A rede Armela da USC demanda máis técnicas de igualdade en Centros de Información á Muller

As propias traballadoras trasladaron que se afrontan a unha sobrecarga de traballo e que o servizo acaba externalizándose

Natalia Paleo, integrante do grupo Armela da USC, nunha conferencia

Natalia Paleo, integrante do grupo Armela da USC, nunha conferencia / Cedida

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago acolleu a semana pasada a xornada As políticas locais de abordaxe da violencia de xénero en Galicia, un evento que forma parte dun proxecto de investigación competitivo estatal realizado polo grupo Armela (Rede de investigación en igualdade, dereitos e Estado social) da USC e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación que leva o título de Vulnerabilidade, dereitos sociais e administración electrónica. Nel trátase de ver o impacto que tivo a covid sobre o funcionamento da administración pública e os dereitos de colectivos vulnerables. 

No marco dese proxecto decidiuse analizar as políticas locais galegas de abordaxe da violencia de xénero.“Isto permitiunos ter unha fotografía das accións que se están levando a cabo nos municipios galegos e ver o que pasou na pandemia, un periodo marcado pola dixitalización”, apunta en conversa con EL CORREO Natalia Paleo Mosquera, profesora do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía da USC e integrante do grupo Armela.

A rede Armela enviou un cuestionario aos concellos galegos que teñen Centro de Información á Muller (CIM), que suman un total de 84. Entre xullo e outubro de 2022 foi contestado por 60 centros. A maiores, organizaron dous grupos de discusión: un con profesionais dos propios CIM e outro con persoal de entidades do terceiro sector e activistas feministas.

A principal conclusión obtida, segundo indicou Natalia Paleo, foi a precariedade que hai nos CIM. “Lévanse a cabo a nivel local pero a financiación para subsistir depende das subvencións da Xunta e tamén do Estado”, conta. Revelouse que hai tres persoas de media por centro e o 90% son mulleres. Paleo sinala que se trata dun dato “tramposo” porque cando se analizan as condicións laborais, “case o 42% está a xornada parcial con un número de horas para a atención psicolóxica e outras para a atención xurídica, entre outras actuacións”.

Outro tema moi comentado foi a externalización. “Resulta que os CIM prestan os servizos fixados pola regulación da Xunta pero de forma externa e non con persoal propio”, sinala. As propias traballadoras inciden en que non están en condicións propicias para desenvolver o seu traballo, ademais de ter sobrecarga de traballo con déficit de recursos humanos. “Cando se mira a figura que traballa nestes centros vese que son case todas psicólogas e avogadas pero non hai técnicas de igualdade, o cal se bota en falta para poder levar a cabo non só políticas de atención ás vítimas senón algo máis amplo de prevención e sensibilización”, apunta. Segundo conta Paleo, as técnicas de igualdade son unha figura só presente no 11% dos concellos.

Outras das cuestións debatidas foron a escaseza de recursos económicos dos centros e a falta de recoñecemento e visibilidade na comunidade.

A necesidade de crear quendas de urxencia

No grupo de discusión con activistas feministas e entidades do terceiro sector analizáronse en que medida as políticas locais se adaptaban ás necesidades das mulleres e púxose o foco nos horarios. “O servizo non está deseñado para a problemática en si”, apunta Paleo, ao sinalar que os CIM funcionan na súa maioría de 9 a 14 horas. Así, investigadora conclúe que son necesarias quendas de urxencia “sin que isto recaia no voluntarismo das traballadoras”, para deste xeito atender ás mulleres en calquera horario e cando o precisen.

Tamén preocupa a existencia de longas listas de agarda que en moitas ocasións “frustran e xeran desconfianza nas mulleres en situación de violencia de xénero xusto cando se atreven a dar o paso para pedir axuda”.

Paralelamente, apréciase que hai perfís de mulleres que teñen máis dificultades para acceder aos servizos do CIM ou que incluso non chegan aos mesmos. Son aquelas que están en situación de prostitución, migrantes, vítimas de trata, ou aquelas que viven en contextos rurais, entre outras. “Son as entidades sociais do terceiro sector as que as rescatan”, sinala Paleo.