Luz verde ao estudo de detalle para a construción das instalacións de Ciencias da Saúde en Santiago

A edificación ocupara 3.918 m2, contará con 350 prazas de estacionamento e terá unha zona verde

Recreación do futuro edificio de Ciencias da Saúde

Recreación do futuro edificio de Ciencias da Saúde / CEDIDA

O Pleno municipal aprobou de xeito definitivo o estudo de detalle para a edificación que acollerá as titulacións de Ciencias da Saúde e que presentou a USC. Éste ordena os volumes edificables establecidos no Plan especial de ordenación do campus, na beira norte da avenida Mestre Mateo. 

Esta área está composta por dúas zonas edificables e concentra a totalidade do volume reducindo a ocupación e permitido conformar un espazo libre en continuidade coas zonas verdes. Determínase unha ocupación máxima de 3.918 m2, o que reduce a ocupación do 70 ao 49%. Ademais, prevese unha dotación de 350 prazas de estacionamento.

Máis solo industrial e máis empresas en Santiago

O Pleno aprobou o estudo por unanimidade, como tamén o fixo coa proposta socialista sobre a ampliación do solo industrial da cidade, aínda que este debate desenvolveuse lonxe do acordo representado sobre a importancia da USC en Santiago

Ademais, Mercedes Rosón (PSOE) instaba ao Concello a reformular os plans parciais dos polígonos e pedirlle á Xunta que axilice as obras do SUNP29 e que Santiago teña a “ampliación da Sionlla o máis pronto posible”. A cidade precisa, segundo os socialistas, aproveitar os 800.000 m2 de solo industrial para que se “asente nel novas empresas”.

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, recalcaba a necesidade de que o uso sexa “exclusivamente industrial”, evitando que se instalen comercios “que obrigan á xente a desprazarse” ao tempo que se “descoida o comercio de proximidade”.

Pero o líder do PP, Borja Verea, pese a que votou a favor da proposta a cambio de incluír nela que se “insta á Xunta a seguir desenvolvendo”, criticou duramente a colaboración de PSOE e BNG “en 30 anos no Goberno local” e denunciou que “os tres solos son competencia municipal”, polo que lle daba “vergoña que non deran feito nada durante tantos anos e culpen agora á Xunta”.

Avarías nos parquímetros da zona ORA

O “mal estado dos parquímetros da ORA”, segundo o PP, foi outro dos momentos tensos debates no Pleno local. Ante a moción presentada polo edil Adrián Villa en relación ao arranxo e mellora destes aparellos para evitar sancións. Tanto o titular da materia, Xan Duro (CA), como o exconcelleiro Gonzalo Muíños (PSOE), coincidiron en defender que os traballadores municipais vixían diariamente o funcionamento dos parquímetros e proceden á súa pronta reparación. “O 95% dos equipos están funcionando”.

Información coa que se mostrou en desacordo Villa, que sentenzou “moito recaudar e pouco xestionar”. A moción saíu adiante coas abstencións de PSOE, BNG e CA. A posición das tres formacións debeuse a que entendían mellor non investir agora “á lixeira” na materia xa que “Tussa prevé a renovación total dos parquímetros para 2025”.