Preocupación na USC polas novas expresións de misoxinia e os negacionistas da violencia machista

Coa campaña Contra o acoso difundirá desde o luns en bibliotecas e colexios maiores un protocolo contra este tipo de actitudes que aínda é descoñecido para sete de cada dez membros da comunidade universitaria

Dulce María García, Antonio López, Sandra Vázquez e Marta Pereiro, no acto en Fonseca

Dulce María García, Antonio López, Sandra Vázquez e Marta Pereiro, no acto en Fonseca / Antonio Hernández

Manter a vixilancia contra as expresións máis tradicionais da violencia machista, pero tamén loitar contra os novos modos de misoxinia que xurden, “nun novo contexto no que sobresaen novos actores políticos, alentados por movementos transnacionais que promoven actitudes e perspectivas misóxenas e antifeministas”, en palabras de Dulce María García Mella, ese é un dos obxectivos no que está comprometida a Universidade de Santiago.

A secretaria xeral da USC foi a encargada de ler o manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria á que pertence a institución compostelá, no acto co que a universidade conmemorou o 25N no salón nobre do Colexio de Fonseca. Un acto que estivo presidido polo reitor, Antonio López, e que contou tamén coa participación da súa delegada para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, e da secretaria xeral de Igualdade de Xunta, Sandra Vázquez.

Dulce María García fixo fincapé no feito de que a influencia destes grupos “na formación de opinións e a propagación de ideas políticas extremistas están modelando imaxinarios e condutas desde idades temperás”, e puxo como exemplo o caso Almendralejo, no que un grupo de mozos menores de idade utilizou a imaxe de máis de vinte nenas para crear pornografía mediante o uso da intelixencia artificial.

Considerou que o alcance mediático deste caso serviu “para que a sociedade tomara conciencia da gravidade do problema do mal uso dos avances tecnolóxicos, aínda que non se trata dun caso illado, pois as expresións vexatorias contra as mulleres no mundo dixital reprodúcense constantemente”.

Tamén o reitor mostrou a súa preocupación polo feito de que “aparecen novos pronunciamentos, persoais e tamén dalgúns grupos nos que se empeza a cuestionar a violencia contra as mulleres, e non podemos dar ningún paso atrás nesta loita”. E é que, como subliña o manifesto, “é importante non normalizar nin naturalizar as violencias sufridas, e é importante que tamén nas universidades avancemos cara á visibilización de todas e cada unha das violencias machistas que se exercen no seu seo”. 

Antonio López insistiu en que “non podemos dar nin un paso atrás nesta loita”, xa que o “elemento central” da universidade é precisamente o de promover a educación para a igualdade

Unha educación en igualdade para a que a USC lanza a campaña Contra o acoso, co obxectivo de sensibilizar, a través de diversas canles, a comunidade universitaria nesta materia e dar a coñecer o Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero da USC. 

Trátase de “achegar o protocolo á comunidade universitaria e que se saiba a onde acudir cando sucede algo así”, posto que, como recoñeceu, algúns estudos apuntan a que “o 70% da comunidade universitaria non coñece as posibilidades que ten este protocolo, aínda que o 90% está convencida de que son necesarias ferramentas como esta para loitar contra todo tipo de violencia contra as mulleres”.

Desde este próximo luns, bibliotecas, colexios maiores ou as redes sociais da universidade compostelá difundirán este protocolo que, segundo o reitor, vaise reformar “para ir adaptándoo á realidade que temos e que poida ser máis efectivo e dar resposta aos novos problemas que xurden cada día”.

A nova campaña de concienciación é froito dun traballo de campo con entrevistas e especialistas en xénero e LGBTQI, representantes de PDI, PAS, alumnado de grao e doutoramento ou colectivos, ademais de xuntanzas para valorar como se reproduce esta problemática e que tipo de consecuencias trae consigo. O obxectivo, mellorar a resposta fronte a estes casos

As persoas que participaron no estudo poñen o foco nas relacións de poder e dependencia da estrutura xerárquica da universidade, amosando o seu medo a denunciar, a facelo público e a posibles represalias se deciden dar o paso. 

A secretaria xeral de Igualdade destacou pola súa parte a colaboración estreita entre o Goberno galego e a USC na loita contra a violencia de xénero. 

Sandra Vázquez resaltou que ambas institicións traballan conxuntamente no desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e no eido da prevención das condutas machistas no ámbito educativo, así como na realización de diferentes estudos sobre o impacto do acoso.