Os traballadores de Finsa mobilízanse ante a planta de Santiago cortando a N-550

Reclaman a actualización do convenio colectivo, sen melloras dende 2017, e a equiparación salarial conforme á subida do IPC

Dende a fábrica aseguran que as negociacións están a fluír con tranquilidade

Os traballadores de Finsa mobilízanse cortando a N-550

Os traballadores de Finsa mobilízanse cortando a N-550 / CEDIDA

Na mañá deste venres os traballadores de Finsa mobilizáronse diante da fábrica de Compostela para reclamar a actualización do seu convenio colectivo, sen melloras dende 2017, e a equiparación salarial conforme ao IPC (Imposto de Prezos ao Consumo), pendente dende 2023. Na mobilización participaron as organizacións sindicais: UGT, CC.OO, CIG e USO.

Álvaro Lois, representante sindical de UGT, explicou a EL CORREO GALLEGO que esta concentración na cidade segue ás doutras plantas de Finsa no resto do territorio galego (Padrón, San Cibrao das Viñas e Lugo) e a principal motivación é a de reivindicar a actualización do convenio nun momento, que fai extensivo aos últimos anos, que supón o "mellor período económico da empresa" aínda que "non se reflicte en melloras para os traballadores".

Lois reclama tamén o desfase dun acordo sen melloras dende 2017 "nas condicións dos traballadores, en materias como a conciliación ou as vacacións".

Os sindicatos permaneceron mobilizados na N-550 até o cambio de quenda, arredor das 15 horas, e non descartan adoptar outras medidas, "unha xornada de folga se é necesario" no caso de que non se avance na negociación.

Por parte de Finsa, asegúrase que as conversas están fluíndo, "hai propostas enriba da mesa" e aseguran que o traballo nas fábricas se está a desenvolver "con tranquilidade e normalidade".