O PP pide unha actuación inmediata en Enfesta para acabar cos asolagamentos

Xorden a raíz do mal estado da canalización das augas pluviais en O Forte, onde non hai beirarrúas

A concelleira popular Nerea Barcia Guldrís

A concelleira popular Nerea Barcia Guldrís / Cedida

Redacción

Varios concelleiros do PP de Santiago fixeron un percorrido pola parroquia de Enfesta, onde comprobaron as “numerosas deficiencias” que sufre esta zona, como o “lamentable” estado da pista que comunica a estrada N-550 coa AC-250, á altura do Forte.

Os populares xa teñen denunciada a falta de atención ao rural por parte do BNG. “Con visitar as zonas do rural pódese contemplar como hai espazos cheos de maleza, beirarrúas intransitables e marquesiñas inutilizadas; é dicir, unha situación que representa un perigo para as persoas, a parte de ser unha contaminación visual”, destacou Nerea Barcia, quen engadiu que “lle reclamamos aos nacionalistas que visiten máis o rural compostelán e atendan as peticións da veciñanza”.

Un dos principais problemas co que se atopan na actualidade os veciños de Forte é a “deficiente” canalización das augas pluviais, provocando o asolagamento da calzada e nas fincas adxacentes, que xa causou unha fochanca de importantes dimensións, “un perigo tanto para o tráfico rodado, como para o paso dos peóns, posto que tampouco existen beirarrúas”. Barcia subliñou que “a confluencia das augas de varios lugares e o paso de camións de grandes dimensións por un camiño de acceso ás fincas están creando un auténtico tapón que provoca que as augas que circulan polos regatos se xunten nese punto e os canais non dean abasto para evacuala toda”.

Segundo os concelleiros populares, para resolver o problema habería que abrir unha canalización antes do lugar, co fin de que a auga de chuvia que se xunta, evacúe cara ao río e non ás fincas dos particulares.

Para Barcia, o rural merece o mesmo respecto que o resto dos barrios de Santiago, e desde logo o BNG non llo está tendo. “Deberían pensar menos en como mover partidas de todas as áreas para pasar asesores e altos cargos e máis en utilizar o orzamento na veciñanza de Compostela, tamén na do rural”.