Santiago

O PSOE de Santiago insta a arranxar o mal estado do firme nos xardíns Mosquera Pérez

Os socialistas consideran que Raxoi debería acometer estas actuacións de oficio

Denuncian que a zona leva “varios meses nun estado de abandono que vai a máis”

Fochancas nas vías do parque de Mosquera Pérez

Fochancas nas vías do parque de Mosquera Pérez / Cedida

O PSOE levará ao pleno de Santiago o mal estado de mantemento da cidade. Logo de recibir varias queixas da veciñanza da zona, o Grupo Socialista informou onte de que reclamará actuacións urxentes nos xardíns Mosquera Pérez, situados no barrio de Vista Alegre. Leva “varios meses nun estado de abandono que vai a máis”, sinala o voceiro no Concello, Gonzalo Muíños. O edil lamenta tamén que este tipo de reclamacións non terían que chegar ao pleno xa que dende o Goberno municipal deberían acometelas de oficio, sen agardar a que alguén as solicite.

O PSOE compostelán instará o executivo local a proceder á recollida de follas no parque, “xa que hai grandes acumulacións que xa se están a converter en barro e supoñen un perigo para os peóns”, explica Gonzalo Muiños, incidindo que “esa masa está a obstruír ademais as arquetas nos días de chuvia”.

Os socialistas piden actuacións de 'rebacheo'

O portavoz dos socialistas pide tamén que se acometan actuacións de ‘rebacheo’ no firme dos xardíns de Mosquera Pérez mentres non se poida levar a cabo o asfaltado completo da rúa que atravesa parte do parque, toda vez que presenta “importantes fochancas” que nas últimas semanas “foron a máis” a causa das fortes chuvias que caeron en Compostela neste período.

“Estamos falando de actuacións do día a día, que non habería tan sequera que levalas ao pleno” explica Muíños, que lle pide ao executivo encabezado por Goretti Sanmartín maior “dilixencia nas cousas do cotián”. “Semella que entre tanto anuncio de grandes revolucións no Concello estase a esquecer das pequenas cousas, e non tan pequenas, nos barrios e nas rúas”, ironiza o portavoz dos socialistas no Pazo de Raxoi.