Celebración dos 30 anos do IES de Sar con artistas formados no centro

Inaugurado en xaneiro de 1994, foi o primeiro de ensinanza pública no barrio e agora é o único de Compostela que ofrece o Bacharelato de Artes

Multiplicou por tres a cifra de alumnado dende o 2011

Hai prevista unha ampliación das súas dependencias

Alumado do IES de Sar e o cartel do 30 aniversario nunha parede do centro

Alumado do IES de Sar e o cartel do 30 aniversario nunha parede do centro / Jesús Prieto

O IES de Sar celebra este ano o seu 30 aniversario. Foi en xaneiro do ano 1994 cando este centro botou a andar nun novo edificio construído na rúa de Bernardo Barreiro de Vázquez Varela. Mentras, dende o inicio do curso en setembro o alumnado ubicouse nos Combonianos. Por aquel entón, xunto ao IES de Pontepedriña, era o único que ofrecía estudos de Secundaria. O centro abriuse coa intención de implantar o Bacharelato de Artes Plásticas, o único que hai en Santiago e a contorna. 

Nos inicios a cifra de alumnado no centro foi elevada. O vicedirector do IES de Sar, Baldo Ramo relata que “algunha xente fala duns 650 nos primeiros anos”. Aos dez anos de funcionamento houbo unha baixa importante na matrícula, feito que levou a tomar a decisión de compartir o edificio coa Escola Oficial de Idiomas, coa sección de inglés, algo que perdura na actualidade. No momento en que Ramos chegou ao cargo ao centro, no ano 2011, a cifra de alumnos e alumnas era de 260 e no actual curso académico son 460 entre os de Secundaria e Bacharelato de Artes, Humanidades e Ciencias. “Dende hai sete anos hai catro grupos en Bacharelato de Artes en primeiro e outros catro en segundo curso, debido á alta demanda. A maiores ofrécese a modalidade de Humanidades e a de Ciencias, un grupo por cada curso”, detalla. A cifra de docentes ronda os 50. 

Ata o 1994 non había ningún centro de ensinanza pública no barrio de Sar, o principal motivo da súa creación. “A xente conta que era unha zona de terras de cultivo e cando fixeron os edificios os accesos eran moi malos, non había nada urbanizado na zona”, comenta. Na actualidade, a edificación é a mesma, só que se queda pequena. “Temos solicitado na Consellería a ampliación dalgunhas dependencias, como o Salón de Actos, así como que se habilite algún espazo como sala de exposicións para que o alumnado de Artes teñan un espazo adecuado para expoñer os seus traballos, e parece que hai vontade de proceder coa mesma”, conta. 

O vicedirector do centro sinala como feitos memorables destas tres décadas de historia as saídas dende o Bacharelato de Ciencias ao CERN “case todos os anos”, a Semana Intercultural con conferenciantes de primeiro nivel como filósofos ou os intercambios con países como Polonia, Romanía ou Chipre a través do programa Comenius. A maiores, o IES de Sar foi pioneiro en Santiago ao implantar a sección bilingüe de francés, co fin de traer un lector nativo desta lingua para dar clases no centro, a través do Ministerio de Educación.

Ampla programación para celebrar o aniversario

Para conmemorar os 30 anos do instituto levarase a cabo un amplo programa de actividades que comezarán o vindeiro 8 de febreiro e estenderanse ata o 15 de maio. Concertos, conferencias, sesións de teatro, proxeccións de filmes serán algunhas das alternativas. Algunhas delas terán como protagonistas a figuras destacadas en artes ou ciencias e tamén a exalumnos do centro. “Aquí téñense formado artistas en distintos ámbitos e agora queremos recuperalos. Ademais eles mesmos están encantados de volver ao centro”, asegura. Unha delas é Faia Díaz, membro do grupo De Vacas. Recentemente contoulle a Baldo que a formación en Artes foi fundamental para optar pola súa actual profesión. “Isto tradúcese en que os estudos artísticos serven para formacións transversais que permiten seguir por outros camiños”, di. 

Alumado do IES de Sar e o cartel do 30 aniversario nunha parede do centro

Alumado do IES de Sar e o cartel do 30 aniversario nunha parede do centro / Jesús Prieto

Outra das convidadas é Lidia Cao. Como muralista encargáronlle para conmemorar os 30 anos dous murais exteriores para o instituto, un nunha parede vertical do edificio e outro no muro exterior, unha intervención que fixo hai meses coa colaboración do alumnado actual. “Queriamos que unha exalumna creara unha nova imaxe do centro”, relata.

Todas as actividades están dirixidas ao alumnado en horario lectivo e a única actividade que será aberta a toda a comunidade educativa, exalumnos, exprofesores, pais e familias será o 5 de abril. “Suspenderanse as clases pola mañá para facer unha festa no noso pavillón. Contará coa presencia de responsables da Consellería e do Concello e convocarase aos antigos directores do instituto”, afirma. Distintas actuacións amenizarán a xornada.

A maiores, o alumnado do centro está a realizar un documental conmemorativo para o que aínda non hai data de difusión. Unhas das profesoras coordinadoras do mesmo, Zoraida Barral, de Lingua Castelá e Literatura, comenta que se está a proceder coa realización de entrevistas a exalumnos, exprofesores e xente do barrio. “Nestas semanas estamos coas primeiras grabacións”, di.

"Os estudos artísticos serven para formacións transversais que permiten seguir por outros camiños”

Baldo Ramos

— Vicedirector do IES de Sar

José Manuel Blanco, o único profesor dende o curso 94-95

José Manuel Blanco Boo, cuxo pai xa fora profesor no Xelmírez I, comezou como profesor de Latín e Grego no curso 94-95, o primeiro no que houbo prazas definitivas. Moitos dos seus compañeiros mantivéronse na docencia ata hai uns cinco anos, sendo agora el o máis antigo. O que valora 30 anos despois é que “estamos nun centro que tiña mala fama por certos bulos de forma inmerecida que facían que a xente non quixera vir para aquí pero non hai máis que ver os resultados académicos, o bo estado das infraestruturas e o comportamento do alumnado”.

"Estou agusto e dame lástima xubilarme cando estou a disfrutar máis que nunca do instituto”

José Manuel Blanco Roo

— Profesor do IES de Sar

Na actualidade recoñece que “teñen maior aceptación”, grazas en parte a ser o único centro con Bacharelato de Artes en Santiago. Aos 62 anos xa podía estar xubilado, pero de momento quere seguir coa docencia. “Estou agusto e dame lástima deixalo cando estou a disfrutar máis que nunca do instituto.