‘O museo máis pequeno da cidade’: a iniciativa dos CSC para promover o comercio local e activar a vida nos barrios composteláns

As creacións da veciñanza estarán expostas nos establecementos entre o 15 de maio e o 12 de xullo

Os edís de Centros socioculturais e Promoción económica coas técnicas dos CSC

Os edís de Centros socioculturais e Promoción económica coas técnicas dos CSC / CONCELLO

Chega a Santiago a segunda edición de O museo máis pequeno da cidade, así que dende este xoves 4 de abril toda a veciñanza de Compostela está convidada a achegarse ao centro sociocultural do seu barrio e inscribirse para presentar a súa proposta artística, aquela representación en miniatura que coide que debe formar parte deste particular museo con entrada de balde.

Trátase dunha iniciativa dos centros socioculturais (CSC) e do departamento de comercio do Concello para promover os negocios locais, a creatividade da veciñanza e, sobre todo, “formar comunidade a través da arte e fomentar a mobilidade entre os diferentes barrios”. 

Esta definición dábaa a concelleira de Promoción económica, María Rozas, xunto ao edil de Centros socioculturais, Xan Duro, e ás técnicas dos CSC Sandra Quintana e Teresa Otero, que presentaron en rolda de prensa a edición deste “non concurso” centrado na participación e que reuniu o ano pasado 55 establecementos comerciais e 55 artistas.

Entre o 15 de maio e o 12 de xullo, poderemos contemplar nos escaparates dos pequenos negocios do noso barrio as obras de arte que participan no proxecto: creacións libres, realizadas nunha caixa de cartón de 13 por 13 centímetros (que se facilita nos CSC) e “preferiblemente” feitas con materiais de refugallo. 

O museo máis pequeno da cidade ten como meta “que saiamos do noso barrio”, que nos acheguemos a outros lugares da cidade e coñezamos eses outros negocios que contribúen á cohesión do barrio que estamos a visitar e ao que ao mellor non acudimos no devir cotiá. Segundo indicaba María Rozas, os datos recolleidos indican que os comercios de barrio “ademais de seren parte fundamental da vida na zona, axudan a fixar poboación”.

Tanto a edil María Rozas coma as responsables dos CSC destacaron durante a presentación do proxecto a boa acollida que tivo a súa primeira edición entre os pequenos negocios da cidade. A concelleira de Promoción económica animou de novo á participación, asegurando que “sumándose a esta proposta gañan visibilidade, reforzan o seu papel como elementos cohesionadores dos barrios nos que se atopan e incorpóranse a un roteiro a través do cal pode achegarse nova clientela”, comentou en referencia ao mapa de establecementos que se creará con todos os locais participantes e ao que se poderá acceder tamén mediante o escaneo do código QR dos carteis.

Aquelas persoas que se animen a participar deben presentar os seus traballos nos CSC entre o 19 e o 26 de abril, e entre todos os presentados realizarase un sorteo para designarlle un pequeno comercio, onde estará exposto ese pequeno museo dende o 12 de maio, e aínda que se trata dunha iniciativa participativa e de creación, na que non resultará ningún artista gañador, si haberá un pequeno premio para aqueles veciños e veciñas que formen parte do xogo Sábados do MPC que se difundirá a través das redes sociais.

Entre o 18 de maio e o 6 de xullo, os CSC irán publicando nas súas redes as pistas necesarias para descubrir de que museo -comercio local- se trata. Para dar co establecemento e a obra que alí se expoña daranse unha serie de pistas e os xogadores poderan enviar as súas respostas “todas xuntas ou semanalmente ao correo de inscrición de artistas e comercios: ccpreinscricións@santiagodecompostela.gal