Persoal do Psiquiátrico de Conxo pide “máis seguridade” nos postos de traballo

Nunha concentración este xoves urxiu un plan que fixe ratios “seguros” de paciente/traballador

Concentración ás portas do Psiquiátrico de Conxo para pedir máis seguridade nos postos de traballo

Concentración ás portas do Psiquiátrico de Conxo para pedir máis seguridade nos postos de traballo / CIG-Saúde

Redacción

Persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo concentrouse este xoves, xunto coa CIG-Saúde de Compostela, ás portas do centro sanitario para reivindicar a “seguridade nos nosos postos de traballo”. Na mobilización, Irene Tato, representante da CIG-Saúde, incidiu na necesidade de contar con Plans Funcionais, que son os que definen as diferentes unidades, os recursos materiais e humanos necesarios, tendo en conta todas as categorías profesionais, e establecen ratios seguros de paciente/persoal segundo tipoloxía de coidados, coa definición de funcións e tarefas a desenvolver, xunto cun plan de formación específico. Tato denuncia que “a pesar do comezo da elaboración dun Plan de Calidade propio no Psiquiátrico estamos nunha situación de parálise do mesmo, sen que transcenda a consecución de reunións para continuar a súa elaboración”.

A representante da CIG-Saúde denuncia tamén que a Xerencia está a eludir a súa responsabilidade para manter unha asistencia sanitaria segura e de calidade, sen tomar as medidas propostas nos requirimentos da Inspección de Traballo no relativo á adopción de medidas médicas e organizativas. Como exemplo,Tato explica que tras o acordo da redución de xornada laboral de abril do ano pasado, con diminución de 70 horas de xornada no ano 2024, “á hora da súa aplicación por parte da Dirección, supón unha perda de profesionais en diferentes quendas de traballo, existindo negativas de reforzo nas unidades tras petición dos profesionais e mantendo mobilizacións de persoal dunhas unidades a outras”. Unha situación que dificulta a actividade asistencial das traballadoras.