Fortes críticas da oposición pola xestión do plan Smartiago por parte do goberno local

O Pleno, coa abstención de PP, CA e BNG, aprobou un crédito de 1,8 millóns para o pago de facturas pendentes // O grupo popular denuncia o “oscurantismo” nos investimentos

Imaxe do Pleno extraordinario da Corporación municipal celebrado onte no Pazo de Raxoi / CA

Imaxe do Pleno extraordinario da Corporación municipal celebrado onte no Pazo de Raxoi / CA / JACOBO TÁBOAS

O Pleno da Corporación de Santiago, en sesión extraordinaria, deu luz verde onte, cos votos favorables do PSOE e coa abstención do resto dos grupos, á aprobación dun expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 1.867.512,40 euros para o pagamento de facturas correspondentes ao tramo final do proxecto Smartiago, cuxo obxectivo principal é a posta en marcha dun conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes. O concelleiro responsable deste plan, Sindo Guinarte, fixo balance dun proxecto do que “se executou máis do 80 % dos fondos previstos”. E engadiu que dentro do orzamento global, que ascende a cinco millóns, destináronse 3.768.000 a iniciativas de innovación, o que fai que “Santiago sexa hoxe un referente a nivel local en desenvolvemento de proxectos de innovación”, destacou.

“Para que serven as cámaras que xa están colocadas?”

··· Dende o grupo municipal popular incidiron onte no feito de que aínda “non se sabe para que serven as cámaras de videovixilancia que xa están colocadas” en distintos puntos da cidade: “Se están operativas, onde se atopa o Centro de Procesamento de Datos? E tampouco houbo resposta por parte do goberno local de como se poden gastar 600.000 euros nun chasis para vehículo autónomo e que non se volva a saber nada del ou como poden valer 300.000 euros unhas bandas con sensor de movemento e para que serven os datos que se obteñan”, sinalaron.

Non obstante, a intervención de Guinarte non conveceu á oposición, moi crítica coa xestión en materia económica do goberno local. De feito, a portavoz municipal de Compostela Aberta pediulle ao Goberno local que explique onde están os contedores do lixo intelixentes que supostamente foron entregados ao Concello no marco do proxecto Smartiago, na liña de acción relativa á xestión dos residuos sólidos urbanos. María Rozas explicou que “aínda que existe unha app que informa da situación dos tres colectores acordados no contrato, ningún deles se atopa na localización sinalada, nin tampouco nunca se informou da súa existencia a través da web municipal”.

Segundo CA, no listado de facturas incluídas no expediente que o Goberno levou onte a Pleno figuran dúas que a empresa Wellness presentou o 23 de decembro de 2022, relativas á provisión de colectores intelixentes de superficie para a caracterización de residuos sólidos urbanos á a unha actividade de formación vinculada ao tratamento de residuos. Ambas suman 223.245 euros, que é xusto a cantidade que o Concello tiña pendente de pagar en relación ao sistema de recollida intelixente de residuos sólidos urbanos previsto no Smartiago. María Rozas mostrou a súa estrañeza porque o Concello considere executados eses traballos, “porque nunca se presentaron publicamente eses contedores, nunca os vimos nas rúas, e mesmo o alcalde recoñecía en decembro moitas dificultades para desenvolver esta liña do proxecto, nun acto de balance sobre o Smartiago celebrado o 19 de decembro”.

A portavoz de CA explicou que “a sorpresa é ainda maior, porque a empresa adxudicataria do contrato sí informou na súa páxina web dunha visita a Santiago no mes de novembro para presentar os contedores intelixentes, cunha fotografía na que non se recoñece a ningún persoal municipal”. Ademais, na conta de Twitter do proxecto Smartiago aparece unha referencia á instalación dun deses contedores no CEIP de Vite, con data de 11 dedecembro de 2022, contedor, din, “que a día de hoxe xa non está no centro educativo”. “Tampouco se sabe nada”, engade, “dos outros dos contedores, que segundo a APP Novobin vinculada ao proxecto, deberían estar na rúa de Santa Cristina e en Rapa da Folla”.

Así mesmo, indicou que o feito que que o Pleno tivese que aprobar o pago de 1,8 millóns de euros defacturas pendentes do Smartiago, e que teñen que estar abonadas, é unha mostra de que “o PSOE está a feito a tramitar todo ás presas e no último momento, e que teñen que ser abonadas para que o Concello non perda catro millóns de euros de fondos do Smartiago”.

Pola súa banda, o grupo municipal popular denunciou “o oscurantismo do Goberno socialista ao ocultar cales son os resultados dos millonarios investimentos do proxecto Smartiago”: “Chegamos a final de mandato e no Concello de Santiago seguimos celebrando Plenos extraordinarios para que se abonen facturas pendentes, nun momento no que o Concello ten nas súas contas máis diñeiro que nunca, e o alcalde segue en pagar”.

Engadiron, ademais, que “é evidente que o Goberno socialista vive sumido nun cúmulo de irregularidades e agora toca aboar máis de 1,8 millóns de euros deste proxecto con múltiples facturas sen contrato, fora do contrato ou ao marxe do contrato, pola porta do Pleno extraordinario, porque o Grupo socialista non foi quen de sacar uns orzamentos e o que temos con eses cartos son bancos para sentarse ou cámaras que non sabemos onde están instaladas e que vixían aos cidadáns sen propósito algún”.