Arte

Paco Pestana, transgresor e incorformista

A Fundación Granell acolle ata o 31 de marzo unha retrospectiva da obra do artista plástico, 'O curto voo dun paspallás'  

Paco Pestana, transgresor e inconformista

Javier Rosende Novo

Cristina Carballedo Penelas / Miguel R. Taboada

Paco Pestana naceu en Castroverde –Lugo- no 1949. Artista vocacional, desenvolveu unha completa traxectoria multidisciplinar desde os anos 70, e da que hoxe rende homenaxe a exposición Paco Pestana: o voo dun paspallás, comisariada por Cristina Carballedo e que se pode visitar ata o 31 de marzo na Fundación Eugenio Granell en Santiago de Compostela. Nela saen á luz diversas obras elaboradas polo artista que pertencen a coleccións particulares cun fío conductor a través da poesía, a liberdade, o amor e a amizade, achegando unha grande carga emocional á exposición.

Esta proposta pon en valor o importante papel de Paco Pestana na plástica galega. O artista comezou a súa traxectoria con distintos traballos ao aire libre, primeiro en Lugo, nas prazas de Santa María e do Campo, e a partir dos anos 80 intensificou o seu percorrido expositivo levando a súa obra ao Concello da Coruña, Madrid (Galería Ovidio), Santiago de Compostela (Casa da Parra), ou Vigo (Galería Abel Lepina), entre outros espazos culturais.

A partir do ano 2000 inicia un período de grandes mostras en diferentes institucións como A sombra espida do poeta, na Casa da Parra en Santiago de Compostela; Bestas aparelladas, no Museo municipal de Lalín; A estela do delirio, na Fundación Granell en Santiago de Compostela; En el odre y el laberinto, no Museo provincial de Lugo; Esperando Milagros veniales, no Museo municipal de Ourense; La grasa de las metáforas, no Centro Cultural Torrente Ballester en Ferrol.

Panorámica dunha das salas do Museo Granell adicadas á arte de Paco Pestana

Panorámica dunha das salas do Museo Granell adicadas á arte de Paco Pestana / Miguel R. Taboada

As súas mostras tamén visitaron o Museo de la Pasión en Valladolid;no Alcázar de los Cristinanos en Córdoba; o Centro Cultural Torrente Ballester en Ourense e mesmo levou Presenten armas á Capela de Santa María en Lugo. Ademais, compaxina a súa participación en destacadas exposicións colectivas como Galicia en el ruedo, en Málaga; Galicia no tempo, en Santiago de Compostela; Animalium, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL); Ars Moenia, en Toledo; A irmá do sono, na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela.

Por outra banda, destaca a súa relación con Portugal a través de distintos proxectos como o da Fundación Gulbelkian, a Galería José Sacramento de Aveiro, a colaboración co artista Paulo Neves en intervencións escultóricas para espazos privados, a exposición no Museo do Viño na Barraiada de Aveiro e a participación na colectiva Pariu a galega na Galeria Grade, ademais da mostra individual Poesía y escombros en Viana do Castelo.

Igualmente, a súa obra forma parte de coleccións públicas como as da Xunta de Galicia, o Museo Provincial de Lugo, o CGAC, o Museo de Belas Artes de A Coruña, a Fundación Eugenio Granell, o Parlamento de Galicia, a Fundación Abanca, o Centro Cultural Marcos Valcárcel ou Ediciones Hércules, entre outras.

Dentro das súas achegas resalta a relación con distintos ámbitos e espazos a través da escultura pública, onde cabe sinalar a contorna urbana da cidade de Lugo: no Parque de Frigsa atópase a homenaxe que Pestana adica ao falecido motociclista López Mella; na Praza Roxa de Fingoi está ubicada Sebastián Alanceado, no Carril dos Indios apreciamos unha peza realizada en formigón, na Rúa Lamas de Prado pode verse unha obra que representa a figura dun home encadeado, ademais doutras pezas significativas como a dos xardíns do Museo Provincial. Noutra orde de propostas, destacamos a súa intervención poética na estación de autobuses coa que achega a arte á vida cotiá.

Paco Pesta abordou a arte dende a multidisciplinariedade

Paco Pesta abordou a arte dende a multidisciplinariedade / Miguel R. Taboada

Asemade, a súa traxectoria multidisciplinar pasa por importantes colaboracións en prensa, audiovisuais, simposios, conferencias ou presentacións. En definitiva, un longo percorrido existencial adicado enteiramente á cultura.

Dende esta perspectiva vital e plástica, a mostra Paco Pestana, o curto voo dun paspallás revisita a traxectoria profesional do artista a través dunha aposta expositiva que xira ao redor de esculturas, colaxes, debuxos e documentación que se atopan en coleccións particulares. Con elas ponse en valor a través da amizade e da intensa personalidade deste artista, unha figura fundamental da plástica galega con dimensión nacional e internacional.

Conexión emocional

Non é unha exposición antolóxica, senón un percorrido emocional por pezas de amigos que compartiron unha traxectoria vital co artista. Obras que saen á luz desde o ámbito privado nas que o fío condutor son a poesía, a liberdade, o amor, e a amizade. Uns conceptos que promulgaba Granell, a quen coñeceu e co que Pestana atopou un vínculo a través do surrealismo e da súa fundación desde a mostra La estela del delirio, do ano 2000.

As pezas escultóricas que compoñen a exposición comprenden desde os anos 80 ata a actualidade, así como as colaxes e debuxos de recente factura. No apartado documental preséntanse catálogos das súas exposicións individuais en distintas institucións, verdadeiros libros de autor, xa que Pestana participaba en todas as fases do proceso creativo: desde a fotografía ata a elección de textos e poemas da súa autoría, de aí o título desta exhibición, O curto voo dun paspallás, unha referencia do artista que podemos atopar no catálogo que recolle a súa exposición anterior nesta fundación.

A mostra complétase cunha selección das súas colaboracións en distintos medios, con artigos sobre arte e ilustración, así como unha tese de doutoramento para a consulta do público na que se analiza a súa traxectoria desde os anos 70 ata o ano 2005, converténdose así nun importante documento para estudar de forma rigorosa a súa obra desde os seus inicios.

Material audiovisual

No apartado audiovisual, contamos nesta exposición con dous importantes documentos de Off Films: Cuatro escultores, no que o artista colabora con Francisco Leiro, Manolo Paz e Enrique Velasco nun vídeo acción que nos permite coñecer a obra escultórica de Paco Pestana nos anos 80 e achegarnos á súa faceta máis transgresora, cunha intervención nunha das súas exposicións.

No segundo vídeo, Quen son?, Pestana reflexiona sobre a identidade, o territorio ou a propia morte, converténdose, por tanto, nun documento imprescindible para impermeabilizarnos coa súa obra e coa súa persoa.

Artista de vocación, transgresor e incorformista. Na súa obra, poesía e escultura danse a man, nunha relación reflectida nos títulos das súas pezas coas que constrúe escenografías nas que atopamos todos os leitmotivs das súas intervencións artísticas nas que non falta o humor, a ironía ou a crítica.

Paco Pestana é, por tanto, un referente, un artista excepcional que amaba a natureza e o territorio no que atopamos a nosa propia identidade. Unha experiencia compartida a través da amizade que nos inspirou a todos para reunirnos na súa vida e na súa obra con esta mostra de grande carga emocional.