Alba Nogueira: “Deben existir políticas activas a prol das mulleres os 365 días do ano, non só o 8-M”

A coordinadora de Armela recibiu un galardón da USC por investigacións en estudos de xénero

Alba Nogueira, investigadora principal da rede Armela

Alba Nogueira, investigadora principal da rede Armela / lorena rey

A Rede Armela de Investigación en Igualdade, Dereitos e Estado Social foi recoñecida onte coa mención honorífica que a USC outorga para distinguir traxectorias en prol da igualdade de xénero e que se entregou no marco do acto institucional co que a entidade académica co conmemorou o 8-M.

A intención da Rede dende un primeiro momento era “facer unha aposta interdisciplinar por estudar a igualdade de xénero, ademais de temas de dereito social e de estado de benestar xa que entendiamos que a investigación na Universidade debe intentar mellorar a sociedade e que os colectivos con maiores dificultades precisan realmente que os dereitos sociais que se enuncian se apliquen”. Así o asegurou a este medio a investigadora principal, Alba Nogueira. En concreto, no caso das mulleres, “que vimos dunha historia de desigualdades”, Nogueira asegurou que “necesitaban ter unha aposta investigadora nesa dirección”.

Así, decidiron crear un grupo que non fora exclusivo dunha área de coñecemento. Dentro da Universidade de Santiago son persoas de dereito administrativo e ciencia política, que para os proxectos de investigación colabon habitualmente con persoas de dereito constitucional. Un total de oito investigadores. Regularmente colaboran con persoal da Universidade de A Coruña e da Universidad Complutense de Madrid. En definitiva, son grupos pluridisciplinares tanto no ámbito interno como nos proxectos competitivos aos que concorren.

Os temas que deciden investigar son considerados “relevantes” por parte dos avaliadores externos. Neste mesmo momento teñen en marcha un proxecto competitivo da Axencia Estatal de Investigación que estuda os efectos en colectivos vulnerables da dixitalización da atención administrativa. “Dentro del temos un estudo de caso específico sobre mulleres víctimas de violencia de xénero pero parecíanos que a Covid facía imperioso estudar se os dereitos sociais que se enuncian son efectivos ou si as trabas administrativas que se atopan moitas persoas que teñen especiais situacións de vulnerabilidade acaban facendo que as garantías reais de eses dereitos desaparezcan”, confirma. Estudan estes temas dentro da idea global de que “a nosa investigación pretende axudar a correxir desigualdades en sentido amplo e o que viven as mulleres en sentido específico”.

En Armela priorizan o traballo colaborativo. “Cando concebimos unha idea para pedir un proxecto de investigación madurámola e vamos repartindo o traballo na medida das posiblidades de cada un e do momento”, contou a catedrática de Dereito Administrativo, ao que engadiu: “somos un grupo que intentou evadirse de certas lóxicas que non nos gustaban, de poder e de competitividade extrema poñendo o foco en coidar os membros do mesmo e traballar de forma colaborativa”. Unha Rede que se define como “ambiciosa no científico e amable nas relacións”.

O discurso pronunciado onte no acto institucional da USC baixo o título Radiografía da igualdade na USC, “permítenos ver que houbo moitos avances pero tamén apreciamos que hai resistencias a unha igualdade real de mulleres e homes en moitos ámbitos como o docente, na propia investigación en temas de xénero ou noutros aspectos como a propia selección de profesorado en referencia a que nos postos baixos estamos case igualados e cando chegamos a ser catedráticas somos moitas menos, aínda menos dun terzo”. Sobre esta cuestión di que en moitas ocasións se chega a pensar “en explicacións fáciles, o propio tempo, o que oculta as resistencias ao avance en materia de igualdade”. A través da citada radiografía Armela pretende reflexar que deben existir políticas activas a prol das mulleres os 365 días do ano e “non só polo 8M”.

Nogueira entende que “as políticas públicas e a acción social e normativa precisan coñecemento teórico detrás e non poden ser foito de improvisacións”. Dende a Universidade, asegurou, “podemos aportar coñecemento experto e facémolo habitualmente asesorando a Administracións Públicas nestas cuestións para que as políticas que adopten sexan efectivas co fin de facer real a igualdade de homes e mulleres e correxir todas as outras desigualdades, que ao final están todas moi relacionadas”.