Míriam Louzao: "Non imos cambiar a nosa posición respecto ao párking do Clínico"

A voceira do BNG de Compostela defende que non houbo "intereses electorais" no posicionamento do Goberno local nesta materia

A edil nacionalista defende que a Xunta "non pode pedirlle á cidadanía de Compostela que pague os seus impostos dúas veces"

A voceira do BNG no Concello de Santiago, Míriam Louzao

A voceira do BNG no Concello de Santiago, Míriam Louzao / CONCELLO

O Bloque Nacionalista Galego valorou este mércores os resultados electorais, unha comparecencia na que estivo presente a voceira municipal do partido, Míriam Louzao, que fixo referencia ás espectativas locais fronte ao novo mandato de Alfonso Rueda (PP) na Xunta en canto a temas de orde local coma o aparcamento do Hospital Clínico (CHUS).

"Non imos cambiar a nosa posición respecto do aparcamento do CHUS porque non respondeu a intereses electorais, senón aos da cidadanía de Compostela", asegurou Louzao, que insistiu en que "repetimos en máis dunha ocasión que é unha obra que ten que facer a Xunta" e, nesta liña, o BNG defende que a Administración autonómica non pode pedirlle á veciñanza de Santiago "que pague os seus impostos dúas veces, os que lles corresponden como galegos e duplicalos como composteláns".

A voceira do BNG continuou defendeno que o aparcamento do CHUS é unha infraestrutura comarcal, polo que "é a Xunta quen ten que facer a obra, non nos movemos da nosa posición". Míriam Louzao reivindicou tamén o papel do Goberno local no sentido de que "estamos traballando, poñendo en marcha outros aparcadoiros que, momentaneamente, poidan subsanar a situación".

Resultados electorais

En relación ao papel dos 25 deputados do BNG na nova lexislatura no Parlamento de Galicia e á defensa que éstes poidan facer de Santiago, Míriam Louzao asegurou que "sempre defenderon os intereses de Compostela e estamos seguros que seguirán a traballar polos galegos e os santiagueses".

"Non sabemos que farán o resto de deputados", apostillou Míriam Louzao, en referencia especialmente a Borja Verea (líder da oposición no Concello e deputado do Partido Popular no Parlamento). "Decidiu repetir como deputado e demandarémoslle que defenda os nosos intereses, aínda que os feitos non nos permiten ser optimistas".

Neste sentido Louzao recalcou que Verea "sempre votou contra as iniciativas do BNG no Parlamento", en referencia a cuestións como o Convervatorio de Danza ou as políticas de vivenda promovidas para Santiago dende a bancada nacionalista no Hórreo. "Ímoslle dar un voto de confianza, pero ata agora os feitos non nos permiten ser moi optimistas", insistiu.