"Repensar o turismo en Santiago"

Mesa redonda no Ateneo sobre o modelo turístico: “Queremos ter dereito a vivir na nosa cidade e facelo con tranquilidade”

O acto contou coa participación dos expertos en Turismo Xosé Santos Solla, catedrático de Xeografía Humana da USC, e Francisco Candela, economista

Un momento da mesa redonda celebrada onte no Ateneo

Un momento da mesa redonda celebrada onte no Ateneo / Cedida

Redacción

O Ateneo de Santiago organizou onte, dentro do seu ciclo dos Luns do Ateneo, unha mesa redonda arredor do modelo turístico da cidade, titulada "Repensar o turismo en Santiago". O acto contou coa participación dos expertos en Turismo Xosé Santos Solla, catedrático de Xeografía Humana da USC, e Francisco Candela, economista.

“Os problemas que ten Santiago non son distintos dos doutras ciudades, como grandes cidades europeas. Todas estas cidades tampouco foron capaces de solucionar estes problemas. É difícil, polo tanto, decidir cal é o mellor modelo turístico para a cidade de Santiago. Todos queremos viaxar e todos queremos ter dereito a visitar lugares, pero tamén queremos ter dereito a vivir na nosa cidade e facelo con tranquilidade”, afirmou Santos Solla.

Pola súa banda, Candela afondou sobre as cifras económicas que xiran arredor do turismo en Compostela e asegurou que o sector turístico supón unha parte pequena do PIB. “Unha cidade que non está ao servizo dos seus cidadáns non estará ao servizo dos seus visitantes”, sinalou.