Travesía da Estrada: casas con máis de 40 anos nunha rúa que aínda non conta con alumeado público

Fontes municipais aseguran que se vai proceder á instalación de puntos de luz

Fochancas no pavimento, outro signo de abandono

O último tramo da Travesía da Estrada non conta con iluminación pública

O último tramo da Travesía da Estrada non conta con iluminación pública / Antonio Hernández

As vivendas do último tramo da Travesía da Estrada, na área do Restollal, levan máis de 40 anos construídas, case tantos como a veciñanza que reside alí leva pagando os correspondentes impostos municipais. Sen embargo, ata hai unhas semanas, para os técnicos do Concello de Santiago constaba como unha área sen urbanizar

Esa é a razón pola que a día de hoxe ese tramo da rúa non conta con alumeado público. “Hai máis de 26 anos que as vivendas están legalizadas”, quéixase un dos veciños, polo que ven con indignación a falla de servizos municipais pese a contribuír aos impostos do Concello de Santiago na mesma medida que o resto da veciñanza da cidade. 

Unha cuestión que, segundo puido saber EL CORREO GALLEGO de fontes municipais, se vai a proceder a solventar nas próximas semanas. “Vai para 15 anos que faleceu o meu pai e xa el estaba batallando co Concello” para tratar de que instalaran alumeado público na rúa, conta un dos veciños desa área da Travesía da Estrada, que ademais tivo que pagar do seu propio peto a canalización da auga. Unha obra que lle supuxo un custo de máis de 5.000 euros, “paréceme normal pagar a conexión á acometida, pero non ter que facerme cargo de todo o tramo de tubería”.

“Vai para 15 anos que faleceu o meu pai e xa el estaba batallando co Concello para conseguir o alumeado público”

Veciño

— Residente na Travesía da Estrada

A situación parece ser que deriva de que dende o Concello se entendía que se trataba dunha área non urbanizada. A raíz do interese deste diario por coñecer a situación legal destas vivendas e a explicación á falta dun servizo público tan primordial como a iluminación da rúa, “o departamento de servizos básicos comprobou o catastro e puido constatar que se trata dunha vía de titularidade municipal”, explicaron dende o Concello. 

Aínda que non hai prazos establecidos que cumprir á hora de acometer esta obra, as mesmas fontes locais aseguran que xa se incluíu “no contrato de subministración de servizos enerxéticos de iluminación pública exterior unha intervención para instalar puntos de luz” nesta área.

Un anuncio que a veciñanza non acolle con moita esperanza logo de décadas de abandono. “A última noticia que tiven, a través dunha persoas que coñezo no Concello, é que o tema estaba a expensas da sinatura do técnico municipal correspondente que se puxese a luz”, explican. 

Panorámica da Travesía da Estrada dende o seu tramo final

Panorámica da Travesía da Estrada dende o seu tramo final / Antonio Hernández

Luz, auga e asfaltado

Segundo contan, non é tan só o problema do alumeado público, o máis urxente e tamén demanda ‘histórica’, ou o feito de ter que facerse cargo de toda a conexión da auga. “Foi en setembro do ano pasado cando tiven que realizar a obra para conectarme á auga”, conta este veciño, “a obra fíxose ben, pero o pavimento está deteriorado, hai unha fochanca e unha arqueta que sobresae do chan”. Un mal estado que, alertan, pode derivar en problemas maiores e dificulta o tráfico de vehículos pola rúa.

Un rueiro repetitivo

A nomenclatura do rueiro no que se atopan estas vivendas é chamativamente repetitiva, algo que non facilitou a tarefa dos técnicos municipais para conseguir concretar cal era a situación legal destas construcións. Unha dificultade que, entre outras cousas, demorou por varias semanas a localización da zona residencial en cuestión.

A cousa é que Travesía da Estrada non hai só unha nesa mesma área, senón que poderiamos dicir que hai tres: dúas rúas denomínanse Travesía da Estrada, unha terceira leva por nome Travesa da Estrada e outra máis coñécese como rúa da Estrada.

A travesía en cuestión, na que se ubican as vivendas que carecen de alumeado público, sobe dende a rúa do Restollal e remata sen saída. A media altura crúzase coa rúa da Estrada e pouco máis adiante parten dela outra rúa nomeada Travesía da Estrada, que chega até o Monte das Santas Mariñas e unha Travesa da Estrada, por baixo da anterior, que tamén remata sen saída. 

Tanta repetición nos nomes entorpeceu as tarefas dos técnicos municipais á hora de localizar os expedientes das vivendas que reclaman o alumeado na rúa.