Santiago pon en marcha o control de acceso de coches á zona vella logo de 2 anos inactivo

O prazo para renovar as tarxetas de paso vai do 15 de marzo ao 30 de abril

Bolardos intelixentes colocados na Porta Faxeira, acceso á zona vella dende a Alameda

Bolardos intelixentes colocados na Porta Faxeira, acceso á zona vella dende a Alameda / Antonio Hernández

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, anunciou este venres a próxima posta en marcha dos controis de acceso de vehículos ao casco histórico. Unha iniciativa integrada no proxecto Smartiago que conta con bolardos intelixentes e que procura que a zona vella sexa unha área de baixas emisións contaminantes, xa que está pensado para “reducir de forma drástica os desprazamentos de vehículos contaminantes e previr danos no pavimento causados por coches de peso excesivo”.

A pasada semana era noticia neste diario a reparación de varios destes bolardos, concretamente o que de acceso á praza de San Fiz de Solovio (nas inmediacións da Praza de Abastos), Porta da Pena e Porta Faxeira, ademais do poste situado en San Francisco. Agora parece que a posta en marcha dos bolardos intelixentes está máis preto, logo de dous anos instalados e sen funcionar debido a “problemas na conexión entre o seu software e as bases de datos da Policía Local”.

En previsión de que entren en funcionamento a Concellaría de Mobilidade de Santiago abre tamén o prazo para solicitar a renovación das tarxetas de paso e dos distintitvos caducados, que teñen unha vixencia de dous anos, polo que todos aqueles expedidos durante 2022 caducarán ao longo deste ano. Segundo informa o Concello de Santigo, na actualidade hai na cidade 1.500 tarxetas de paso e parada para o casco histórico.

O edil Xan Duro lémbralle á veciñanza que atendendo a esta vixencia “é preciso actualizar estas autorizacións”. A solicitude dos pases pode facerse entre o 15 de marzo e o 30 de abril e consta de tres modalidades diferentes. Por un lado a correspondente a titulares e alugueiro de inmobles no casco antigo e a de titularidade de establecementos mercantís. Ademais, hai unha tarxeta de acceso expedida por “razóns familiares”.