”.

Neste sentido as edís remarcaron a necesidade de “promocionar proxectos e non tanto por prezo” -na subasta do solo- senón a modo de concurso tendo en conta “que achega esa industria, que postos de traballo vai crear e se é un proxecto de futuro”, entre outros aspectos, e vencellando este último ás empresas de desenvolvemento tecnolóxico.

Tanto Rosón como Castro instarán o Goberno local a que a realización do concurso para optar ás parcelas de solo industrial se aplique xa “coas dispoñibles no polígono da Sionlla” e defenderon, como aplicou o anterior Goberno municipal socialista “a especialización de Uninvoa na captación de novas empresas”, así como en facilitar apoio a través de convenios fiscais “coas que empresas que se queiran ubicar en Santiago” e lembraron as bonificacións aplicadas nos últimos catro anos “de ata o 95% no imposto de bens inmobles (IBI), no de actividades económica (IAE) e na taxa sobre construcións, instalación e obras (ICIO). Unha iniciativa de “discriminación positiva para lograr o asentamento de industrias que xeren riqueza para a nosa cidade”, afirmaron.

Segundo os datos achegados por Mercedes Rosón e Mila Castro, durante o pasado mandato socialista na cidade “a expasión dos polígonos da zona norte foi exponencial”, concedéndose 87 licenzas nos últimos catro anos para instalar novas industrias no polígono da Sionlla, “logo de dotalo de servizos de auga e saneamento” non instalados até que chegou de novo ao Goberno municipal o Partido Socialista, apuntaron.

Conectar co aeroporto

Para o Grupo municipal socialista é prioritario “mellorar as comunicacións e infraestruturas” dos polígonos, aseguraron Rosón e Castro. “Santiago conta co aeroporto líder de Galicia en movemento de mercadorías” polo que segundo consideran cómpre aproveitar a proximidade das obras do enlace Orbital coa AP-9, “xa próximas á súa finalización”, por iso apostan por “unha actuación que permita a conexión con todos os movementos posibles entre os polígonos industriais e comerciais do norte de Santiago” -Tambre e Costa Vella coa N-550, a AP-9, a A-54 e o aeroporta de Lavacolla-Rosalía de Castro.

Un proxecto que acumula seis meses de demora na execución

A previsión para a conclusión das obras do Orbital e do Orbitaliño é que non estean concluídas, cando menos, até mediados de 2024. Unha cuestión que vén herdada dos seis meses de retraso nas obras por un desaxuste orzamentario que obrigou a mantelas paradas. Uns traballos que establecen como punto de conexión o quilómetro 64+500 da autoestrada AP-9.

A previsión para o Orbitaliño, que os empresarios xa instalados nos polígonos consideran que “está lonxe de ser unha realidade” é que conecte o Orbital coa N-550 o que proporcionará un mellor acceso aos polígonos do Tambre e Costa Vella. 

A obra do Orbital prevese que contribúa a aliviar nun o 90% o tráfico pesado que accede aos polígonos a través da SC-20.