Éxito académico de Irene Armesto: medalla de ouro na Olimpíada de Física e prata na de Matemáticas

A alumna de bacharelato internacional do IES Rosalía de Castro estará na Olímpiada Matemática Europea Feminina, en Eslovenia

Irene Armesto, alumna de bacharelato internacional no IES Rosalía de Castro

Irene Armesto, alumna de bacharelato internacional no IES Rosalía de Castro / lorena rey

Irene Armesto, alumna compostelana de segundo de bacharelato internacional do IES Rosalía de Castro, non deixa de obter éxitos académicos. Despois de conseguir a medalla de prata na Olimpíada de Matemáticas, o que lle permitiu ser seleccionada para representar ao equipo español na próxima Olimpíada Matemática Europea Femenina, que se celebrará en Eslovenia do 13 ao 19 de abril, vén de lograr o ouro na Olimpíada de Física.

Irene asegura que lle gustan as Matemáticas dende pequena, o que fixo que dende cuarto da ESO se presentara á Olimpíada de Matemáticas Galega, que este ano tivo lugar o día 20 de xaneiro na Facultade de Matemáticas da USC. Para a preparación das probas contou coa axuda do profesor xa xubilado Rafael Romero. “Non é tanto saber o temario como ser capaz de resolver problemas de razoamento e pensar de forma creativa”, comenta a este medio en referencia ao exame que constou de seis problemas dos que só puido resolver a metade. Foi unha sorpresa o feito de quedar en segunda posición. “Quedei gratamente sorprendida”, dixo. Xa os dous anos anteriores recibira unha mención.

A posteriori, do 10 ao 12 de marzo, tivo lugar a fase nacional en León, na que participaron 77 estudantes de toda España, onde a complexidade da proba foi maior e non logrou situarse entre os mellores. “O plantexamento foi semellante, só que a realización do exame dividiuse en dúas mañás”, explica. A experiencia serviulle para “coñecer moita xente”.

A raíz da súa participación na Olimpíada de Matemáticas e de xuntarse cos gañadores de case todas as comunidades do país nun concurso na Universidade Politécnica de Catalunya das que 11 eran mulleres, escolleuse a catro para a fase europea, entre as que está ela. Ter que desprazarse a Eslovenia implicará que teña que faltar a clases. “Perderei exames pero non terei problema porque o profesorado dame facilidades para realizalos antes”, asegura. Ata que chegue o día xuntarase co profesor Rafael unha vez á semana nos recreos.

O último éxito conseguido pola compostelá foi o ouro na Olimpíada de Física Galega, o pasado venres 3 de marzo. Na súa preparación colaborou a profesora Rita Rial, coa que preparou a proba durante meses con clases virtuais todas as semanas de unha hora e media aproximada de duración. “A maiores os que participamos tiñamos que facer problemas pola nosa conta e evidentemente houbo semanas que non puiden adicarlle tanto tempo ao coincidirme con exames no instituto”, asegura.

A proba consistiu nunha parte tipo test e un problema. “Saín bastante contenta pero tampouco esperaba o ouro”, di. O vindeiro 27 de abril desenvolverase en Lugo a fase nacional. Para preparala Rita Rial facilitoulle un arquivo con problemas de exames anteriores. “Vou intentar coñecer outra xente e conseguir o mellor resultado posible, pero o principal é vivir a experiencia”, comenta.

Con iso anima os estudantes a participar nestas competicións. “Xa nas fases locais coincides con xente que comparte interese por unha mesma asignatura e se te preparas o suficiente aprendes e sírveche para o curso académico”, sostén.

Nun futuro Irene quere estudar o doble grao de Física e Matemáticas.

Por se fora pouco, o pasado venres 24 de marzo, Irene conseguiu o prestixioso galardón da quinta edición do Premio Stephen Hawking para Xoves Investigadores convocado polo IES Rosalía de Castro. O traballo premiado, encadrado entre a Física e as Matemáticas, levaba por título Acelerador magnético ¿Cómo varía la velocidad del proyectil de un cañón de Gauss en función del número de imanes, la separación entre ellos y su intensidad?