Adiante a esperada reurbanización da rúa do Pombal: canto durarán as obras

O prazo da obra de execución previsto é de 8 meses

En Marrozos reformarase o vial A Pajuela-Campo da festa

A licitación das obras no Pombal sufriu demoras por incompatibilidades das empresas participantes no concurso

A licitación das obras no Pombal sufriu demoras por incompatibilidades das empresas participantes no concurso / Antonio Hernández

A xunta de goberno local que tivo lugar este luns adoptou, entre outros acordos, adxudicar o contrato das obras de reurbanización da rúa do Pombal á UTE Inside-Oviga, cun orzamento total de 732.420 euros (IVE engadido). Trátase dunha obra que houbo que volver licitar por quedar deserto o primeiro concurso, por non cumpriren cos bases as empresas participantes.

Neste mesmo proxecto o Concello de Santiago decidiu que o servizo de dirección facultativa, dirección de obra e coordinación de seguridade se adxudique á empresa Estudio Técnico Gallego por un importe de 31.399,5 euros (IVE incluído). A intervención no Pombal prevese que teña unha duración de 8 meses e levarase a cabo no treito da vía que está comprendido entre o cruzamento coa rúa Campiño da Ferradura e a travesía Cruceiro do Galo.

Esta reurbanización está pensada para ampliar o espazo da beirarrúa máis próxima ás edificacións, colocaranse pasos peonís elevados para desta maneira reducir a velocidade do tráfico e renovarase a dotación de servizos urbanos coma o abastecemento de auga e rego, o saneamento, o alumeado público ou a realización de canalizacións para o servizo de gas natural e de mais de telecomunicacións.

A nova calzada será de formigón pulido e a beirarrúa de cantería granítica, e nela incluirase mobiliario urbano (xardineiras, asentos, papeleiras e farois) que sirvan de liña de protección descontinua entre o tráfico e os peóns. Na zona central da vía, cun ancho de 3,1 metros na beirarrua, habilitaranse zonas de carga e descarga diferenciadas. Ademais, vaise aproveitar a intervención para substituír a antiga canalización de fibrocemento, en mal estado, e executarase unha nova rede de saneamento que separe augas pluviais e fecais.

Outro dos acordos adoptados na xunta de goberno afecta á parroquia de Marrozos, onde se executará a reforma do viario A Pajuela-Campo da festa, por parte da empresa Alcomte Galicia, por un importe de 439.929,65 euros (IVE engadido). Unha actuación enmarcada no Plan provincial de cooperación da Deputación da Coruña que ten por obxecto a mellora do espazo público nesa contorna mediante o actuacións de pavimentación e formación de cuneta transitable en ambas marxes.