O PP critica o incremento do número de asesores

Santiago aproba os orzamentos máis altos da súa historia pese ás dúbidas do PSOE sobre a xestión do Goberno local

O proxecto presupostario contou cos votos a favor de BNG, CA e Partido Socialista

"Decepcionante e continuísta”, así ve o Partido Popular o documento do que se posicionou en contra

Imaxe do Pleno municipal extraordinario celebrado o mércores 7 de febreiro

Imaxe do Pleno municipal extraordinario celebrado o mércores 7 de febreiro / CONCELLO

Compostela conta dende este mércores cuns 147 millóns de euros de orzamento municipal ao aprobarse en Pleno extraordinario o documento presupostario presentado polo Goberno local e apoiado polos edís do PSOE, pese a que esta última formación ten, en palabras do seu voceiro, Gonzalo Muíños, “serias dúbidas sobre a capacidade de xestión” do Executivo.

Ao total de 142 millóns de euros (9,2% máis que a contía de 2022) contidos no borrador orzamentario do Goberno local súmanselle un 3 millóns xa aprobados en 2023 (orzamento consolidado que inclúe o Auditorio de Galicia e as empresas municipais TUSSA e Incolsa) e 2 máis derivados da aprobación de crédito extraordinario e de suplemento, que tamén se someteu a votación na mañá do 7 de febreiro, co que a cifra total ascende a eses 147 millóns, “o máis alto da historia do Concello”, afirmaba o edil Manuel César, “para o que se conta cun superávit de máis de 47.000 euros”.

Unha cantidade presupostaria que tanto para BNG coma para Compostela Aberta respalda que “poñer as persoas no centro non é só un eslogan senón que hai cifras concretas para mellorar a vida da veciñanza” recalcaba a concelleira María Rozas, en referencia ao incremento das partidas destinadas a servizos sociais (o Servizo de Axuda no Fogar dótase con 5,5 millóns de euros).

Esta última, ‘políticas sociais, culturais e de igualdade para a maioría’, é a segunda das 6 liñas orzamentarias do documento aprobado, xunto aos servizos públicos ‘de calidade’, ‘transformación urbana e mellor acceso á vivenda’, ‘sustentabilidade e territorio’, ‘esforzo investidor’ e ‘mellor gobernanza e modelo de cidade’.

“Non son máis que a continuación dos do Goberno socialista”

Velar polos intereses dos santiagueses foi a cuestión fundamental pola que o PSOE xustificaba o seu voto a favor, pese a “dubidar” da capacidade de xestión do Goberno local tamén afirmaba que se trata duns orzamentos que, segundo Muíños, “non son máis que a continuación dos do Goberno socialista”.

O voceiro do PSOE fixo un relatorio de proxectos xa iniciados ou propostos no mandato de Xosé Sánchez Bugallo como o anel verde, a rehabilitación da contorna de Cornes, as obras da Praza de Abastos, a posta en marcha da plataforma de mercadorías para o reparto no casco histórico ou “o Pacto polo Rural, asinado por Bugallo”.

Muíños afirmou que a “coherencia coas nosas ideas e o compromiso cos nosos proxectos” levan ao PSOE a votar a favor destes orzamentos. Un apoio que se dá porque “a oposición que hai agora non é a mesma que a do anterior Goberno, porque o PSOE vela polos intereses dos veciños”. Así, o edil socialista lembrou que “cando BNG e CA estiveron na oposición parece que non entenderon que é mellor ter orzamentos que non telos”, aludindo á falta de apoio para os presupostos do anterior goberno, que se viu obrigado a prorrogar as partidas de 2022.

Incremento do número de asesores

Pola súa parte a edil do PP, Rosario Ferreiro, ademais de iniciar a súa intervención reclamándolle ao Goberno local que "non era sen tempo que se presentasen os orzamentos”, criticou entre outros aspectos que o documento contén “unha estimación de ingresos demasiado optimistas” ademais de lembrar a oposición dos ‘populares’ ao incremento do número de asesores, que pasan de 6 a 14, polo aumento de gasto que isto supón (en xeral o gasto de persoal, contando todos os traballadores municipais, aumenta neste proxecto un 13%, chegando aos 40,7 millóns de euros).

Ferreiro non desaproveitou a ocasión de reivindicar o modelo orzamentario do PP, lembrando que de gobernaren “baixariamos impostos, estableceriamos o bono vivenda, executariamos o aparcamento do CHUS, derrubariamos a Casa da Xuventude, construiriamos unha piscina en Santa Marta e rehabilitariamos edificios emblemáticos como a Sala Yago ou o Pazo dos Irlandeses”.

A edil do PP advertiu o executivo de que dispón de “apenas 9 meses” para cumprir cos investimentos contidos nuns orzamentos que tachou de “decepcionantes e continuístas”. Cuestión á que deu resposta a alcaldesa Goretti Sanmartín afirmando que se velará “por cumprir cos ingresos e axilizar o cumprimento do gasto”. A líder do BNG local tamén aproveitou a súa intervención para destacar a “pluralidade política” que permite sacar adiante os orzamentos e “a importancia de non subir os tributos”.

Sobre o continuísmo, que o edil de Facenda, Manuel César, xustificaba na “responsabilidade de acabar os proxectos e cumprir coa cidadanía”, só se pronunciou con contundencia a líder de Compostela Aberta, María Rozas, que reivindicaba a modificación do proxecto do centro de Belvís, pensado polo Goberno socialista para albergar oficinas e que agora pasa a ser Centro de Inclusión para persoas sen fogar. “O plan anual de conciliación, a rehabilitación dos Centros socioculturais ou destinar unha partida á memoria histórica non son proxectos continuístas”, aseguraba.

Crédito extraordinario e suplemento de crédito

Previo á votación dos orzamentos para 2024 o Pleno extraordinario votou a aprobación dun crédito extraordinario e dun suplemento de crédito para “financiar obras” non rematadas e que “se atiñan ao remanente”, lembraba o edil Manuel César.

Un total de 37.373 euros destinaranse a ese crédito extraordinario que permitirá concluír obras coma as da rúa dos Vilares -entre Camiños da Vida e Follas novas-, as da Almáciga na altura da Pastoriza ou a creación na área dun “centro polivalente nun edificio cuxa cesión conseguiu o Goberno socialista”, indicaba a edil do PSOE Marta Abal.

Para o suplemento de crédito destinaranse 1.618.642 euros que van permitir continuar obras vinculadas aos fondos EDUSI como a rehabilitación do Campus Sur, a restauración da contorna Sar-Sarela ou as obras de mellora no pavillón de Santa Isabel, ademais da mellora da web municipal, “no camiño da renovación da administración local”, lembraba Marta Abal que tamén desexaba “que este goberno sexa capaz de concluír” estes plans “e de facelo ben, para mellorar a vida da veciñanza”.