Tres alumnas do IES Rosalía de Castro, premiadas na Olimpíada Filosófica Galega

Dúas delas gañaron na modalidade de dilema moral e disertación

No concurso participaron 360 estudantes de 38 centros galegos

María Rodríguez,á esquerda, Iria Docampo e Xaínza Barreiro, co diploma obtido na proba presencial da Olimpíada Filosófica Galega

María Rodríguez,á esquerda, Iria Docampo e Xaínza Barreiro, co diploma obtido na proba presencial da Olimpíada Filosófica Galega / Cedida

Novo recoñecemento para tres alumnas do IES Rosalía de CastroIria Docampo Zotes e María Rodríguez Romero, ambas de segundo de bacharelato internacional e Xaínza Barreiro Pisco, de 3º de ESO, veñen de ser premiadas na décima edición da Olimpíada Filosófica Galega, desenvolvida este xoves na Facultade de Filosofía da USC. Despois dunha preselección chegou a gran final na que en catro modalidades (certame fotográfico, curta de vídeo, disertación e dilema moral) competiron catro estudantes de distintos puntos de Galicia. Tratábase de alumnado de 3º e 4º da ESO a 1º e 2º de bacharelato.

Xaínza Barreiro quedou en primeira posición na modalidade de dilema moral. “En febreiro tiven que resolver un dilema moral sobre un intercambio á India con itinerarios pouco sostibles tendo que redactar un texto no que debía decidir si era viable ou non utilizando teorías de filósofos”, comentou en conversa con EL CORREO. Este xoves fixo a defensa da proba ante un tribunal composto por profesorado de Filosofía. Barreiro asegura que “o nivel era moi alto”. 

Preparouse durante tres meses dende a casa, xa que por un accidente está seguindo o curso académico de xeito online, a partir de videochamadas cos seus profesores. “Nunca estudei filosofía pero é unha rama que me gusta moito”, comenta, quen asegura que se presentou a esta competición “por desfrute persoal” e recomendación do profesorado.

Xaínza Barreiro é consciente que polo de agora é cedo para saber o que vai a estudar ao rematar o bacharelato pero xa valora como unha posibilidade a escolla do grao en Filosofía. “Faime despexar a mente”, di.

Pola súa banda, Iria Docampo, gañou na modalidade de disertación.

A partir dun texto de Platón no que se transmitía a idea de que ‘aprender a gozar do tempo libre é o que nos permiter ser filósofos’, a alumna tivo que escribir un texto explicando o que é o ocio dándolle o seu enfoque con teorías de filósofos que estudara ou dos que buscara información con anterioridade. Tras coñecer a decisión do tribunal, Docampo quedou “moi agradecida”. “Quedei sorprendida co resultado tendo en conta que optei polo bacharelato de Física”, di.

Iria Docampo quixo valorar o apoio do profesorado do centro. Pensando no vindeiro ano creo que acabará facendo algo relacionado coas Matemáticas ou a Informática.

Pola súa banda, María Rodríguez, quedou en terceira posición na modalidade de disertación. Na súa proba non optou como Iria pola dimensión cultural, senón que tratou de analizar se para convertirse en filósofos ten máis peso o ocio ou o traballo. Despois da exposición da proba ante o tribunal, o cal lle fixo unha serie de cuestións sobre a mesma ao rematar coa exposición, as súas sensacións eran positivas. Asegura en todo caso que dende a fase selectiva “tiña ilusión por quedar nunha boa posición”, pero á vez recoñeceu que “non te chegas a facer a idea de que vaias a chegar tan lonxe”.

Ambas recoñecen que o nivel era elevado xa que tiveron a oportunidade de escoitar as propostas dos contrincantes.

Xaínza Barreiro e Iria Docampo participarán na fase nacional da olimpíada que se desenvolverá os días 19 e 20 de abril en Bilbao.

O resto de estudantes premiados

Un total de 360 alumnos e alumnas de 38 centros públicos, privados e concertados de Galicia (80 composteláns de catro institutos) participaron na Olimpíada Filosófica Galega. As modalidades de disertación e dilema moral sumaron 250 estudantes, os cales se afrontaron á proba presencial o pasado 8 de febreiro na Facultade de Filosofía da USC (en fotografía e vídeo a entrega foi online).

Vera Carreiro, do IES As Telleiras de Narón e Adrián Lorenzo, do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, foron a segunda e terceira clasificada na modalidade de dilema moral. Na modalidade de disertación obtivo o segundo posto Eva Vázquez, do IES Sanxillao de Lugo.

As curtas de vídeo premiadas foron “Tempo” do IES Lama das Quendas de Chantada; Elefzeria, do Colexio Assumpta, Xesuitinas de Noia e Enigma, do Colexio Internacional Eirís de A Coruña.

Marian Artahona, do IES Rafael Dieste de A Coruña; Lara Díaz, do IES As Telleiras de Narón, e Óscar Barreiro, do IES Sanxillao de Lugo, foron as recoñecidas na categoría de fotografía filosófica.