Santiago

Que pinta un centro de supercomputación galego nun xacemento arqueolóxico exipcio?

O CSIC e o Cesga explican hoxe nunha conferencia o seu papel na escavación na necrópole tebana de Luxor

A cita será hoxe ás 18.00 horas Misión Biolóxica de Galicia no Campus Sur

Vista aérea da escavación na que participa o Cesga en Exipto

Vista aérea da escavación na que participa o Cesga en Exipto / Cedida

“Que diaños pinta un centro de supercomputación galego nun xacemento arqueolóxico exipcio de hai 3.500 anos?”. Con esta pregunta preséntase a conferencia que ofrecerán hoxe ás 18.00 horas Misión Biolóxica de Galicia (Campus Sur) o exiptólogo do CSIC e director do proxecto Djehuty, José Manuel Galán, e o técnico e arqueólogo do Cesga, Emilio Abad, para dar conta do papel do Centro de Supercomputación de Galicia na escavación na necrópole tebana de Luxor.

O proxecto Djehuty comezou no 2001 e ten como obxectivo a escavación, restauración e divulgación dos monumentos funerarios deste emprazamento. O Cesga leva colaborando cinco anos “dando soporte de almacenamento de información e datos que xera o propio proxecto e organizando a información arqueolóxica que se recupera nas excavacións, ademais de facer cartografía e tratar diferentes resultados que se van dando”, explica Emilio Abad.

A contribución do centro tecnolóxico con sede en Santiago está sendo clave, xa que despois de 23 anos de traballo no xacemento “a documentación que se xerou é moi grande”, sinala Abad. O arqueólogo, tras participar na campaña de escavación, apunta que “alí traballas con diferentes especialistas coa intención de modular os datos para poder dixitalizalos mellor. Cando se almacenan no Cesga serven para que todos os investigadores desde moi diferentes ubicacións poidan acceder a eles”.

Dúas disciplinas con máis conexión da que parece

Aínda que poida parecer que o campo no que se desenvolve a actividade do Cesga e a arqueoloxía poidan parecer disciplinas lonxanas entre si, Abad destaca que “só hai que indagar un poquiño para ver como pode axudar unha supercomputación ou un centro deste tipo para avanzar na investigación do procesamento masivo de datos”. Por exemplo, “están empezando a usarse aplicacións como a intelixencia artificial para procesar imaxes”, subliña.

A experiencia do Cesga en proxectos de investigación do ámbito das humanidades é ampla e xa se ten dado en Galicia, especialmente a través do seu departamento de sistemas de información xeográfica en traballos da Universidade de Vigo e da USC.

Experiencia no Castelo da Rocha

Entre os proxectos realizados figura a escavación do Castelo da Rocha, en Santiago, onde nese momento, co apoio dos servidores do Cesga empezou a documentarse o traballo dende o propio xacemento e a crear as bases de datos directamente en liña, “facilitando que diferentes investigadores puideran ter acceso á información que se estaba xerando en tempo real. Avanzaba a escavación e todos podían compartir os datos”, describe o técnico do Cesga.

Abad afonda en que “participar nestes últimos anos nun proxecto relevante a nivel internacional dentro da exiptoloxía presenta novos retos. A información que se vai xerando agora na arqueoloxía cada vez produce máis cantidade de datos”. O arqueólogo atópase agora nunha estadía en Braga colaborando nunha investigación dun ámbito “completamente diferente”, pero apunta que as problemáticas son semellantes á hora de crear repositorios de información comúns. Ante isto, “buscar as solucións e o apoio nun centro como o Cesga ten toda a razón de ser”, conclúe.