Enfado 'monumental' na zona vella polo ruído nocturno e a xestión da carga e descarga

Denuncia dificultades de mobilidade en zonas como Rodrigo de Padrón, Toural, Praterías ou Cervantes

Alertan dunha perda de poboación do 3% anual nos últimos 20 anos

Caos de tráfico na carga e descarga de mercadorías nos arredores da Praza de Abastos

Caos de tráfico na carga e descarga de mercadorías nos arredores da Praza de Abastos / Jesús Prieto

O Centrosociocultural Maruxa e Coralia (praza de Salvador Parga) foi o escenario da roda de prensa convocada onte pola Asociación de Veciños (AA.VV.) da Cidade Histórica Fonseca, un evento no que dende a entidade se quixo trasladar ao goberno local a urxencia dun plan de mobilidade e ordeamento das zonas de carga e descarga no casco antigo. Na comparecencia, á que acudiron o presidente da asociación Fonseca, Roberto Almuíña, o seu vicepresidente, Xosé Baqueiro e a vogal María José Lorenzo, tamén se trataron cuestións como os fluxos e a taxa turística na cidade.

Inaceptable” foi o adxectivo co que Roberto Almuíña cualificou as dificultades de mobilidade na améndoa da cidade, en particular nas áreas de Rodrigo de Padrón (Porta Faxeira) e nas prazas de Praterías, Toural ou Cervantes por cuestións da carga e descarga de mercadorías, ademais do tráfico de vehículos particulares e taxis.

Sobre a rúa Rodrigo de Padrón, dende a entidade veciñal denúnciase que tanto esta vía coma as adxacentes (avenida de Figueroa ou San Clemente) “están colonizadas polos vehículos de Correos e da Policía Nacional, as motos, as zonas de carga e descarga e as terrazas en crecemento”. Por todo isto dende a AA.VV. Fonseca úrxese un plan de mobilidade e ordenamento para esta e outras áreas do casco históricoco obxectivo de facilitar a vida dos seus veciños. 

A asociación denuncia tamén a problemática do estacionamento para as persoas que residen na cidade histórica e reivindica “que se facilite o acceso aos residentes”, así como que se lles ofrezan espazos de estacionamento na zona sur da zona vella, xa que o aparcadoiro actual máis próximo é o de San Clemente, “o máis caro de Compostela”.

“A cidade histórica conta actualmente con 3.000 residentes, pero nos últimos vinte anos está acumulando unha perda anual do 3% da poboación”, argumentaba Almuíña para recalcar que a problemática ocasiona tamén que a veciñanza abandone o casco histórico.

Roberto Almuíña fixo referencia ao proxecto Smartiago, posto en marcha polo Concello e cualificado pola administración local como “único e pioneiro en Europa”, que comprende cámaras intelixentes, redutores de velocidade con pesaxe e un centro de mobilidade intelixente “que ía permitir predicir as rutas do tráfico de mercadorías e as dos vehículos de residentes ou de turistas,” entre outras innovacións valoradas en máis seis millóns de euros.

O presidente sinalou que, xa case transcorridos dous anos dende a finalización da instalación, “o centro de mobilidade intelixente non funciona porque o programa informático desta nova rede non é compatible co da rede semafórica e de cámaras que previamente tiña instalado o Concello”, asegurou.

Ante esta situación a asociación Fonseca denuncia que “esta e outras actuacións municipais son mostra da tendencia do Concello a facer plans e investimentos que non chegan a ningures”. Dende a entidade veciñal sinalan que “é hora de esixir aos grupos políticos da corporación municipal o debido rigor, dilixencia e seriedade na administración e o control dos caudais públicos e unha maior transparencia e rendición puntual de contas, porque este tipo de actuacións non se poden repetir cos nosos impostos”.

Federación de asociacións contra o ruído

A Asociación de Veciños Fonseca tamén fixo anuncio durante a roda de prensa de que está a traballar, xunto a outras organizacións veciñais, na constitución da Federación Galega de Asociacións de Veciños contra o Ruído. Nesta materia, a asociación xa lle pediu ao Concello de Santiago unha redución de dúas horas no horario nocturno de peche dos locais de hostalaría da zona vella, pero aseguran que aínda non recibiron resposta.

Outra cuestión que preocupa a asociación é a situación actual da recollida do lixo na cidade histórica. Aínda que xa se eliminou a compactadora de residuos da Travesa de Fonseca, Roberto Almuíña sinalou que aínda segue a haber lixo no lugar. Tamén subliñou que o proxecto de segregación do lixo da hostalaría “non funciona”, e a partir das doce da noite continúan as bolsas de lixo, por exemplo, na rúa do Vilar.