Santiago é pioneira, entre as cidades patrimonio, na dotación de fibra óptica no casco histórico
O proxecto xestionado polo Consorcio botou a andar en 2020 e constou de 13 fases
Instaláronse máis de 20 km de cabo, máis dun milleiro de caixas 'Compostela' e dáselle cobertura a máis de 6.000 fogares

Ana Triñáns y Antonio Hernández

O salón vermello do Pazo de Raxoi acolleu na mañá do mércores a 'celebración' polo remate do proceso de instalación de fibra óptica no casco histórico da cidade. A capital galega convértese así en pioneira, entre as cidades patrimonio, na dotación deste servizo dentro da améndoa. Un proceso xestionado polo Consorcio e Amtega (Axencia de modernización tecnolóxica de Galicia) que o subdirector xeral de Conservación de Bens Culturais da Xunta, Manuel Chaín, describiu como "salvagarda do patrimonio conectándoo co futuro".
Este proxecto, dotado cun orzamento de 2,6 millóns de euros -2,4 millóns de euros por parte da operadora e de 238.000 euros por parte do Consorcio-, foi asumido pola teleoperadora Orange e botou a andar no outono de 2020. Desenvolveuse en 13 fases, instalando máis de 21 quilómetros de cabo no casco histórico e máis de 1.000 caixas 'Compostela' (dispositivo de menor tamaño que os habituais e bautizado así por ser creado ad hoc), que dota de conexión dixital a máis de 6.000 fogares da cidade.
No acto interviron, ademais da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, o subdirector xeral de Conservación de Bens Culturais da Xunta, Manuel Chaín, a directora de relacións institucionais de Orange, Nani Fernandez, e Miguel Rodríguez Quelle en representación de Amtega.
As características patrimoniais da zona vella fixeron imprescindibles unha serie de condicións para a instalación da fibra óptica co obxectivo de minimizar o impacto visual, polo que foi necesario o deseño especial das pequenas caixas, creadas pola empresa Commscope para a operadora Orange, que implementou e facilitou a adaptación das caixas á arquitectura patrimonial de Santiago.
Ademais, instalouse unha rede aberta —que debe ser compartida por todos os operadores— e realizáronse acometidas específicamente definidas para cada fachada. Ao finalizar a súa intervención, Nani Fernández, fixo entrega dunha destas caixas ‘Compostela’ á alcaldesa. O ámbito de actuación foron as consideradas como “zonas brancas” no Plan Especial da Cidade Histórica, é dicir, áreas sen servizo de fibra óptica por parte de algunha empresa operadora
A relatora do longo proceso "con final feliz" que foi a dotación de fibra óptica no casco histórico foi Belén Hernández, que explicou ao auditorio a complexidade do proxecto e as reticencias de diversos operadores de telecomunicacións ante as dificultades da instalación ao tratarse a améndoa dun ben patrimonial protexido e aducindo a "inviabilidade económica" da tarefa.
Unha vez que Orange se sumou ao proxecto, man a man con Lourdes Pérez, a arquitecta directora da oficina técnica do Consorcio, comezaron os traballos que tiveron que adaptarse á lexislación de conservación patrimonial e no que todos os relatores no evento coincidiron en destacar o papel colaborativo da veciñanza.
Colaboración público-privada
Todos os participantes no evento manifestaron a súa satisfacción pola boa colaboración público-privada entre as partes implicadas para executar con éxito a instalación da fibra óptica na cidade histórica.
Unha colaboración que comezou en novembro do 2019 tras unha consulta pública e aberta na que participaron a Consellería de Cultura e Turismo, Amtega e o Concello de Santiago, unha colaboración que para Miguel Rodríguez Quelle resultou do traballo en equipo e “arreo” de expertos, a prol da chegada da fibra óptica ao casco vello e en todo momento respectando o seu marcado carácter patrimonial sen perder nunca de vista a meta de poñer este esencial servicio á disposición da veciñanza de Compostela.
Como resultado da convocatoria, tres foron as empresas operadoras que presentaron unha proposta técnica de proxecto piloto para a instalación. Iniciábase así un longo proceso de colaboración entre diferentes axentes públicos e privados, empresas contratadas e equipo técnico humano aos que a alcaldesa Goretti Sanmartín agradeceu o seu traballo.
A rexedora congratulouse do éxito deste proxecto, “de vital importancia para o asentamento de poboación e negocios na cidade histórica” e recordou que “non foi un proceso fácil” xa que foi necesario “atopar os equilibrios para dotar de servizos unha zona da cidade que debe estar viva e habitada”.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Subastan dos locales en Área Central de un fondo luxemburgués con bienes en Santiago
- Caótica mañana en la AG-56: un coche es pasto de las llamas y otros seis chocan entre sí
- Nueva apertura en la ‘milla de oro’ de Santiago: abre una juguetería en Montero Ríos
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: 'Me han enterrado a un amigo dos veces
- La historia del peor asesino de Santiago: cuatro muertos en Marrozos
- Raxoi explicará a los vecinos las nuevas restricciones en la zona vieja que ‘vetan’ negocios turísticos
