O Consorcio rehabilitou 9.300 metros de galerías e carpintarías no casco histórico dende 2014

A solicitude das subvencións do programa ‘Ter é Manter’ ralentizouse nos dous últimos anos, en parte, por mor da crise de man de obra na construción

O luns 12 é o último día de prazo para presentarse ás axudas

O Consorcio rehabilitou 9.300 metros de galerías e carpintarías no casco histórico dende 2014

Jesús Prieto

O programa de rehabilitación e mantemento das vivendas do casco histórico ‘Ter é Manter’, promovido polo Consorcio de Santiago é un proxecto a través do que se subvencionan obras de reparación e conservación nas envolventes dos edificios, nas cubertas, nos elementos de madeira (galerías, fiestras...) e nos enreixados. Cobre, segundo o elemento de que se trate, entre o 40 e o 50% do custo da intervención. Un proxecto que se iniciou na primeira década dos 2000 pero que dende 2017 se vén convocando de forma estable anualmente.

Ademais, naquelas solicitudes de rehabilitación que non superen os 15.000 euros é o propio equipo do Consorcio quen realiza o proxecto técnico correspondente. Sobre todas estas cuestións e o desenvolvemento de ‘Ter é Manter’ en 2024, EL CORREO conversou con Belén Hernández, xerente da entidade, e Lourdes López, arquitecta e directora da Oficina Técnica do Consorcio. 

Cada mes de xaneiro publica a convocatoria do ‘Ter é Manter’. Este ano o prazo de presentación de solicitudes, que deben facerse a través de rexistro electrónico, remata o luns 12 de febreiro. “Temos moitísimos interesados pero se comparamos cos primeiros días de apertura do ano anterior, por exemplo, hai rexistradas menos solicitudes, até que non estea pechado todo non podemos facer unha valoración xeral”, explica Belén Hernández. 

Con todo a xerente pon o foco en que dende o Consorcio se nota “un descenso de peticións pero non temos moi claro a que pode ser debido”. Unha das causas pode ser a falta de man de obra “que pode dificultar a decisión dos particulares porque podes ter concedida a subvención, a licenza de obra e non poder empezar porque non consegues empresa”.

Pero máis alá das poucas empresas construtoras e a sobrecarga de traballos derivados dos fondos Next Generation, outra das causas de redución no número de solicitudes tamén pode responder “a que houbo tal boom nos anos anteriores, que pode explicar que agora volvamos a unha senda un pouco máis moderada”.

O programa ‘Ter é Manter’ subvenciona a rehabilitación de elementos de madeira e enreixados

O programa ‘Ter é Manter’ subvenciona a rehabilitación de elementos de madeira e enreixados / Tucho Valdés

Evolución dende 2017

Aínda así, na valoración xeral do programa dende a súa posta en marcha —convocouse en 2006, de novo en 2009, 2012 e 2013 e xa ininterrompidamente dende 2017— a xerente do Consorcio fala dun “crecemento exponencial dende o 17, o orzamento de que dispoñiamos foi variando, 300.000 euros, 350.000”. Hernández explica que estes presupostos non sobraban pero tampouco quedaba ninguén fóra.

“No ano da pandemia, 2020, houbo un incremento brutal de solicitudes, en 2021 engadimos 150.000 euros, chegando a 450.000 e non foi suficiente, en 2022 subimos a 600.000 e tampouco chegou”. A cifra orzamentada en 2023 foi de 900.000 euros e para a convocatoria deste ano a contía é de 800.000 euros.

Belén Hernández achega tamén datos dos expedientes cursados e os investimentos realizados dende 2017. “Xestionamos máis de 150 expedientes nos que se actuou cun investimento de 2.800.000 euros e unha subvención de 1.200.000 e ese non deixa de ser diñeiro que está enriba da mesa para a cidade”, puntualizada a xerente.

“No caso das carpintarías, dende 2014, cursamos 118 expedientes, 3.500.000 euros de investimentos e 1.200.000 en axudas, co que en menos de dez anos actuamos sobre 9.300 metros de carpitaría ou de galería, que ao final é un campo de fútbol coma o Wanda ou o Bernabeu”, compara Belén Hernández, que asegura que o propio equipo técnico do Consorcio quedou sorprendido coa cifra.

