Entrevista | Darío Villanueva Académico, profesor e crítico literario

“Nos mozos percíbese unha falta de uso intensivo do galego”

Darío Villanueva vén de recibir o Premio Otero Pedrayo, un galardón impulsado pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais

Darío Villanueva

Darío Villanueva / EFE

Darío Villanueva vén de recibir o Premio Otero Pedrayo, un galardón impulsado pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais, que recoñece os seus “méritos no académico, na investigación e na actividade profesional como crítico literario e escritor, así como no institucional”, segundo indicou o xurado. O Goberno galego destacou a traxectoria do vilalbés, que tamén foi reitor da USC e presidente da RAE. É colaborador de EL CORREO GALLEGO, do grupo editorial Prensa Ibérica, e do suplemento Abril, onde mensualmente publica un artigo baixo o lema Fe de errores. Ademais, é o presidente do xurado dos Premios Gallegos del Año, que, organizados por este xornal, se entregarán en decembro.

Que significa para vostede gañar o premio Otero Pedrayo?

Significa que en Galicia teño tamén amigos e persoas que recoñecen o pouco ou moito que teño feito no ámbito profesional pero tamén institucional porque eu xa levo moitos anos nisto. Unha parte do meu traballo é puramente intelectual e outra de tipo institucional. Este recoñecemento aquí en Galicia é moi xeneroso, non penso que o mereza, pero xa que se me dá ese galardón non teño máis que dar as grazas.

Pillouno por sorpresa?

Si, totalmente. Eu non sabía para nada que era candidato. Sabía, por suposto, que o premio existía, pero descoñecía cando se entregaba. Foi unha sorpresa recibir a chamada telefónica dende a Deputación de Lugo. A deputada de Cultura foi a que me deu a noticia, foi entón cando caín da burra.

E xa que o premio pon en valor a cultura galega, falemos da nosa lingua. Nalgunha entrevista dixo que unha das actividades máis formativas é a lectura. Cre que a mocidade le en galego o suficiente?

Eu penso que le máis ca nunca antes, do que xa non estou tan seguro é de si le o suficiente. Efectivamente eu son partidario da lectura porque penso que é unha das actividades máis formativas que existen, de maneira que canta máis lectura se faga, mellor. Pero é certo que falando en termos históricos nunca a xuventude galega tivo tanto contacto coa escrita en galego como cando arrancou a produción editorial na nosa lingua. E refírome tamén á literatura infantil e xuvenil, que é importantísima e deu de si autores que a través da tradución pasaron a ser moi valorados noutras linguas, no conxunto de España e incluso fóra dela.

"Eu son partidario da lectura porque penso que é unha das actividades máis formativas que existen, de maneira que canta máis lectura se faga, mellor"

E respecto ao seu uso, dá a impresión de que unha boa parte dos mozos non empregan o galego como lingua habitual e que incluso non escriben na nosa lingua correctamente. Considera que o uso do galego entre os mozos é minoritario?

Eu supoño que o escriben ben porque o galego forma parte do sistema educativo e unha das misións fundamentais deste é ensinar a gramática, a escrita, a redacción da lingua ou linguas propias dunha determinada comunidade. Respecto ao uso, é certo que estou lendo declaracións de persoas que están moito máis preto do asunto a través de traballos sociolóxicos e de campo que din que nos mozos se percibe unha falta de uso intensivo e xeneralizado da lingua galega. E iso non é unha boa noticia, o ideal sería que tivese un uso moi intenso tamén entre a xente máis nova sen prexuízo, iso si, dese beneficio tan grande que temos de ser unha sociedade bilingüe.

A Universidade de Santiago cumpre a súa función á hora de promocionar o uso da lingua galega entre os estudantes?

Si. Eu xa hai bastante tempo que deixei de ser reitor, pero pensoque dende antes da miña época e despois dela, esa función sempre foi unha das prioridades da nosa Universidade.

Hai algún proxecto relacionado coa nosa literatura do que se sinta especialmente orgulloso?

Un dos traballos dos que máis orgulloso me sinto é da dirección do proxecto enciclopédico chamado Proyecto Galicia, da editorial Hércules. Dirixín seis tomos referidos á literaruta galega e un deles adicámolo á literatura infantil e xuvenil. Ademais convoquei a xente moi nova, a moitos investigadores e estudosos da lingua e da literatura galegas, xa que un proxecto tan amplo e ambicioso como ese precisaba a conxunción de moitas voces.

"Un dos traballos dos que máis orgulloso me sinto é da dirección do proxecto enciclopédico chamado Proyecto Galicia, da editorial Hércules"

Que lle diría aos mozos, ou non tan mozos, que queiran aventurarse a publicar en lingua galega?

Pois o primeiro é ler porque non se pode ser escritor se non se le toda a nosa magnífica tradicion literaria. Aí está a mellor escola para logo, si se ten talento, imaxinación e o dominio correspondente do idioma, facer literatura.