“A praza do Obradoiro non pode converterse na praia de Compostela”

Desde a Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca consideran que a taxa turística non é a solución

O seu presidente asegura que "os que vivimos aquí sabemos que o modelo actual é insostible"

Roberto Almuíña, presidente da Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca

Roberto Almuíña, presidente da Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca / Cedida

Zonas turísticas como a Praza do Obradoiro e as rúas do Franco, Nova, Vilar e Raíña sofren dende hai anos a masificación, que conleva un importante sobrecusto económico. A implantación dunha taxa turística sería a solución?

A taxa turística non é a solución. Hai un estudo do ano 2018 para o grupo de Cidades Patrimonio no que se mencionaba que Santiago tiña que crecer sen saturar e tiña que xestionar o aumento da presión turística e conseguir que o crecemento do turismo estivera acompañado dun crecemento da estancia media e do emprego. E que, ademais, era necesario coñecer a recorrencia e gasto medio do viaxeiro. En definitiva, o que se demandaba era que houbese un observatorio permanente do que sucede co turismo en Santiago.

Os que vivimos aquí sabemos que o modelo actual é insostible. Sábeno moi ben os xerentes de grandes hoteis, que durante o primeiro cuatrimestre do ano perden cartos, en maio recuperan, sendo xuño e setembro os mellores meses do ano ao recibir os turistas que fan máis gasto.

A masificación é froito dos visitantes, dos que veñen un día e logo marchan. Hai estudos feitos polo profesor Elías Torres Feixoo e o seu grupo Galabra que dicían que o 80% dos excursionistas non mercan nin unha botella de auga. Con isto veño dicir que os composteláns non estamos dispostos a pagar uns servizos que teñen que estar dimensionados para unha cidade que recibe tantos visitantes cando nos meses de inverno non os temos. Nun estudo de Braintrust dise que no ano 2017 Santiago recibía uns 165 eventos e congresos, cando Salamanca tiña máis de 600. Nese momento a axencia recomendaba ir por ese camiño ao ser unha opción porque é a vía que máis cartos deixa.

Como viven a masificación os propios veciños e veciñas da zona?

Os veciños de Casas Reais e da praza de Cervantes quéixanse moito dos berros e cánticos. A maiores, estase a perder o comercio de proximidade a grandes pasos, co peche de tendas tradicionais que se converten en tendas de recordos. Na rúa das Carretas repítese esta situación e os peregrinos plantan as bicicletas e mochilas diante das portas porque o Centro de Acollida ao Peregrino non está acondicionado para recibir a tanta xente. Penso que non tiña por que ter a entrada por esta rúa, habendo un bo acceso pola rúa Doutor García Sabell e así podíanse deixar as cousas alí sen molestar ao resto da cidade.

Hai que negociar co arcebispado para que haxa orden e se é preciso terase que abrir outro centro. Non ten por que estar todo concentrado nunha rúa, podendo beneficiarse, por exemplo, do mosteiro de San Martiño Pinario.

A ampliación das terrazas por toda a cidade histórica ou os reclamos publicitarios ilegais das tendas de recordos son reflexo da falta de política municipal, que non fai cumprir as ordenanzas. Entón, como lles imos pedir aos de fóra que as respeten?

Os veciños de Casas Reais e da praza de Cervantes quéixanse moito dos berros e cánticos

Un home escalando a Porta Santa da Catedral, pintadas con xiz nos edificios do casco histórico da cidade, picnics no Obradoiro, gritos dos grandes grupos de mozos católicos que chegan a Compostela polo véran... Como valora a guía de boas prácticas que facilita Raxoi para mellorar a convivencia entre visitantes e a xente da cidade?

Non existe ningún tipo de regulación. Hai tempo na praza do Obradoiro estaban os integrantes de Protección Civil para advertirlles ás persoas de certas cousas, para as que non fai falta unha norma. O que non pode ser é que o Obradoiro se convirta na praia Compostela da ría de Arousa, o que queira tomar o sol terá que ir alá. Ao mellor é necesario poñer bancos, pero non poden darse estas situacións.

A guía de boas prácticas de Raxoi chega tarde porque xa se lle adiantaron algunhas asociacións de veciños o ano pasado. Os veciños de Santiago sempre recibimos ben a todos os visitantes, pero cando estes se desmadran alguén terá que dicirlles algo, e terá que ser a autoridade local. Están ben fixar unhas medidas pero hai que difundilo naqueles medios polos que discorre o Camiño de Santiago. Isto non é un problema só desta cidade, xa que se poden ver distintos altercados en Padrón ou Arzúa.

Percibides que hai un importante número de veciños que deciden marchar da zona?

A fuga de veciños e veciñas dáse fundamentalmente polas trabas que o Concello de Santiago e o plan especial que temos nos impón. Hai unha persoa que o ano pasado para facer a mudanza para a rúa do Vilar tivo que plantarse horas no Concello para dispoñer do permiso. Vemos que hai descordinación entre os servizos do concello xa que son varias as comunidades de veciños que teñen a licenza de obras pero non a ocupación de vía pública.

Despois hai moitos veciños que teñen calefacción eléctrica, inviable para unha persoa que teña un salario base. No ámbito do plan especial non se poden poñer placas solares como no resto da cidade, o que dificulta o acceso a esta zona. Así mesmo, hai xente que non pode meter o seu coche na zona vella ao non estar domiciliado en Santiago.

Hai quen vive en Porta Faxeira e ten o seu garaxe no aparcadoiro de Xoán XXIII, cando ten en fronte o aparcadoiro de San Clemente, coa rotación de coches. Os aparcamentos do centro da cidade deberían ser para os que viven aí e os vehículos dos que veñen de fóra poderían ubicarse noutras zonas da cidade. No meu caso teño 600 metros antes de chegar ao meu garaxe. Como posible solución agardo que se recupere o aparcamento da praza de Galicia para os veciños e comerciantes. Que menos que se nos facilite a vida aos que vivimos aquí ...