‘#Punctum’, a mostra que visibiliza a arte de seis galegas autoras de banda deseñada

Pode visitarse na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, de balde, ata o 16 de xuño

Está composta por obras de Maru Astray, Pepa Prieto Puy, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa e Xulia Pisón

As artistas da exposición '#Punctum. Beliscos de BD na Arte Contemporánea Galega". De esq. a dereita Bea Lema, Julia Lago, Pepa Prieto, Xulia Pisón e Maru Astray

As artistas da exposición '#Punctum. Beliscos de BD na Arte Contemporánea Galega". De esq. a dereita Bea Lema, Julia Lago, Pepa Prieto, Xulia Pisón e Maru Astray / Jesús Prieto

A Sala Isaac Díaz Pardo, no Auditorio de Galicia, acolleu ás 20 horas deste martes a inauguración da mostra #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega, unha exposición centrada máis alá da banda deseñada (BD) no papel das creadoras galegas dentro desta arte contemporánea. Pódese visitar de balde ata o 16 de xuño no horario habitual da sala -de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, de luns a domingo-.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, comentaba na rolda de prensa previa á inauguración -na que a acompañaban o comisario da mostra, Íñigo Rodríguez, e a directora do programa de faladoiros e talleres, Neves Rodríguez-, que #Punctum “convídanos a que recoñezamos e repensemos as propostas formais e discursivas que nos chegan dende esta área que a miúdo situamos nas marxes”.

Louzao defendeu que este tipo de eventos expositivos aos que se suma o Concello de Santiago “cumpren unha vez máis co afán de servir de fiestra cara a propostas menos estandarizadas, na periferia dos circuítos expositivos máis convencionais, para abrirnos a ollada e o pensamento”.

Unha ollada que é precisamente a través da que cada espectador descobre o punctum: o elemento da imaxe que rompe a súa unidade, esa chamada que se produce cando o atrapa un detalle da imaxe, e que se reproduce no cartel da mostra, realizado por unha das artistas que integran a mesma, a compostelá Maru Astray. Xunto a ela, outra santiaguesa, Pepa Prieto Puy, compón o elenco de seis artistas que completan Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa e Xulia Pisón.

“Seis artistas moi diferentes, cada unha recolle distintos puntos de vista, diversas narrativas... o espírito da exposición é ese, que cada un de nós, como público, poidamos achegarnos e recoller, empatizar ou marabillarnos cun estilo diferente”, defendía Íñigo Rodríguez.

Detalle do cartel da exposición, deseñado por Maru Astray

Detalle do cartel da exposición, deseñado por Maru Astray / Maru Astray

Unha mostra participativa

O comisario da mostra bosquexou as características máis singulares de cada unha das artistas que compoñen #Punctum e das que Neves Rodríguez quixo poñer en valor as súas meritorias traxectorias e o recoñecemento da súa obra non só polo público galego senón tamén polo internacional.

“É unha exposición de artistas, non historiográfica”, explicaba o comisario para destacar o carácter máis contracultural de Maru Astray ou o máis conceptual de Uxía Larrosa, e de Xulia Pisón explicou que a súa arte se achega “ao cómic xaponés e norteamericano”.

Íñigo Rodríguez mencionou tamén o Premio Castelao, do que entre outras das artistas da mostra foi merecedora Julia Lago; citou a Pepa Prieto Puy, referencial da banda deseñada en Galicia e España que vén de publicar As axendas semanais; e referiuse tamén a Bea Lema, artista de debuxo, bordado e animación que vén de ser premiada no festival de BD de Angoulême (Francia), de referencia nesta arte.

Pero esta mostra non trata só de que uns espectadores observen e gocen coa observación dos seus traballos, senón que consiste tamén en que a exposición se complete coas achegas dos visitantes. Íñigo Rodríguez explicou que se trata de “facer unha exposición participativa” e para iso crearase a área ‘Exquisita BD’.

“Imos poñer unha mesa, lápices, cores, para que a xente os use” e eses debuxos irán semanalmente pasando á sala principal para “facer parte da obra de arte conxunta ao lado desas artistas”. Unha iniciativa que tamén se difundirá a través das redes sociais.

Unha das ilustracións da compostelá Pepa Prieto Puy

Unha das ilustracións da compostelá Pepa Prieto Puy / Pepa Prieto Puy

Divulgación na Zona C

O espazo de arte da praza de Cervantes vai acoller as actividades “que envolven” a mostra. A súa directora, Neves Rodríguez, debullou os eventos que se van levar cabo na sección Mulleres en cadriños, que se vai desenvolver nas últimas semanas de abril e no mes de maio.

Trátase de dous obradoiros para a rapazada e catro faladoiros nos que intervirán as artistas e especialistas coma a investigadora Marta Gil, que achegará o auditorio ao fanzine feminista e queer ou a xornalista Elisa McCausland, que trazará a historia do cómic dende a orixe. 

O obradoiro BDD, banda deseñada diver impartirao Julia Lago o sábado 20 de abril ás 16.30 h., destinado a nenos de entre 9 e 12 anos. No seguinte, a mestra será Bea Lema, que ensinará na tarde do 4 de maio ilustración sobre tea de saco -unha técnica desenvolvida en Chile durante a ditadura militar e que executaban especialmente as mulleres-. Este taller é para rapazada de máis de 10 anos e, en ambos, aínda que a inscrición é de balde, as prazas están limitadas a 25 e cómpre reservala en obradoiros.punctum@gmail.com.

O primeiro faladoiro estará protagonizado polas artistas da mostra e versará arredor do seu traballo e da autoedición, será o 20 de abril ás 12. Á mesma hora o 4 de maio será Marta Gil quen diserte sobre Autoedición como supervivencia. O dúo Los Bravú -Dea Gómez e Diego Omil-, chegará á Zona C o 22 de maio para levar a cabo a sesión Procesos e sucesos, onde ademais de fanzine e cómic abordarán o seu proceso creativo. O último faladoiro será o de Elisa McCausland, o 25 de maio: Xenealoxía e futuro das autoras de cómic.