Certame de microrrelatos para animar a ler e escribir en galego
Ata o 18 de maio adultos e mozos poden enviar os seus orixinais ao concurso de Feraico

Pola esquerda, Valentín García, Rafael Silva, Juan Gallástegui, Esther Estévez e Jessica Rey, onte, na Libraría Follas Novas / CEDIDA
Vivimos nunha época na que o estrés diario non nos deixa tempo para nós. Andamos sempre a correr para chegar a todo, e aínda así non o conseguimos. Asumimos como normal o ritmo frenético que marca o noso día a día e non nos paramos a pensar en que polo noso benestar, físico e mental, é preciso parar e sacar tempo para desfrutar. Precisamente este ano Feiraco quere alentarnos, a través da nova edición do seu certame de microrrelatos, a tomarnos unha pausa para reconectar con esas actividades que máis nos gustan, como é a lectura. “Practica a leiteratura” é a mensaxe da XII edición do Certame de Microrrelatos Feiraco para celebrar o Día das Letras Galegas. Unha idea que nace da unión da literatura e o leite, a priori moi distintos, sinalan desde CLUN, pero que en realidade están moi unidos por ser dous dos principais produtos de Galicia. “Temos o mellor leite e grandes escritores”, indicou a Directora de Marketing e Comunicación Jessica Rey, onte, durante a presentación do certame na Libraría Follas Novas.

Rafael Silva, fundador da Libraría Follas Novas, tamén tivo unhas palabras / Alba Prada Estévez
Para adultos e nenos
Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado á poeta Luísa Villalta e Clun quere conmemorar esta data tan sinalada para a nosa lingua celebrando unha vez máis o seu famoso Concurso de Microrrelatos, dirixido tanto aos adultos como á mocidade. Os textos terán que ser orixinais e estar escritos en galego. Ademais a temática é libre, pero deberán comezar coa frase “púxenme a escoitar”, unhas verbas que pertencen a un dos poemas do libro En concreto de Luísa Villalta.
As persoas participantes na categoría adulta (maiores de 18 anos) deberán subir os seus escritos en formato PDF á web https://leiteratura.feiraco.es/ do 23 de abril ao 18 de maio. No caso da categoría xuvenil (entre 12 e 18 anos), será o profesorado de cada centro educativo galego quen seleccionará o mellor relato presentado polo alumnado e o subirá entre o 8 de abril ao 18 de maio ao mesmo sitio web.
O xurado valorará a orixinalidade e a creatividade da historia, a coidada redacción e o uso correcto da lingua galega. Todas as persoas premiadas levarán un lote de produtos Feiraco. Ademais, o primeiro premio sumará un ano de libros en galego e unha vaca suxeitalibros feita por un artesán galego en madeira de bidueiro. O segundo premio levará un ano de libros en galego; e o terceiro incluirá unha selección de libros de Luísa Villalta.
Clun coa literatura
Durante a presentación do certame a Directora de Marqueting e Comunicación Jessica Rey insistiu no nexo de unión entre o leite a e literatura. “Tanto o leite como a literatura aliméntannos. O leite alimenta o corpo de forma nutritiva e a literaura fai o mesmo coa imaxinación, o coñecemento e a mente. Ambos son indispensables na cultura galega”. Ademais insistiu na idea de que leite e literatura son un combo que proporciona momentos tranquilos: “ler un libro e tomar un vaso de leite é un momento de autocoidado e proporciónanos un espazo de desconexión”. Fixo un chamamento a prescindir un pouco das tecnoloxías en prol da lectura: “menos vista nas pantallas e máis nunha novela, menos cargadores na mesa de noite e máis libros”.
Pola súa parte, Juan Gallástegui, Director Xeral de CLUN, explicou que Feiraco presenta unha nova edición do premio por “amor a Galicia e ao seu rural”. Un amor que equiparou ao que sentiu Rafael Silva ao fundar a Libraría Follas Novas. “Unha empresa de gandeiros galegos, que ten a súa produción en Galicia, como non ía estar o 17 de maio? Se non estivésemos nese momento fallaríamos á nosa esencia”, dixo.
“Unha empresa de gandeiros galegos, que ten a súa produción en Galicia, como non ía estar o 17 de maio? Se non estivésemos nese momento fallaríamos á nosa esencia”
O Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, aproveitou o seu discurso para loar o labor pola cultura do fundador da libraría Follas Novas, Rafael Silva. “No seu momento trouxo unha forma de pensar distinta, unha teoloxía e unha filosofía distintas para Santiago e para a sociedade. Fíxonos saber que hai outra maneira de enfocar as cousas”, dixo. “Esta catedral que é Follas Novas sempre foi unha referencia para os estudantes”.

Valentín García toma a palabra na presentación do certame / Alba Prada Estévez
Con respecto ao certame de Feiraco sinalou que “poucas cousas hai tan apegadas a nosa terra como a produción láctea. Aquí é tan importante que aínda temos moitos concellos nos que hai máis vacas que persoas”, dixo. Ademais recordou que as accións culturais non son exclusivas das escolas ou academias, senón que tamén teñen que estar no eido da economía, do comercio e nas empresas. “Moita xente entérase do Día das Letras Galegas e de que Galicia é un dos poucos países do mundo que celebra as súas letras nun día festivo, polo certame de Feiraco”.
Tamén tomou a palabra o propio fundador da libraría, Rafael Silva, para contar as orixes dun local que descubría hai 60 anos e que pouco a pouco se foi convertendo en todo un referente en Santiago no ámbito da literatura.
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Premios Gallegos del Año 2025
- Narcopiso de Fontiñas: cómo el trapicheo esquiva la seguridad privada de los vecinos
- El Obradoiro arrasa con una victoria de equipo grande
- Llega a Santiago el equipo multidisciplinar que instalará el ciclotrón en el Centro de Protonterapia de Galicia
- Un fin de semana cargado de eventos dispara la ocupación hotelera en Santiago

