Gran festa con reencontros e música polo trinta aniversario do IES de Sar

A súa comunidade educativa, exalumnos, exprofesores e familias participaron este venres nun emotivo acto que contou coa actuación de varios artistas formados no centro 

Sanmartín e Aníbal García, no centro, con membros da directiva do IES do Sar e representantes dos partidos políticos que integran a corporación municipal

Sanmartín e Aníbal García, no centro, con membros da directiva do IES do Sar e representantes dos partidos políticos que integran a corporación municipal / Antonio Hernández

Máis de 450 docentes e máis de 10.000 alumnos e alumnas pasaron polo IES de Sar ao longo dos seus trinta anos de historia. O centro educativo compostelán comezou a súa andadura no ano 1994 e este venres celebrou o acto central do seu aniversario nunha xornada na que se suspenderon as clases para que toda a comunidade educativa do instituto xunto a exalumnos, exprofesores e pais e nais poideran participar.

O pavillón do IES foi o lugar de encontro. Nel chamou a atención dos asistentes un decorado escenario que acolleu distintas actuacións ao longo da mañá de exalumnos e exalumnas e de pais e nais de estudantes actuais do centro. Ao arredor eran visibles varias exposicións con traballos do propio alumnado. Ademais, a través dun proxector poidéronse ir vendo durante o transcurso do acto fotografías de feitos relevantes das tres décadas de historia. Unhas imaxes que lograron captar a atención de todo o público ao verse, como exemplo, celebracións de profesores ou orlas de antigos alumnos.

Baldo Ramos, vicedirector do centro, foi a persoa encargada de presentar o acto, quen nun primeiro instante chamou ao escenario ao director Aníbal García para dar comezo á celebración. García agradeceu a asistencia dos alí presentes, especialmente a do alumnado. “Detrás de cada logro hai un equipo de profesores, persoal administrativo, pais e nais, e todos xuntos creamos unha comunidade educativa solidaria”, manifestou. Director dende o ano 2020 agradeceu a confianza posta na súa persoa destacando que para el “é un privilexio liderar este colectivo”.

Aproveitou a súa intervención para pedirlle ás administracións alí presentes un multiusos para poder mostrar as exposicións e traballos do alumnado, así como ter asignado “suficiente” persoal docente para atender en boas condicións ao alumnado. Na ceremonia estiveron presentes a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a tenenta de alcalde, María Rozas, e outros represententantes dos partidos políticos que integran a corporación municipal. Tamén estivo presente a directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa.

Sanmartín dirixiuse aos alumnos/as incidindo no feito de que “o que máis lle pode gustar a un profesor é atopar a un exalumno e que lle vaia ben”. Exemplos que se poideron ver onte nas distintas intervencións. Definiu ao IES de Sar como un “centro singular” ao ser o único da comarca coa oferta de Bacharelato artístico e no que se aposta pola igualdade, diversidade e convivencia. Tamén recoñeceu a integridade do instituto no barrrio participando con exposicións no centro sociocultural. A alcaldesa puxo en valor a implicación de toda a comunidade educativa concluíndo coas palabras: “longa vida ao IES de Sar”. 

Pola súa banda María Rozas recordou que a veciñanza de Sar “tivo moito que ver coa existencia deste instituto”, un centro que se ve como “peza fundamental do barrio e da cidade”.

Entre as distintas actuacións que amenizaron a xornada contouse coa da soprano de orixe rusa Anna Mélikhova e a súa filla Catalina, que estuda o Bacharelato de Artes”, ou a de Gloria Pavía Tomé, compositora que cantou varios temas coa súa profesora María. Emocionada dirixiuse ao público. “Lembro momentos moi bonitos de cando estudaba e agora faime moita ilusión estar aquí de novo e ver a algún dos profesores que me deron clase”, comentou. 

Os preto de 500 alumnos do curso actual do IES de Sar encheron o pavillón do centro no acto deste venres

Os preto de 500 alumnos do curso actual do IES de Sar encheron o pavillón do centro no acto deste venres / Antonio Hernández

A alumna Eva Novio Jiménez tamén tivo a oportunidade de mostrar o seu talento xunto aos seus pais María Giménez e Tin Novio, compoñentes do grupo Manseliña.

Outros dos participantes no evento foron Faia Díaz, compoñente do grupo De Vacas, Tomé Mouriño, membro do grupo De Ninghures, e Adrián Costa un dos músicos de blues máis recoñecidos do país, moi aclamados polo público.

Tamén tomaron a palabra os dous exdirectores do centro que participaron na ceremonia. Tratouse de Maite Ruiz, quen asegurou “estar super orgullosa de estar aquí e vervos a todos de novo”, e Leopolo Bahíllo, quen recoñeceu botar de menos ao alumnado.

Fala o alumnado: “El profesorado es de lo mejor que hay”

O alumnado mostrouse animado ao longo de toda a xornada, habendo momentos nos que os aplausos se facían notar con máis forza. Iris Rivadulla, de segundo de Bacharelato de Artes afirmou que vía “moi interesante” a celebración deste acto. “A xente pode coñecer máis sobre o instituto e ver as capacidades que nacen aquí”, dixo. Para esta alumna é fundamental “visibilizar o que se fai no centro” vendo a repercusión na actualidade con recoñecidos artistas en distintos ámbitos.

Pola súa banda Marcos Martínez, de cuarto de ESO, destacou a implicación do profesorado e demais persoal do centro na preparación do acto. “Como en otras ocasiones le pusieron muchas ganas para preparar todo con el máximo detalle”. Non quixo olvidarse do “importante” papel dos conserxes do centro, asegurando o bo trato que existe co profesorado. “Es de lo mejor que hay”, asegurou.

A xornada rematou cunha comida no Hotel Monumento San Francisco. O amplo programa de actividades para conmemorar o trinta aniversario do centro, que comezou o pasado 8 de febreiro estenderase ata o 15 de maio. Concertos, conferencias ou sesións de teatro son algunhas das propostas.