A importancia de ‘manter’

“Non podemos entender o estado da cidade hoxe sen este programa”, afirma Belén Hernández, “non hai máis que visitar os cascos históricos doutras cidades patrimonio que non teñan este fluxo continuo de achegar cada ano para velo”. A xerente asegura que o proxecto é “prioritario” para o Consorcio porque “conservar e manter a envolvente é o que che dá o estado real da cidade no nivel de conservación”.

Tanto Hernández coma López destacan a importancia do mantemento de envolventes e cubertas, xa que “non só trata estes elementos e a súa eficiencia enerxética, senón que tamén establece unha barreira contra o ruído”, cuestión determinante nalgunhas rúas do casco histórico e que son prioritarias dentro do ‘Ter é Manter’. 

“Cando por volume de solicitudes temos que botar man do baremo, unha das prioridades son estas zonas, actuamos nas carpintarías para solucionar o illamento acústico ou substituímos lucernarios se están abertos”, explica Lourdes Pérez. 

Por todos os beneficios do mantemento da vivenda, dende o Consorcio anímase á participación, e a súa xerente lembra á cidadanía que na planta baixa da súa sede “temos unha persoa especializada para prestar apoio e asesorar” ás veciñas e veciños interesados en solicitar a axuda.

Ascensores e rampas no casco histórico

A última actualización do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da zona histórica de Santiago ten xa unha década. Ata esta muda en 2013, o documento orixinal contaba con máis de 15 anos, e pese a todo este tempo segue a sobrevoar a cidade a idea de que no casco antigo non se permite a instalación de ascensores no interior das vivendas. 

“O Plan especial permite que haxa ascensores nas vivendas da améndoa”

Belén Hernández

— Xerente do Consorcio

Unha cuestión que sorprende a Belén Hernández, xerente do Consorcio de Santiago, e a Lourdes Pérez, directora da súa Oficina Técnica, que se afanan en explicar que esta cuestión non difire do que acontece en calquera edificio do Ensache compostelán que conte con máis de 50 ou 60 anos.

“O plan especial permite perfectamente que haxa ascensores nas vivendas da améndoa do casco histórico”, reafírmase Belén Hernández, “o que se precisa é facer un proxecto técnico que atope por onde se pode colocar e moitas veces ese por onde supón ir á parte de atrás do edificio e renunciar a unha parte do patio, do salón...”. A xerente do Consorcio insiste en que non se trata dun “problema de legalidade senón, realmente, de asesoramento técnico e de custo deses proxectos”. 

Lourdes Pérez explica que cando a xente pregunta pola cuestión “miramos a planta, a xente sabe que ás veces hai que buscar outro lugar para situalo pero iso tamén pasa en edificacións máis novas que as do centro histórico, como poden ser as dos anos 60 ou 70”. 

A arquitecta explica que cómpre “ver o edificio no seu conxunto, se se trata dun local comercial ao mellor hai que empregar parte do espazo interior na planta baixa para solucionar o problema”. Así e todo lembra que a dificultade é a mesma que se pode atopar nunha construcción do Ensanche ou da avenida de Lugo que teña máis de 50 anos.

As axudas para a construción de ascensores son, neste caso, competencia do Concello e non do Consorcio, aínda que este último é quen se ocupa de realizar o proxecto técnico da súa viabilidade no que afecta á cidade histórica e aos elementos catalogados con alto valor patrimonial, como poden ser as escaleiras.

Aínda que neste punto, Lourdes Pérez asegura que “realmente quedan poucas escaleiras catalogadas de valor que impidan a colocación dun ascensor, pero as que quedan son elementos que chegaron ata nós e que debemos seguir mantendo para as xeracións futuras”. Con todo, arquitecta e xerente lembran que na última convocatoria lanzada dende o Concello para a instalación de ascensores, “tan só se recibiu unha petición”.

Un coidado e cunha conservación do noso patrimonio que tamén hai que tomar en consideración á hora de colocar rampas de acceso a vivendas ou locais comerciais. “Neste punto tamén hai moitísimas solucións”, asegura Belén Hernández, “se se trata de rampas ou plataformas de quita e pon non hai ningún problema”. “Cando é unha infraestrutura fixa nun edificio que é patrimonio hai que ser máis coidadosos e tamén sairá máis cara”.