Turnitin, a ferramenta antiplaxio da USC xa lle fai fronte a Intelixencia Artificial

A Universidade de Santiago non detecta “unha tendencia á alza” de traballos copiados

O tema “está baixo control” e só existen “algúns casos puntuais” , apunta a coordinadora do Colexio de Decanos e Directores de Centros  

Alumnos da USC na biblioteca Concepción Arenal

Alumnos da USC na biblioteca Concepción Arenal / Jesús Prieto

Sempre existiu o perfil de estudante avispado que se ofrecía, a cambio de remuneración, a facer os apuntes ou traballos de todo aquel que o pedira. Na actualidade parece que esta práctica se profesionalizou xa que con só facer unha búsqueda en Google apréciase que son varias as páxinas webs que ofrecen eses servizos e por prezos un tanto desorbitados. Será porque a demanda non se queda atrás, pero no caso da Universidade de Santiago non se detecta apenas incidencia. 

Os posibles casos de plaxio na Universidade de Santiago danse a coñecer por centros. Neste senso hai unha normativa xeral de Traballo de Fin de Grao (TFM) e Traballo de Fin de Mestrado (TFM) que contempla os plaxios e logo cada titulación adaptouna coa súa proposta específica. Para o control de traballos académicos, o pasado mes de novembro a institución compostelá renovou por catro anos a plataforma Turnitin -que conta cunha nova funcionalidade para detectar o uso de Intelexiencia Artificial (IA) na redacción de textos- para o Sistema Universitario de Galicia.

“O plaxio é unha cuestión actualmente baixo control, tanto dende a perspectiva institucional como a nivel dos centros, se ben realizamos un seguimento con especial atención da súa posible evolución e incidencia para reaccionar oportunamente”, apunta a EL CORREO María Jesús Giráldez, decana da Facultade de Óptica e Optometría e coordinadora do Colexio de Decanas/os e Directoras/os de Centros da USC. Por unha banda, contan con regulamentos de Traballo de Fin de Grao e Traballo de Fin de Mestrado que contemplan e penalizan o plaxio. Por outra banda, no caso de existir e co obxectivo de detectar esta práctica, “na USC contamos con 2.500 licenzas do software Turnitin a disposición do profesorado”.

Con todo, Giráldez asegura que no Colexio de Decanas/os e Directoras/os non teñen detectado un número de casos de plaxio que supoñan unha tendencia á alza nin constitúan unha problemática xeralizada. “Máis ben estamos ante algúns casos puntuais nos que a autoría de parte ou da totalidade do texto non pode ser atribuída á/ao estudante que o presenta como propio”, explica.

Estudantado

Desde o Consello de Estudantado da USC consideran que é “moi positivo” para a universidade que haxa unha baixa incidencia de casos fraudulentos en TFG e TFM, “o que demostra que o estudantado é responsable e honrado”. Non obstante, o seu vicepresidente, Andrés Couso, di que xa antes de existir este tipo de webs “xa había casos fraudulentos de traballos que se encargaban a academias ou outras empresas”. Couso non ve necesario deixarse caer “na falsedade” de que as novas tecnoloxías fomentan o fraude e o engano, senón que as define como “unha moi boa ferramenta complementaria para realizar os nosos traballos.

En referencia á posibilidade de que o alumnado obte por terceiras persoas para levar a cabo parte do seu traballo académico, un aspecto xa máis difícil de controlar pola USC, o Consello de Estudantado considera que non é un porcentaxe significativo. “Cremos que o estudantado é consciente da relevancia do TFG e o TFM e non se arrisca a utilizar estes métodos”, conclúe Andrés Couso.