Aitor Bouza leva ao Parlamento un paquete de medidas para resolver o colapso nas urxencias do CHUS

Aféalle ao conselleiro de Sanidade en funcións que teña máis interese "en confrontar na política local" viguesa

Aitor Bouza fronte ao Hospital Clinico de Santiago

Aitor Bouza fronte ao Hospital Clinico de Santiago / PSdeG

O secretario dos socialistas composteláns, Aitor Bouza, comunicou este xoves a súa intención de presentar no Parlamento galego un paquete de medidas para reclamar da Xunta “unha solución inmediata ao colapso nas urxencias do Hospital Clínico” (CHUS).

“Xa non é unha cuestión estacional por mor da gripe ou determinada infección que poida xustificar esta situación”, afirmou, “senón que se trata dunha cuestión estrutural”. Bouza denunciou que a ineficacia da xerencia da área sanitaria Santiago-Barbanza está a provocar “que volvamos ver como a xente non pode acceder en calidade ás urxencias”.

O secretario de política municipal do PSOE tamén lle afeou ao conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, que “pense en marchar a Vigo para poder confrontar na política local” en lugar de poñer solución a esta problemática. Bouza referiuse tamén á falta de solución dende a Xunta para o aparcamento do CHUS.